George Berkeley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

George Berkeley e un filósofo e clérigo irlandés, considerado o fundador da moderna escola do idealismo, teoría que afirma que a existencia de todos os obxectos físicos depende da mente. De acordo cos seus escritos de principios do século XVIII, una mesa 'é' real só se unha mente a percibe. Polo tanto, os obxectos son ideas. Berkeley mantiña que non se pode concibir que a materia exista con independencia da mente; os fenómenos dos sentidos só poden explicarse supoñendo que hai un deus que provoca de forma continua a percepción na mente humana.

George Berkeley

Biografía[editar | editar a fonte]

Naceu o 12 de marzo de 1685 en Dysert, Irlanda, nunha familia acomodada. Estudou en Kilkenny College, e asistiu as clases no Trinity College en Dublín, onde rematou os seus estudos en 1707. Permaneceu no Trinity College ata lograr un título de profesor de Grego. Toda a súa vida estivo marcada polo afán de realizar una apoloxía da relixión cristiá. Pensaba que para iso o mellor era manexar como instrumento o inmaterialismo.

A súa primeira publicación foi de carácter matemático, pero a primeira que gañou notoriedade foi o seu Ensaio An Essay Towards a New Theory of Vision (Cara unha nova teoría da visión), publicado en 1709. Aínda que levantou moita polémica no seu momento, as súas conclusións forman parte na actualidade da óptica. A esta obra seguiraa o Treatise on the Principles of Human Knowledge (Tratado sobre os principios do coñecemento humano), en 1710. Con ambas concluirá a primeira etapa da súa produción filosófica, caracterizada polo interese en loitar contra os librepensadores, contra os escépticos que negaban a existencia de Deus ou a puñan en dúbida. As obras que seguiron, dentro da mesma liña, adoptan o esquema teórico do neoplatonismo. Trasládase a Londres en 1713 onde se relaciona con varios intelectuais moi coñecidos na súa época. Entre eles estaba o seu compatriota Jonathan Swift. Ese mesmo ano aparecería Three Dialogues Belween Hylas and Philonous (Os tres diálogos entre Hylas e Philonus, nos que desenvolveu o seu sistema filosófico, cuxo principio fundamental é que o mundo que se representa nos nosos sentidos só existe se é percibido). Os principios é unha exposición, mentres que os diálogos constitúen a súa defensa. En forma dialogada expón a doutrina do Ensaio e do Tratado á vez que contesta a algunhas obxeccións.

Un dos seus obxectivos principais foi combater o materialismo, teoría dominante na súa época. Aínda que as súas teorías foron ridiculizadas, algúns, como S. Clarke, considerárono un xenio. Pouco despois visitou Inglaterra onde foi recibido por Addison, Pope e Steele. No período entre 1714 e 1720 alternou os seus traballos académicos con viaxes por Europa. En 1721 recibiu un doutorado en teoloxía, e decidiu permanecer no Trinity College de Dublín dando clases de Teoloxía e Hebreo. En 1724 fixérono deán de Derry.

Durante este período concibiu o proxecto de fundar nas illas Bermudas un colexio para evanxelizar os nativos de América. Estaba convencido de que Europa se atopaba condenada a unha inevitábel decadencia moral. Debido a iso a civilización e a relixión só podían sobrevivir se se levaban a pobos xoves. En 1728 partiu dende Inglaterra con dirección a América. Pasou tres anos en Rhode Island, esperando as axudas que lle prometeran. Porén estas non chegaron, e en 1731 volveu a Inglaterra. Durante os tres anos que residiu en Rhode Island –onde comprou unha fábrica e construíu unha casa- Berkeley escribiu o Alcifrón ou o filósofo insignificante contra Shaftesbury, e en 1734-1737 The Querist. En 1734 Berkeley foi nomeado bispo da pequena diocese de Cloyne, en Irlanda. En Cloyne, dedicado á realización de obras filantrópicas e morais, Berkelley permaneceu ata poucos meses antes da súa morte, ocorrida en 1753. Unha epidemia que se produciu entre 1739 e 1740 serviu de ocasión para que o bispo Berkeley escribise –e máis tarde publicase, en 1744- “A Siris, cadea de reflexións e investigacións filosóficas sobre as virtudes da auga de alcatrán, e outros distintos temas vinculados entre si e que xorden uns de outros”.

Durante o verán de 1752, Berkeley trasladouse a Oxford, onde faleceu poucos meses despois, o 1 de xaneiro de 1753. En 1781, con carácter póstumo, publicouse o relato da súa viaxe a Italia, titulado Diario en Italia.

Este é o Berkeley de quen deriva o seu nome a cidade norteamericana homónima, sede dun importante centro universitario no estado de California.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Berkeley desenvolveu a súa teoría filosófica como unha resposta ao escepticismo e o ateísmo. Afirmaba que o escepticismo xorde cando a experiencia ou as sensacións se atopan desligadas dos obxectos, non deixando ningún camiño posible para saber deles excepto a través das ideas. Para poñer fin a esta disociación, unha persoa ten que recoñecer que o "ser" das cousas sensibles consiste só en que son percibidas. Todo o que é percibido é real, por iso as únicas cousas cuxa existencia se pode coñecer son aquelas que se poden percibir. Berkeley insistiu, non obstante, en que as cousas si teñen unha existencia fóra da mente humana e as súas percepcións, pois as persoas non poden controlar as ideas que teñen. En consecuencia, debe haber unha mente na que existan todas as ideas, un omnipresente espírito infinito, a saber, Deus, que o percibe todo. Deus é, para Berkeley, o garante da orde que se acha entre todas as ideas.

O sistema filosófico de Berkeley eliminaba calquera posibilidade de coñecemento dun mundo externo material. A pesar de que o seu sistema tivo poucos seguidores, as súas críticas aos razoamentos sobre un mundo separado externo e ao concepto da materia foron poderosas e influíron nos filósofos posteriores.

A filosofía científica de Berkeley bautizouse como empirista, positivista instrumentalista, fenomenolóxica e teísta. Berkeley foi un dos primeiros críticos de Newton, aínda que a súa filosofía xurdiu como consecuencia de ler o Ensaio sobre o entendemento humano de Locke, que apoiaba e estendía as ideas de Newton. Berkeley rexeitou a dicotomía entre a materia ou substancia, por un lado, e as diferentes calidades que percibimos nela cos nosos sentidos, polo outro; con espírito aínda máis empirista que o de Locke, sinalou que como o único que realmente percibimos son as calidades, mentres que a materia nada máis a supoñemos, esta debería eliminarse, deixando á realidade formada só por dous elementos: as mentes e as ideas que istas experimentan directamente. De aquí xorde o famoso esse est percipi, cuxa única excepción (para Berkeley) é Deus. As cousas que enchen este mundo existen grazas a que son percibidas por Deus, pero o seu poder é tan grande que a través del nós tamén as percibimos.

A filosofía da ciencia de Berkeley derivase da súa epistemoloxía, que non require da andamiaxe metafísica necesaria para demostrar a existencia de Deus: como bo idealista, postula que as nosas experiencias dos fenómenos reais só son secuencias de ideas que ocorren na mente, sen relación causal ningunha có mundo exterior; como bo fenomenólogo, sinala que a "negrura" da noite ou o sabor dun doce son os únicos obxectos do coñecemento; como bo instrumentalista, critica a Newton pola súa transformación de termos matemáticos en entidades "reais", pode dicirse que a posición de Berkeley ante as leis da mecánica newtoniana era claramente idealista, fenomenolóxica, instrumentista e positivista. No seu esforzo por establecer unha teoría racional do coñecemento totalmente consistente, Berkeley sacrificou a súa credibilidade. Ao saber o doutor Johnson de que Berkeley negaba a existencia do mundo exterior, pateou unha gran pedra mentres dicía: "¡Así é como o refuto!" A pesar do peso histórico desta anécdota, o irascíbel doutor Johnson non estaba refutando nada, senón simplemente xerando certas sensacións diferentes no seu pé. Pero Berkeley anticipou con gran claridade o seguinte e último paso do empirismo, dado por Hume, que foi o recoñecemento das dificultades implícitas na teoría filosófica da causalidade e do que posteriormente coñeceuse como o "problema da indución".

En consecuencia:

  1. Todo coñecemento do mundo empírico obtense a través da percepción directa.
  2. O erro provén de considerar en detalle as percepcións.
  3. O coñecemento do mundo empírico pode purificarse e perfeccionarse eliminando todo o pensamento e quedándose só coas percepcións puras.

De isto séguese que:

  1. A forma ideal do coñecemento científico obtense perseguindo as percepcións puras, sen intervención do intelecto.
  2. Se os individuos actuaran desta forma, seriamos capaces de coñecer os secretos máis profundos do mundo natural e do mundo humano.
  3. A meta da ciencia, polo tanto, é desintelectualizar.
Tratado sobre os principios do coñecemento

Obras[editar | editar a fonte]

  • Ensaio para unha nova teoría da visión (1709).
  • Tratado sobre os principios do coñecemento (1710).
  • Tres diálogos entre Hylas e Philonous (1713).
  • Alcifrón (1732).
  • O analista (1734).
  • Siris (1744).
  • Diario en Italia (1781, póstumo).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: George Berkeley

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Reale, G., Antiseri, D. (1995). Historia del pensamiento filosófico y científico, II Del humanismo a Kant. ISBN 978-84-254-1590-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]