Immanuel Kant

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Kant»)

Immanuel Kant
Kant por J. L. Raab, 1791
Filosofía occidental - Ilustración
Nacemento22 de abril de 1724
Königsberg, Prusia
Morte12 de febreiro de 1804 (79 anos)
Prusia
FilosofíaKantismo, filosofía ilustrada, idealismo alemán
Intereses principaisEpistemoloxía, metafísica, ética e cosmogonía
Ideas salientablesIdealismo transcendental, filosofía crítica, distinción analítico-sintético, nóumeno, sapere aude, imperativo categórico, imperativo hipotético, reino dos fins, a distinción coñecemento-razón, a distinción abstracto-concreto, a primacía do práctico e hipótese nebular
InfluenciasChristian Wolff, Alexander Gottlieb Baumgarten, Platón, Aristóteles, Sexto Empírico, David Hume, Adam Smith, René Descartes, Baruch Spinoza, Gottfried Wilhelm Leibniz, Martin Knutzen, John Locke, Jean-Jacques Rousseau, Isaac Newton, Johannes Nikolaus Tetens, Emanuel Swedenborg, Euclides, Epicuro
Influente enPracticamente toda a filosofía occidental subseguinte: Johann Gottlieb Fichte, Friedrich Schelling, Friedrich Heinrich Jacobi, Jakob Sigismund Beck, Christian Jakob Kraus, Salomon Maimon, Karl Leonhard Reinhold, Friedrich von Schlegel, v, Georg Wilhelm Friedrich Hegel, Arthur Schopenhauer, Friedrich Nietzsche, Charles Sanders Peirce, Edmund Husserl, Martin Heidegger, Ernst Cassirer, Jürgen Habermas, John Rawls, Noam Chomsky, Jean Piaget, Søren Kierkegaard, Theodor W. Adorno, David Hilbert, Michel Foucault, Max Weber, P. F. Strawson, Leo Strauss, John McDowell, Georg Simmel, Joxe Azurmendi, Paul Guyer, T. K. Seung, Thomas Pogge, Mou Zongsan, Robert Nozick, Roy Bhaskar

Immanuel Kant[1], nado en Königsberg o 22 de abril de 1724 e finado na mesma vila o 12 de febreiro de 1804, foi un filósofo prusiano considerado a figura central da filosofía moderna.[2] Kant sostivo que a mente humana crea a estrutura da experiencia humana, que a razón é a fonte da moral, que a estética xorde dunha facultade de xuízo desinteresado, que o espazo e tempo son formas da nosa sensibilidade e que o mundo tal como é «en si» é independente dos nosos conceptos sobre el. Kant provocou unha revolución copernicana da filosofía, semellante ao xiro de Copérnico da crenza milenaria de que o Sol xiraba en torno á Terra. As súas crenzas continúan a ter unha grande influencia na filosofía contemporánea, especialmente nos eidos da metafísica, epistemoloxía, ética, teoría política e estética.

Kant na súa fase crítica buscou «inverter» a orientación da filosofía precrítica amosando como os problemas tradicionais da metafísica poden ser superados supondo que o acordo entre a realidade e os conceptos que empregamos para a concibir xorde non porque os nosos conceptos mentais teñan vindo a reflectir a realidade de xeito pasivo, senón porque a realidade debe axustarse aos conceptos activos da mente humana para seren concibibles e en todo o posible para que nós experimentar. Así, Kant consideraba as categorías da mente humana como a «condición de posibilidade» transcendental para calquera experiencia.[2]

Politicamente, Kant foi un dos primeiros expoñentes da idea de que a paz perpetua podería ser asegurada a través da democracia universal e da cooperación internacional. Cría que este sería o resultado final da historia universal, aínda que non estaba planteado racionalmente.[3] A natureza exacta das ideas relixiosas de Kant continúa a ser obxecto dunha disputa filosófica especialmente acalorada, con puntos de vista que van dende a idea de que Kant foi un expoñente temperán e radical do ateísmo que finalmente estoupou o argumento ontolóxico da existencia de Deus, os tratamentos máis críticos representados por Nietzsche que afirmaban que Kant tiña «sangue teolóxico»[4] e que Kant era simplemente un apoloxista sofisticado para a crenza relixiosa cristiá tradicional, escribindo que «Kant quería probar, dun xeito que confundise o home común, que o home común tiña razón: esa era a charabisca secreta desta alma».[5]

Na obra principal de Kant, Kritik der reinen Vernunft (Crítica da razón pura, 1781)[6], tentou explicar a relación entre a razón e a experiencia humana e de ir alén dos fracasos da filosofía e a metafísica tradicionais. Kant quería pór fin a unha era de teorías inútiles e especulativas da experiencia humana, resistindo o escepticismo de pensadores coma David Hume. Kant considerábase que remataba e amosaba o camiño máis aló do estancamento que a filosofía moderna levara entre os racionalistas e os empiristas[7], así como o sintetizador destas dúas tradicións modernas temperás no seu pensamento.[2]

Kant argumentou que as nosas experiencias están estruturadas polas características necesarias das nosas mentes. Na súa opinión, a mente modela e estrutura a experiencia de xeito que, nun nivel abstracto, toda a experiencia humana comparte certos trazos estruturais esenciais. Entre outras cousas, Kant cría que os conceptos de espazo e tempo son parte integral de toda experiencia humana, ao igual que os nosos conceptos de causa e efecto.[8] Unha consecuencia importante deste punto de vista é que a nosa experiencia das cousas é sempre do mundo fenoménico tal como o transmite os nosos sentidos: non temos acceso directo ás cousas en si mesmas, o chamado mundo noumenal. Kant publicou outras obras importantes sobre ética, relixión, dereito, estética, astronomía e historia. Estas inclúen Die Metaphysik der Sitten (Metafísica dos costumes, 1797), que trata a ética, e Kritik der Urteilskraft (Crítica do xuízo, 1790), onde aborda a estética e a teoloxía.

Kant apuntaba a resolver disputas entre enfoques empíricos e racionalistas. O primeiro afirmou que todo coñecemento vén a través da experiencia; o último sostiña que a razón e as ideas innatas eran prioritarias. Kant argumentou que a experiencia é puramente subxectiva sen ter sido procesada pola razón pura. Tamén dixo que empregar a razón sen aplicala á experiencia só conduce a ilusións teóricas. O exercicio libre e adecuado da razón polo individuo foi un tema tanto da Ilustración coma dos enfoques de Kant aos diversos problemas da filosofía. As súas ideas influíron a moitos pensadores de Alemaña durante a súa vida, e moveu a filosofía alén do debate entre os racionalistas e os empiristas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Kant naceu e morreu en Königsberg (actual Kaliningrad), daquela pertencente á Prusia. Foi o cuarto dos nove fillos de Johann Georg Kant, un artesán fabricante de correas (compoñente das carrozas de entón), e da súa muller Regina. Nacido nunha familia protestante, tivo unha educación austera nunha escola pietista, que frecuentou grazas á intervención dun pastor. Pasou gran parte da súa xuventude como estudante, sólido mais non espectacular, preferindo o billar ao estudo. Tiña a convicción curiosa de que unha persoa non podía ter unha dirección firme na vida ata que non atinxise os 39 anos. Con esa idade, era apenas un metafísico menor nunha universidade prusiana, mais foi entón cando pasou por unha breve crise existencial. Pode argumentarse que tivo influencia na súa posterior dirección.

Kant foi un respectado e competente profesor universitario durante case toda a súa vida, mais nada do que fixo antes dos 50 anos lle garantiría ningunha reputación histórica. Viviu unha vida extremadamente regulada: o paseo que facía ás tres e media todas as tardes era tan puntual que as mulleres domésticas dos arredores podían axustar os reloxos por el.

Kant nunca deixou Prusia e raramente saíu da súa cidade natal. A pesar da reputación que gañou, era considerado unha persoa moi sociábel: recibía convidados para xantar con regularidade, insistindo en que a compañía era boa para a súa constitución física.

Cara 1770, con 46 anos, Kant leu a obra do filósofo escocés David Hume. Hume é por moitos considerados un empirista ou un escéptico, desprezando toda a metafísica, mentres que outros o consideran un naturalista. A súa tese máis famosa é que nada na nosa experiencia xustifica a existencia de "poderes causais" inherentes nas cousas. Por exemplo, cando unha bola de billar choca con outra, a segunda "debe" moverse. Obviamente, as cousas sempre aconteceron así, e por iso tendemos a pensar, "polo costume e polo hábito" que así sexa. Só que non hai motivos racionais para iso.

Kant sentiuse profundamente perturbado, achaba o argumento de Hume irrefutábel, mais as súas conclusións inaceptábeis. Durante 10 anos non publicou nada e, entón, en 1781 sacou á luz a Crítica da Razón Pura, posibelmente o libro máis influente da filosofía moderna.

Neste libro desenvolveu a súa noción dun argumento transcendental para mostrar que, en suma, a pesar de non podermos saber necesariamente verdades sobre o mundo "como el é en si", estamos forzados a percibir e a pensar acerca do mundo de certas formas: podemos saber con certeza un gran número de cousas sobre "o mundo como el nos aparece": por exemplo, que cada evento estará causalmente conectado con outros, que aparicións no espazo e no tempo obedecen a leis da xeometría, da aritmética etc.

Tumba de Kant en Kaliningrad, 2017.

Nos preto de vinte anos seguintes, ata á súa morte en 1804, a produción de Kant foi incesante. O seu edificio da filosofía crítica completouse coa Crítica da razón práctica, que lidaba coa moralidade de forma similar ao modo que a primeira "crítica" lidaba co coñecemento; e a Crítica do xuízo, que lidaba cos varios usos dos nosos poderes mentais que nin confiren coñecemento factual nin nos obrigan a actuar: o xuízo estético (Do Belo e Sublime) e xuízo teleolóxico (Construción de Cousas Como Tendo "Fins"). Como Kant os entendeu, o xuízo estético e teleolóxico conectan os nosos xuízos morais e empíricos un ao outro, unificando o seu sistema.

Unha das súas obras, en particular, atinxe hoxe en día grande importancia entre os estudosos da filosofía moral. A Fundamentación da Metafísica dos Costumes considérase por moitos filósofos a máis importante obra escrita sobre a moral. É nesta obra onde o filósofo delimita as funcións da acción moralmente fundamentada e presenta conceptos como o Imperativo Categórico e a Boa Vontade.

Á parte disto, Kant escribiu algúns ensaios medianamente populares sobre historia, política e a aplicación da filosofía á vida. Cando morreu, en 1804, estaba a traballar nunha proxectada "cuarta crítica", tendo chegado á conclusión de que o sistema estaba incompleto; este manuscrito foi entón publicado como Opus Postumum.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Retrato de Kant de autor descoñecido.

A pesar de ter adoptado a idea dunha filosofía crítica, cuxo obxectivo primario era "criticar" as limitacións das nosas capacidades intelectuais, Kant foi un dos grandes construtores de sistemas, levando a cabo a idea de crítica nos seus estudos da Metafísica, Ética e Estética.

Unha cita famosa, "o ceo estrelado sobre min e a lei moral dentro de min", é un resumo dos seus esforzos: el pretendía explicar, nunha teoría sistemática, aquelas dúas áreas. Isaac Newton desenvolvera a teoría da física baixo a cal Kant quería edificar a súa filosofía. Esta teoría envolvía a asunción de forzas naturais que os homes non perciben, mais que se usan para explicar o movemento de corpos físicos.

O seu interese na ciencia tamén o levou a propor en 1755 que o Sistema Solar fora creado a partir dunha nube de gas na cal os obxectos se condensaron debido á gravidade. Esta hipótese é amplamente recoñecida como a primeira teoría moderna da formación do Sistema Solar e é precursora das actuais teorías da formación estelar.

Metafísica e Epistemoloxía[editar | editar a fonte]

O libro máis lido e máis influente de Kant é a Crítica da Razón Pura (1781), que resulta dunha experiencia de pensamento notabelmente simple. El dixo: "tente imaxinar algunha cousa que existe fóra do tempo e que non ten extensión no espazo". A mente humana non pode producir tal idea. Tempo e espazo son formas fundamentais de percepción que existen como estruturas innatas da mente. Nada pode ser percibido excepto a través destas formas, e os límites da física son os límites da estrutura fundamental da mente.

Kant denominou a súa filosofía crítica como "idealismo transcendental". A pesar de que a interpretación exacta desta frase pueda ser discutible, unha maneira da comprender é a través da comparación de Kant no segundo prefacio á Crítica da Razón Pura da súa filosofía crítica coa revolución de Copérnico na astronomía. Kant escribe:

Ata aquí, foi asumido que todo o noso coñecemento debe conformarse aos obxectos. Mais todas as nosas tentativas de estender o noso coñecemento de obxectos por estabelecer de calquera cousa "a priori" ao seu respecto, por medios de conceptos, acabaron, nesta suposición, por fallar. Temos pois, por tentativas, que ver se temos ou non máis éxito nas tarefas da Metafísica, se supoñemos que os obxectos deben corresponder ao noso coñecemento [Bxvi].

Tal como Copérnico revolucionou a astronomía ao mudar o punto de vista, a filosofía crítica de Kant pregunta cales as condicións "a priori" para que o noso coñecemento do mundo se poida concretar. O idealismo transcendental describe este método de procurar as condicións da posibilidade do noso coñecemento do mundo.

O "idealismo transcendental" de Kant deberá ser distinguido de sistemas idealistas como os de Berkeley. En canto Kant acha que os fenómenos dependen das condicións da sensibilidade, espazo e tempo, esta tese non é equivalente á dependencia mental no sentido do idealismo de Berkeley. Para Berkeley, unha cousa é un obxecto só se pode percibirse. Para Kant, a percepción non é o criterio da existencia dos obxectos. Antes, as condicións de sensibilidade -espazo e tempo- ofrecen as "condicións epistémicas", para usar a frase de Henry Allison, requiridas para que coñezamos obxectos no mundo dos fenómenos.

Kant descubriu "o escándalo da filosofía": non se poden definir os termos correctos para un sistema metafísico ata que se defina o campo, e non se pode definir o campo ata que se teña definido o límite do campo da física primeiro. Física, neste sentido significa, xenericamente, a discusión do mundo perceptíbel.

Filosofía moral[editar | editar a fonte]

Estatua de Immanuel Kant en Kaliningrado, hoxe territorio ruso. Réplica realizada por Harald Haacke da orixinal de Christian Daniel Rauch, perdida en 1945.
Crítica da razón pura. 1781

Kant desenvolve a súa filosofía moral en tres obras: Fundamentación da Metafísica dos Costumes (1785), Crítica da razón práctica (1788) e Metafísica dos Costumes (1798).

Nesta área, Kant é probabelmente máis coñecido pola súa teoría sobre unha obriga moral única e xeral, que explica todas as outras obrigacións morais que temos: o Imperativo Categórico.

O Imperativo Categórico, en termos xerais, é unha obriga incondicional, ou unha obriga que temos independentemente da nosa vontade ou desexos (en contraste co imperativo hipotético).

As nosas obrigas morais poden ser resultantes do imperativo categórico. Este pode formularse en tres formas, que el consideraba seren máis ou menos equivalentes (a pesar de opinión contraria de moitos comentadores):

  • A primeira formulación (a fórmula da lei universal) di:
Actúa soamente en concordancia con aquela máxima a través da cal ti poidas ao mesmo tempo querer que ela veña a se tornar unha lei universal.
  • A segunda fórmula (a fórmula da humanidade) di:
Actúa de forma que uses a humanidade, quer na túa persoa como de calquera outra, sempre ao mesmo tempo como fin, nunca soamente como medio.
  • A terceira fórmula (a fórmula da autonomía) é unha síntese das dúas previas. Di que deberemos actuar de forma que poidamos pensar de nós mesmos como leis universais lexislativas a través das nosas máximas. Só podemos pensar en nós como tales lexisladores autónomos se seguimos as nosas propias leis.

Fitos na vida de Kant[editar | editar a fonte]

  • 1724: nace o 22 de abril.
  • 1740: Frederico II convértese en Rei de Prusia. Foi un rei que trouxo sinais de tolerancia á Prusia, que era unha nación célebre pola disciplina militar. Trouxo ilustrados (Voltaire, o máis famoso) para a súa corte e continuou a política de encoraxamento á inmigración que o pai tiña seguido.
  • 1746: falecemento do pai de Kant. Kant deixou de ter sustento e tivo que atopar traballo como profesor particular.
  • 1748 - 1754 (entre os 24 e os 30 anos): Kant dá clases a nenos en pequenas vilas dos arredores.
  • 1755 (Kant ten 31 anos): publicación do Libro "Historia natural xenérica e teoría dos ceos". Kant consegue o título de Mestre e o dereito a dar clases na Universidade Alberto. Tamén daría clases como docente privado.
  • 1762 (Kant ten 38 anos): Kant le as recentes publicacións de Rousseau Emile (un libro sobre a educación nun sentido individualista) e o ensaio Contrato social.
  • 1770 (Kant ten 46 anos): convértese en profesor de Lóxica e Metafísica na Universidade, despois de 14 anos como docente (pagado polos alumnos). Kant le a obra de David Hume, que o espertará do seu "sono dogmático", como el mesmo dixo.
  • 1773 (Kant ten 49 anos): ironicamente, Frederico II, un protestante, concede refuxio á Orde dos Xesuítas, prohibidos polo Papa.
  • 1774 (Kant ten 50 anos): auxe do movemento romántico chamado "Sturm-und-Drang". Herder publica "Tamén unha filosofía da Historia para educación da Humanidade"
  • 1781 (Kant ten 57 anos): publica en maio Crítica da razón pura. A reacción é pouco encoraxadora. Moses Mendelssohn e Johann Georg Hamann pronúncianse con indecisión.
  • 1784 (Kant ten 60 anos): escribe un artigo titulado "Que é a Ilustración?" para a revista "Berlinischen Monatsschrift", como resposta a unha discusión na revista. Un anónimo escribira que a cerimonia do casamento xa non se conformaba ao espírito dos tempos da ilustración. Un pastor preguntou na resposta, que era entón a ilustración. Kant respondeu co seu artigo.
  • 1788 (Kant ten 64 anos): publicación de Crítica da razón práctica. Morte do amigo Johann Georg Hamann.
  • 1789 (Kant ten 65 anos): inicio da Revolución Francesa. Kant pronúnciase inicialmente de forma favorábel á Revolución, e sobre todo á secularización resultante, despois do cal o rei de Prusia Frederico Guillerme II prohíbelle pronunciarse sobre calquera tema relixioso.
  • 1795 (Kant ten 71 anos): publicación do tratado "Sobre a paz perpetua", no cal xorde a perspectiva dun cidadán do mundo esclarecido.
  • 1804: con case 80 anos de idade, Kant faleceu en Königsberg, despois dunha prolongada doenza que presentaba síntomas semellantes á doenza de Alzhéimer. Xa non recoñecía sequera os seus amigos íntimos.

Influencia[editar | editar a fonte]

Selo postal de 1974 editado na República Federal Alemá para conmemorar o 250 aniversario do nacemento de Kant.
Moeda de prata de 5 marcos alemáns conmemorativa do 250 aniversario do nacemento de Kant.

A influencia de Kant no pensamento occidental foi moi profunda.[9] Por riba da influencia sobre pensadores concretos, Kant cambiou o marco dentro do cal se levarían a cabo as investigacións filosóficas. Estableceu un cambio de paradigma: hoxe en día realízase moi pouca filosofía ao estilo da filosofía pre-kantiana. Este cambio consiste nalgunhas innovacións fortemente relacionadas que se fixeron axiomáticas, na mesma filosofía e nas ciencias sociais e humanidades en xeral:

  • A "revolución copernicana" de Kant, que situou o papel do suxeito humano ou coñecedor no centro de toda investigación dentro do noso coñecemento, tal que é imposible filosofar acerca das cousas xa que son independentes de nós ou de como son para nós.[10]
  • A súa invención da filosofía crítica, isto é, a noción de sermos capaces de descubrir e explorar sistematicamente os posíbles límites inherentes á nosa habilidade para coñecer a través do razoamento filosófico.
  • A súa creación do concepto de "condicións de posibilidade", como na súa noción das "condicións de experiencia posible", isto é que as cousas, o coñecemento, e as formas de consciencia, descansan en condicións previas que as fan posibles, polo tanto, para entendelas ou coñecelas, temos primeiro que entender esas condicións.
  • A súa teoría de que a experiencia obxectiva está constituída activamente ou construída polo funcionamento da mente humana.
  • A súa noción autonomía moral como fundamental para a humanidade.
  • A súa aserción do principio de que os seres humanos deben ser tratados como fins e non como medios.

As ideas de Kant foron incorporadas a unha gran variedade de escolas de pensamento. Estas inclúen o idealismo alemán, o marxismo, o positivismo, a fenomenoloxía, o existencialismo, a teoría crítica, a filosofía lingüística, o estruturalismo, o posestruturalismo, e a deconstrución.[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Kant, Immanuel". Diciopedia do século 21 2. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1164. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Immanuel Kant". Stanford Encyclopedia of Philosophy. Consultado o 6 de outubro de 2015. 
  3. Idee zu einer allgemeinen Geschichte in weltbürgerlicher Absicht.
  4. Nietzsche, Friedrich (1888). Der Antichrist, Fluch auf das Christentum. 
  5. Nietzsche, Friedrich (1977). The Portable Nietzsche. Penguin Books. ISBN 978-0140150629. 
  6. Kant, Immanuel (1996). Critique of Pure Reason. Hackett. ISBN 978-0872202573. 
  7. Vanzo, Alberto (2013). "Kant on empiricism and rationalism". History of Philosophy Quarterly 30 (1): 53–74. ISSN 0740-0675. 
  8. Warburton, Nigel (2011). A Little History of Philosophy. Yale University Press. ISBN 0300152086. 
  9. Ian P. McGreal (1992). Great thinkers of the Western World (en inglés). HarperCollins. ISBN 006270026X. No artigo sobre Kant, o profesor Oliver A. Johnson di: With the possible exception of Plato's Republic, (Critique of Pure Reason) is the most important philosophical book ever written. 
  10. Stephen Palmquist (1993). "III". Kant's System of Perspectives: An Architectonic Interpretation of the Critical Philosophy (en inglés). Lanham: University Press of America. ISBN 0-8191-8927-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vázquez Lobeiras, M. Xesús (2005). Immanuel Kant. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-91-0. 
  • Vorländer, Karl (1924). Immanuel Kant. Leipzig: Meiner, reimpresión Wiesbaden: Fourier. ISBN 3-932412-18-4. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]