Corme Porto, Ponteceso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corme Porto
ConcelloPonteceso[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°15′54″N 8°57′46″O / 43.265, -8.9629Coordenadas: 43°15′54″N 8°57′46″O / 43.265, -8.9629
Poboación1.077 hab. (2018)
Entidades de poboación7[1]
editar datos en Wikidata ]

Nosa Señora dos Remedios de Corme Porto[1] é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés de Ponteceso na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2018 tiña 1.077 habitantes (588 homes e 509 mulleres) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.434 habitantes.

Historia[editar | editar a fonte]

Na zona hai varios petróglifos, así como un poboado castrexo, o castro da Illa da Estrela.

O topónimo de Corme aparece nun documento do Mosteiro de Caaveiro datado en 1105. Posteriormente aparecerá noutros documentos como no Mapamundi de Gresques de 1375 ou de forma destacada na Cosmographia de Sebastián Münster de Basilea no ano 1544.

A actividade pesqueira de Corme prosperou, aumentando a poboación de Corme Porto[1] en detrimento da parroquia orixinal de Corme Aldea. Esta actividade pesqueira trouxo a prosperidade a Corme a principios do século XX. Nestes anos atópanse a pleno rendemento oito fábricas de conservas, unha cetaria de lagostas, numerosos mercantes, tarrafas e outras embarcacións menores. Corme convértese no primeiro porto de España de exportación de madeira e a poboación de Corme Porto[1] pasou a ser de 2.978 habitantes segundo o censo de 1920. Posteriormente, coa chegada da guerra civil española e a posguerra, e coa escaseza de especies como a sardiña, virá unha crise da industria pesqueira e do crecemento da mesma vila.

Desde a década de 1990 Corme vivirá un novo empuxón coa explotación racional e sostible do percebe, que ten o seu punto álxido coa celebración desde 1992 da festa do percebe do Roncudo e coa instalación de bateas na ría para o cultivo do mexillón. Tamén contribúe a este desenvolvemento a ampliación e actualización das estruturas do peirao pesqueiro e o paseo marítimo á praia do Osmo (2004) e a actual mellora nas estradas que van cara a Ponteceso. Este desenvolvemento só se viu parcialmente paralizado polo tráxico afundimento do Prestige en novembro de 2002 e a conseguinte marea negra que se produciu.

A finais de agosto de 2006 retomouse a vella idea da segregación do concello de Ponteceso, apoiada pola maioría das asociacións veciñais, culturais e deportivas, así como por preto da totalidade da poboación[Cómpre referencia].

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Desde Carballo, capital da comarca de Bergantiños, chégase a través da AC-414 cara a Malpica de Bergantiños. En Buño cóllese un desvío cara a Ponteceso pola AC-422, e antes de cruzar o río Anllóns, tómase a estrada AC-424.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O monumento máis famoso de Corme é a Pedra da Serpe, unha gran rocha situada na estrada de acceso á aldea de Gondomil e á praia da Ermida e en cuxo lateral dereito hai unha figura dunha serpe alada. A autoría da escultura é discutida pero asóciase aos cultos precristiáns ás serpes, relacionado, segundo algúns historiadores, coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe.

A lenda conta que esta zona era inhabitable debido a unha praga de serpes. San Adrián, que se atopaba predicando por alí, golpeou fortemente co pé no chan, desaparecendo aquela terrible praga. Todas as serpes foron a acubillarse debaixo daquela pedra, quedando unha delas petrificada en sinal deste feito. Como símbolo da cristianización deste lugar púxoselle unha cruz enriba.

Ademais do núcleo urbano os turistas adoitan dirixirse á Punta do Roncudo, dende unha estrada que sae do mesmo porto de Corme. A estrada bordea o mar e permite fermosas vistas sobre a ría e o acceso a pequenas calas con praias pouco frecuentadas. Ao final da estrada atopamos a punta e o faro do Roncudo, denominados así polo ronquido que produce o mar neste lugar ao golpear con forza nos acantilados. Por toda a costa, especialmente naquelas zonas máis batidas, podemos atopar os famosos percebes do Roncudo, cuxa festa gastronómica se celebra o primeiro sábado do mes de xullo. Tamén na punta do Roncudo podemos contemplar as cruces que recordan as traxedias vividas preto desta costa denominada, non sen razón, da morte.

Praias[editar | editar a fonte]

No interior da ría, na zona próxima a Corme existen varias praias aptas para o baño entre as que destacamos as seguintes:

  • Praia do Osmo: Praia principal e preferida dos cormeláns. Pódese acceder á mesma por estrada, nun desvío que queda a man esquerda á entrada do pobo, ou peonilmente a través do paseo marítimo que une esta praia coa veciña praia da Arnela. Dispón un pequeno aparcadoiro, duchas, campo de volley-praia e servizo de socorrismo.
  • Furna do Osmo: Unha "furna" é unha gran cavidade natural aberta nas rocas e producida pola acción do mar. Xunto á praia do Osmo existe unha pequena furna cun areal moi prezado pola súa tranquilidade e o seu abrigo ante os preponderantes ventos do nordeste. No mes de xullo celébrase nesta praia o concerto "Noite dos Encantos".
  • Praia da Ermida: É a praia máis grande de Corme e a súa lonxitude alcanza o medio quilómetro. O seu acceso faise a través da estrada que leva á aldea de Gondomil e ao monumento da "Pedra da Serpe", aproximadamente 500 metros antes da entrada á praia do Osmo. Esta praia caracterízase polas súas dunas e a súa proximidade á Illa da Estrela, á que se pode acceder andando en marea baixa e onde houbo un castro e máis tarde levantouse unha capela dedicada á Virxe da Estrela, que deu nome á illa e á praia. Dispón de aparcadoiro, duchas, xogos para os nenos e servizo de socorrismo.
  • Praia da Arnela: Pequena praia situada no centro do pobo e unida á praia do Osmo por un paseo marítimo. Dispón de duchas e servizo de socorrismo.


  • Outras praias: No interior de ría podemos destacar tamén as pequenas calas accesibles dende a estrada que vai ata o cabo Roncudo (como a Area dás Cunchas, Insua ou Gralleiras) e que se caracterizan pola súa tranquilidade xa que son pouco frecuentadas. No exterior de ría podemos destacar a praia da Barda, cuxa enseada serve de refuxio para pequenas embarcacións pesqueiras. Aínda que é unha praia apta para o baño considérase perigosa ao acharse en mar aberto e non dispoñer de servizo de socorrismo.

Festas locais[editar | editar a fonte]

Corme Porto[1] é unha das localidades da Costa da Morte que máis número de festas ten. Unha vez chega a época estival comezan as celebracións que duran ata finais de setembro.

  • Festa do percebe do Roncudo: Festa de exaltación do percebe do Roncudo. Adoita realizarse o primeiro sábado do mes de xullo (aínda que a súa data varía cada ano). É a maior festa gastronómica da provincia da Coruña.
  • Festa do Carme: Festas en honor da nosa señora do Carme (patroa das xentes do mar). Celébrase o día 16 de xullo (con véspera o 15). Pola mañá unha gran procesión marítima na que participan todos os barcos e embarcacións do lugar percorre ría facendo soar as súas sirenas e realizando ao final unha ofrenda floral polos mariñeiros falecidos.
  • Festa de San Roque: Festas en honor de San Roque. A súa celebración comeza o último domingo de agosto (con véspera o sábado) e continúan o luns, e o martes. Son as festas máis importantes do verán debido á súa duración.
  • Festa dos Remedios: Festas patronais en honor da nosa Señora dos Remedios. Celébrase o día 24 de setembro (con véspera o 23).
  • Noite de encantos na Furna do Osmo: É unha festa da Costa da Morte celebrada unha noite de verán de marea baixa na Furna da Praia do Osmo, a rentes do mar.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Corme Porto[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Corme Porto no concello de Ponteceso (A Coruña)

A Atalaia | O Caramanchón | As Forcadas | O Gafote | O Porto de Corme | As Regadiñas | Riloa

Parroquias de Ponteceso[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Ponteceso

Anllóns (San Fins) | Brantuas (San Xián) | Cores (San Martiño) | Corme Aldea (Santo Adrán) | Corme Porto (Nosa Señora dos Remedios) | Cospindo (San Tirso) | A Graña (San Vicenzo) | Langueirón (San Xián) | Nemeño (San Tomé) | Niñóns (San Xoán) | Pazos (San Salvador) | Tallo (Santo André) | Tella (Santo Eleuterio) | Xornes (San Xoán)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]