Carbunco (mitoloxía)
Na mitoloxía galega fálase do carbunco (ou carbunclo) como un ser mítico con forma de serpe que vivía na lagoa de Antela, na Limia (Ourense).
Apenas se sabe nada máis destes seres, pero nun documento da Colexiata de Xunqueira de Ambía fala da cidade de Antioquía, asolagada baixo as augas da lagoa como castigo divino á maldade dos seus habitantes, e engade que, antes de desaparecer, alí "había animales carbuncos de gran resplandor y que estando más de media y tres cuartos de legua de donde los veía irse unos buscar otros".
Ese resplandor que se menciona procedía dunha pedra preciosa, misteriosa, coñecida como rubí místico, que posuían na cabeza (na fronte ou no pescozo) certos animais fantásticos, como dragóns, unicornios ou serpes, especialmente nos exemplares máis vellos. Di a lenda que se intentaba darlles caza para apoderarse desa xema, pero máis importancia como o tesouro que representa ten as propiedades máxicas que se supoñía que posuía este amuleto: eliminar velenos, protexer contra pragas, desterrar desgrazas, pensamentos malignos e pesadelos e mesmo proporcionaba a invisibilidade.[1]
Esta relación das serpes con pedras preciosas podería basearse na crenza popular de que os tesouros dos mouros están custodiados por encantos en forma de serpes.
O mito tamén está presente noutras culturas, e así en Irlanda falan dos Carabuncles (cobras que viven no fondo dos lagos e brillan polas xemas que cobre a súa pel); en Francia, das Vouivres (cunha pedra brillante na cabeza chamada escarboucle); ou en Suramérica (onde din que existe un animal que leva un espello brillante na cabeza).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Quintía Pereira, px. 8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.
- Quintía Pereira, Rafael (2009). A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega. Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.
- Quintía Pereira, Rafael (2009). "A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega" (PDF). Galicia Encantada (Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca) (5): 1–16. ISSN 1887-2859.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.