Deconstrución

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A deconstrución é a xeralización por parte do filósofo postestruturalista francés Jacques Derrida do método implícito nas análises do pensador alemán Martin Heidegger, fundamentalmente nas súas análises etimolóxicas da historia da filosofía.

Analiza a construción dun concepto calquera a partir de procesos históricos e acumulacións metafóricas, mostrando que o claro e evidente dista de selo, xa que os útiles da conciencia en que o verdadeiro en si debe darse son históricos, relativos e sometidos ás paradoxas das figuras retóricas da metáfora e a metonimia.

O concepto de deconstrución está baseado tanto na filosofía como na literatura, e tivo gran acollida especialmente nos Estados Unidos. Aínda que o termo xa fora utilizado por Heidegger, foi a obra de Derridá a que sistematizou o seu uso e teorizou a súa práctica.

Orixe[editar | editar a fonte]

O termo deconstrución é a tradución proposta por Derrida do termo alemán Destruktion, que Heidegger emprega en Sein und Zeit. Derrida estima que deconstrución é máis correcto que a tradución clásica como destrución, dado que non se trata tanto, dentro da deconstrución da metafísica, da redución á nada, como de mostrar como foi abatida.

En Heidegger a destruktion conduce ao concepto de tempo; debe velar por algunhas etapas sucesivas a experiencia do tempo que foi recuberta pola metafísica, facendo esquecer o sentido orixinario do ser como ser temporal. As tres etapas desta deconstrución séguense en busca da historia:

  • o tratado de Aristóteles sobre o tempo como discrimen da base fenoménica e dos límites da ontoloxía antiga.
  • o fundamento ontolóxico do cogito ergo sum de Descartes e a recuperación da ontoloxía medieval dentro da problemática da res cogitans;
  • a doutrina Kantiana do esquematismo e o tempo como etapa prealable dunha problemática da temporalidade;

Porén, se ben Heidegger anuncia esta deconstrución na fin da introdución de Sein und Zeit, esta parte —que debía constituír a segunda da obra segundo o plan de 1927— non foi nunca redactada en tanto que tal. Con todo, pode considerarse que aparece trazado parcialmente noutras obras ou conferencias, como Kant und das Problem der Metaphysik (1929).

Derrida traduce e recupera por conta propia a noción de deconstrución; entende que a significación dun texto dado (ensaio, novela, artigo xornalístico...) é o resultado da diferenza entre as palabras empregadas, e non a referencia ás cousas que representan; trátase dunha diferencia activa, que traballa en creux cada sentido de cada un das palabras que opón, dun modo análogo á significación diferencial saussuriana na lingüística. Para marcar o carácter activo desta diferencia (en lugar do carácter pasivo da diferencia relativa a un xuízo continxente do suxeito) Derrida suxire o termo différance, ‘diferancia’, palabra baúl que combina diferencia e o participio presente do verbo «diferir». As diferentes significacións dun texto poden ser descubertas descompoñendo a estrutura da linguaxe dentro do cal está redactado.

Teoria[editar | editar a fonte]

A deconstrución non debe ser considerada como unha teoría de crítica literaria nin como unha filosofía, senón como unha estratexia de lectura que investiga as condicións de posibilidade dos sistemas conceptuais da filosofía, non como a procura das condicións transcendentais da posibilidade do coñecemento. A deconstrución revisa e disolve o canon nunha negación absoluta de significado, pero non propón un modelo orgánico alternativo.

A filosofía tradicional de Occidente (platónico-hegeliana) presupuxera sempre un escenario de racionalidade sistemática, un dominio da fala sobre a escritura, un mundo en última instancia no que todo ten sentido. A deconstrución rebélase entre este abuso da racionalidade de herdanza hegeliana, propoñendo precisamente o contrario: a imposibilidade de que os textos literarios teñan o menor sentido.

Nesta filosofía tradicional, a obra literaria é considerada unha envoltura retórica que inclúe a sabedoría oculta da Idea que a persoa lectora debe espertar co beixo semiolóxico. Neste sentido, a obra literaria estaba considerada sempre como dotada dunha totalidade de sentido. A deconstrución afirma que a envoltura retórica é todo o que hai, polo que a obra de arte literaria é irredutible a unha idea ou concepto. A deconstrución nega á obra literaria o concepto de totalidade, ao afirmar que o texto non pode ser aprehendido na súa globalidade, xa que a escritura circula nun movemento constante de remisión que converte a totalidade en parte dunha totalidade maior que nunca está presente. Deste modo é imposible enmarcar o texto, crear un interior e un exterior. «Il n’y a hors du texte».

En canto ao sentido, segundo a deconstrución é interminablemente alegórico, polo que carece de univocidade e obviedade. Á linguaxe recoñéceselle unha gran complexidade e equívoca riqueza, polo que se aceptan dous tipos de lectura: a unívoca baseada na mensaxe transparente, e a deconstrutiva, que remite á plasticidade e corporeidade mesma dos significantes. A deconstrución nega a posibilidade da denotación pura, da referencialidade do texto. Ante a ditadura do canon, prantexa a democracia da polisemia, establecendo que o acto de lectura xera infinitas diseminacións. Fronte a un texto será imposible determinar unha lectura como a boa. As lecturas posibles serán así infinitas porque xamais lectura algunha acadará o bo sentido.

A deconstrución aplícase a todos os factores que poden funcionar como centro estrutural dun texto (significado transcendental, contexto, contido, tema...), de modo que non poidan deter o libre xogo da escritura. Prantexa unha disociación hiperanalítica do signo, propoñendo unha subversiva posta en escena do significante afirmando que calquera tipo de texto (literario ou non) se presenta non só como un fenómeno de comunicación, senón tamén de significación. A deconstrución realiza un prantexamento quiásmico, movéndose entre a negación-afirmación do símbolo. Afírmase a autonomía do signo respecto aos significados transcendentais e négase que a escritura só remita a si mesma.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]