Malpica de Bergantiños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Malpicán»)
Modelo:Xeografía políticaMalpica de Bergantiños
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Map
 43°17′54″N 8°49′29″O / 43.2984, -8.8246Coordenadas: 43°17′54″N 8°49′29″O / 43.2984, -8.8246
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor em Wikidata
CapitalMalpica Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación5.241 (2023) Editar o valor em Wikidata (85,61 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie61,22 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor em Wikidata
Altitude387 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataEduardo Parga Veiga Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Malpica de Bergantiños Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15113 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE15043 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webconcellomalpica.com Editar o valor em Wikidata

Malpica de Bergantiños é un concello galego da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños, en plena Costa da Morte. Limita co concello de Carballo polo leste, co de Ponteceso polo sur, e co océano Atlántico polo oeste e o norte.

Segundo o INE no ano 2016 tiña unha poboación de 5616 habitantes (5.768 no 2014, 5.998 no 2012, 6.102 no 2011, 6.178 no 2010).

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «malpicán».

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

É un municipio de 61,22 km². A súa capital é a vila de Malpica, situada nunha península que contén, nun dos seus lados o porto pesqueiro, e noutro a praia de Area Maior. A súa costa esténdese desde o Monte Nariga ata a Punta de Razo, extremo occidental da praia de Baldaio, que pertence ao concello limítrofe de Carballo.

De costas ó porto atópanse o paseo marítimo e a Area Maior, espazos de descanso para o viaxeiro e lugar de encontro para surfeiros durante todo o ano. Seguindo cara ao noroeste están a praia de Seaia e mailo cabo de San Adrián ou Santo Hadrián.

Fronte ó cabo emergullan as illas Sisargas, un refuxio natural de aves mariñas como gaivotas e corvos mariños. Están custodiadas por un faro que serve de axuda á navegación mariña, actualmente automático, pero no que durante anos se forxaron moitas xeracións de fareiros.

Demografía[editar | editar a fonte]

A súa poboación sufriu unha tendencia á diminución progresiva, que parece imparable nos últimos vinte anos.

Censo total 2014 5.768 habitantes
Menores de 15 anos 453 (7.85 %)
Entre 15 e 64 anos 3.513 (60.91 %)
Maiores de 65 anos 1.802 (31.24 %)
Evolución da poboación de Malpica de Bergantiños   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
5.577 6.261 7.757 8.549 6.890 6.228 6.102 5.998 5.875 {{{13}}} {{{14}}} {{{15}}} {{{16}}} {{{17}}} {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Ademais da capital do concello, os seus núcleos de poboación máis importantes son a vila oleira de Buño, a aldea de Mens, coa súa igrexa románica e as Torres medievais de Mens, e a aldea de Barizo, cuxo porto natural aparece xa nos cartularios do s. XV como porto de saída e entrada de mercadorías.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista xeral de Malpica de Bergantiños.

As primeiras noticias documentais datan do século XIII, cando aparece citada como lugar pertencente ó señorío do arcebispo de Compostela. No século XV, Sancho de Ulloa, Conde de Monterrei, arrebataríalla ó arcebispo Alonso II de Fonseca, para incorporala ós seus dominios.

Malpica viu a luz e medrou botándose ó mar. O Cardeal Hoyo refire que a principios do século XVII a actividade económica da vila se centraba na pesca de cetáceos, en colaboración con mariñeiros cántabros e vascos, despois de pagar estes a taxa estipulada polo arcebispo de Compostela. Aínda hoxe encontramos mostras desta pesca nas vigas que sosteñen o teitume de moitos muíños hidráulicos ou mesmo de vellas casas de arquitectura mariñeira, presentes en barrios coma os da Atalaia ou no Areal.

A causa da súa importancia como porto baleeiro, Malpica foi sede da Axudantía de Mariña ata o ano 1895, data en que se trasladaría a Ponteceso e posteriormente a Corme.

Decaído o auxe da pesca da balea, a perigosa enseada (ou "ribeira" como aínda se coñece na actualidade o porto malpicán) pasou a ser cala de mariñeiros que pescaban con artes tradicionais hoxe desaparecidas como o "mediomundo". Con posterioridade, o sector pesqueiro cobrou un novo pulo trala aparición das fábricas de conserva e salgadura; agora traíñas e tarrafas lanzábanse ó mar para capturar sardiñas. En tempos de carencia, buscábanse mellores caladoiros na ría de Muros e Noia.

Até 1916 recibía simplemente o nome de Malpica, pero nese ano pasou a ser chamado Malpica de Bergantiños para distinguilo dos concellos de Malpica (Toledo) e Malpica de Arba (Zaragoza).[1].

Cultura[editar | editar a fonte]

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

As Fontes[editar | editar a fonte]

Fonte de Baixo[editar | editar a fonte]

A Fonte de Baixo foi financiada por Anselmo Villar Amigo, nado en Malpica en 1850 e emigrado moi novo a Bos Aires, onde desenvolveu unha grande actividade empresarial e política. Mandou cartos para facer obras necesarias na súa vila natal, como a rampla do antigo porto, o murallón, a praza de abastos (reconvertida en escola e máis tarde en casa do Concello) e a Fonte de Baixo. En 1957 colocouse un busto do benfeitor.

Esta fonte supuxo a primeira traída de auga a Malpica, polo que as mulleres e os rapaces acostumaban facer bastantes viaxes para ir buscar auga. Converteuse axiña nun punto de reunión, onde se falaba e xogaba.

Fonte Vella[editar | editar a fonte]

A Fonte Vella é a máis antiga do vila de Malpica. Na parede frontal aparece a inscrición "P.B. ano 1890", que corresponde ao ano e á persoa que a construíu. Na fonte tamén aparece unha cruz con Xesucristo. Está na praza do seu nome.

Fonte do Ventorrillo[editar | editar a fonte]

A fonte do Ventorrillo construíuse en 1934 pero anos máis tarde mudárona de sitio.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Ademais das festas parroquiais, teñen sona o Corpus Christi e as Festas do Mar de Malpica, así como a celebración de Santa Filomena en Buño e de San Brais en Vilanova.

Santo Hadrián[editar | editar a fonte]

Capela do Santo Hadrián coas Illas Sisargas ao fondo.

A festividade do Santo Hadrián celébrase o primeiro domingo logo do 16 de xuño.

A romaría comenza coa saída do Santo Hadrián en procesión desde a igrexa parroquial de San Xulián de Malpica, onde está durante todo o ano. Segundo a tradición, Santo Hadrián cura as verrugas. O rito é, tras escoitar misa, lavar as mans na fonte e secalas nun pano que se deixa secar a carón da fonte. A tradición tamén di que cura outras doenzas do corpo humano e dos animais, tras escoitar a correspondente misa e a doazón dunha figura de cera que representa a parte doente do corpo. Hai postos de venda de exvotos no camiño ata a capela, e as figuras déixanse dentro da capela.

O santo Hadrián ten sona na comarca, sendo patrón de Corme Aldea (Ponteceso), Sofán (Carballo), Verdes (Coristanco) e Malpica.

Corpus[editar | editar a fonte]

O Corpus celébrase desde hai máis de douscentos anos. Tradicionalmente celebrábase en xoves, e o martes anterior os gandeiros dos arredores achegábanse ao centro da vila cos seus años e ovellas, que eran mercados polos malpicáns para á festa. Na actualidade celébrase o venres seguinte para amoldarse ó calendario laboral. É festivo local.

A festa consiste en alfombras de flores, procesión matinal, orquestras e atraccións.

A Festa do Mar[editar | editar a fonte]

A Festa do Mar, celebrada a finais de agosto, é o tributo da xente do mar á súa patroa, a Virxe do Carme, en honra dos que morreron no mar e de todos os mariñeiros. A ela dedícanlle unha procesión mariñeira con barcos engalanados e flores que levan a imaxe da Virxe ata as illas Sisargas, con tódolos barcos acompañándoa e cheos de xente.

É tradicional tirar flores ó mar en ofrenda ós mortos. Cada ano leva a Virxe un barco distinto e outro vai de acompañamento coa banda de música. A xente tírase ao mar, ás veces coa roupa, cando remata a procesión.

O Entroido[editar | editar a fonte]

O Xogo das vacas (Barizo)[editar | editar a fonte]

Pantomima tradicional en Barizo, que se celebra o martes de Entroido. Garda relación con outros ritos agrarios ós que tódolos investigadores atribúen unha grande antigüidade.

Trátase da representación dunha escena agraria: mentres dúas vacas aran unha leira, un labrego esparce a semente (serraduras); ó rematar, labrego, chamadora e sementador sentan a comer e aparecen dous compradores para as vacas acompañados dun veterinario. Finalmente a venda no se leva a cabo e as vacas volven a casa tirando do carro no que levan tódolos trebellos da labranza e ós actores.

Toda a escena transcorre entre chistes de dobre sentido, ironías, bromas ós espectadores, alusións máis ou menos claras ós veciños, ós sucedidos nese último ano etc. Tamén as vacas adoitan desobedecer para arremeter contra o público. Todo iso coa intención de provocar as gargalladas.

Tradicionalmente a representación levábase a cabo no campo da festa, o que resultou imposible desde que foi asfaltado. Hoxe faise diante do Xan. Tamén, tradicionalmente, tódolos actores e organizadores eran homes, mesmo as vacas e os personaxes femininos. Este costume foi mudando timidamente nos últimos anos nos que comezaron a participar mulleres, sempre minoritariamente. Este cambio afecta só á representación, non á organización.

A Mikaela (Buño)[editar | editar a fonte]

Festa de final do Entroido na vila de Buño, que se celebra o sábado seguinte ó mércores de cinza.

A Mikaela é unha boneca de gran tamaño e atributos femininos deliberadamente esaxerados, feita á man polos veciños de Buño. Unha vez construída, e despois de comer, é tranportada por unha comitiva masculina na que participan tódolos homes do lugar e que vai dende o Campo de Canta la rana até o Campo da Culpa, percorrendo así todo o lugar. A comitiva vai parando en tódalas casas pedindo filloas e viño mentres fan bromas e chistes. Chegados ó destino, a Mikaela é queimada poñendo así fin ó entroido. A festa continúa até ben entrada a madrugada.

Na actualidade Mikaela é transportada sobre un tractor e, na comitiva, participan mulleres sempre que vaian vestidas de xeito masculino. Asemade, no canto de parar nas casas, van parando nos bares.

Símbolos[editar | editar a fonte]

O seu escudo foi aprobado polo Decreto 6/2015 da Xunta de Galicia, do 8 de xaneiro (DOG núm. 14 do 22/01/2015).

A súa bandeira foi aprobada polo Decreto 7/2015 da Xunta de Galicia, do 8 de xaneiro (DOG núm. 14 do 22/01/2015).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Méndez Fernández, Luz (2016). Real Academia Galega, ed. "Galicia no Decreto de 1916". Boletín da Real Academia Galega (377): 365–383. ISSN 1576-8767. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dasairas, X.: "O entroido en terras de Monterrei". Edicións do Cumio, Pontevedra 1990, 56
  • Romero Masiá, Ana e Pose Mesura, Xosé M.: "Unha manifestación do entroido en Barizo: o xogo das vacas", en Boletín Auriense XX-XXI, 1990-1991, 397-411.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Malpica de Bergantiños

Barizo (San Pedro) | Buño (Santo Estevo) | Cambre (San Martiño) | Cerqueda (San Cristovo) | Leiloio (Santa María) | Malpica de Bergantiños (San Xulián) | Mens (Santiago) | Vilanova de Santiso (San Tirso)