Espulla
| Espulla | |||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Espullas nunha deda. | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
| Características | |||||||||||||||||||||||
|
Especialidade médica
| |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||||||||
Unha espulla, tamén chamada espunlla, burra ou verruga,[1] é unha pequena excrecencia da pel, dura e rugosa. Aparecen nas mans ou nos pés, pero a miúdo noutras partes do corpo. As espullas están causadas por unha infección viral, especificamente por un dos moitos tipos de virus do papiloma humano (VPH). Existen até 10 variedades de espullas, sendo a máis común a considerada como menos daniña. É posible infectarse das espullas doutros, xa que son contaxiosas e adoitan entrar no corpo por unha área de pel morta.[2]
Algúns remedios tradicionais
[editar | editar a fonte]Na medicina popular galega descríbense numerosos remedios tradicionais para librarse das espullas.[3] Por exemplo, atar con forza unha seda do rabo dunha vaca na base da espulla, e esperar a que seque. Ou ben fretar a espulla cun figo verde, e logo tapar e esperar nove días; ou co zume da celidonia (ou herba da andoriña, Chelidonium majus), durante 2-3 semanas. Tamén din que é bo pasar unha lesma negra por riba da espulla, ata que esta quede ben bañada na baba que solta; logo hai que colgar a lesma nun piñeiro situado nun lugar alto desde o que se divisen tres igrexas con cadanseu cemiterio, e esperar a que a lesma quede seca e as espullas desaparezan.
Outro remedio de maxia simpática consiste en fretar a espulla cunha vara ben feitiña, dicindo "Verruguiñas teño, vrruguiñas vendo; déixoas quedar e voume correndo". Logo tírase a vara ó chan e líscase do sitio, confiando en que algunha persoa que pase por alí colla a vara e, con ela, as espullas que tiña o actor do ritual.
Máis popular é o recurso a San Bieito. A xente acode no día do santo, o 11 de xullo, a diferentes santuarios e molla un pana na auga da fonte ou nunha pía que se coloca con aceite bendecido, ou ben fregan o pano contra a imaxe do santo. Con ese pano fretan as espullas e crese que o santo as curará. No convento de San Bieito de Pereira, en Cuntis, cómpre levar como donativo un ovo por cada espulla que se teña. Tamén se solicita a curación ó San Bieito de Seráns (en Porto do Son).[4]
Tamén é avogoso de sona contra as espullas o San Bieito da Uceira, no monte Uceira, de Sandiás. Aquí, a tradición esixe que se pase o pano pola imaxe do santo, polas mesmas zonas nas que a persoa teña as espullas, e logo pasalo polo corpo da persoa.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para espulla.
- ↑ Webmd.com, ed. (2 de setembro de 2010). "Warts Types, Causes, Symptoms, Treatments, Prevention". Consultado o 17 de maio de 2013.
- ↑ Antonio Reigosa, 227-229.
- ↑ "San Benito cura las verrugas, los males y la envidia. Los fieles mantienen la tradición" (en castelán). Consultado o 23.01.2026..
- ↑ Antonio Reigosa, 228.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Espulla |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Reigosa, Antonio (2014). Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9914-780-2.
