Trotskismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O trotskismo é unha tendencia dentro do marxismo desenvolvida en gran parte polo revolucionario ruso León Trotski que, en termos xerais, representa unha contraposición á visión que aplicou Stalin do marxismo-leninismo e ás teorías do mesmo sobre o "socialismo nun só país". Buscaba canalizar o proceso revolucionario da URSS mediante o afondamento da ditadura do proletariado. Trotski chamaba á revolución política da Unión Soviética fronte á dexeneración stalinista, constituíndose xunto con outros revolucionarios rusos como a Oposición da Esquerda dentro do Partido Comunista da Unión Soviética entre 1923 e 1927.

Un dos seus piares fundamentais é a teoría da "revolución permanente", descrita no seu libro do mesmo nome, cuxo concepto empregan primeiro Marx e Engels en 1848 e 1850. Outro dos documentos fundamentais é o Programa de Transición, escrito tamén por Trotski, como base programática da nacente IV Internacional, fundada en 1938. Unha das súas análises para entender a evolución capitalista nos países coloniais e semicoloniais foi a teoría do desenvolvemento desigual e combinado.

Trotski defendeu as medidas que buscaban acabar co burocratismo levado a cabo pola nomenclatura do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), como a rotación de cargos e unha maior concreción das teses leninistas do centralismo democrático, aplicadas á estrutura e organización internas do partido. Fixo achegas teóricas sobre o feminismo e a arte, defendeu o afondamento económico no socialismo a través de plans quinquenais, posteriormente unha versión variada por Stalin sería aplicada mentres dirixía a URSS. Trotski organizou a "Oposición de Esquerda internacional" que, ata o ascenso de Adolf Hitler ao poder en Alemaña en 1933, considerouse unha facción da Internacional Comunista, pese á persecución que os seus militantes sufrían por parte do estalinismo. Foi a partir da vitoria do nazismo en Alemaña e a caracterización da III Internacional (dirixida polo stalinismo) como "contrarrevolucionaria", que Trotski chamou a construír a Cuarta Internacional e partidos revolucionarios independentes en cada país.

Na década de 1930 postulou o entrismo en organizacións de masas socialdemócratas como forma de facilitar a inserción dos partidos adheridos á IV Internacional no movemento obreiro, atraendo o sector máis avanzado ao seu programa. Este traballo debía facerse sempre abertamente e por un espazo breve de tempo, xa que logo os trotskistas debían fundar os seus propios partidos e organizacións. Con ese método foi posíbel construír o Partido Socialista Obreiro, sección máis grande da nova organización alternativa ao Komitern. Actualmente existen ao redor do mundo un número elevado de organizacións trotskistas que proveñen das agrupadas na IV Internacional. Por exemplo en países como Alxeria, a Arxentina, Bolivia, Chile, o Brasil, Costa Rica, o Perú, Honduras, México, o Reino Unido, España, Portugal, Francia, o Uruguai, Turquía, Venezuela, as organizacións trotskistas adquiriron maior influencia que noutros, porén, sen lograr un peso decisivo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • León Trotsky, Luma Nichol (introduction) (2010). The Permanent Revolution & Results and Prospects. Seattle, Washington, USA: Red Letter Press. Pp. 4.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.