Antón Moreda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antón Moreda Rodríguez, nado en Barreiros en 1934[1] e finado en Castro de Rei o 4 de febreiro de 2010, foi un sobranceiro galeguista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1950, con 16 anos, marchou emigrado á Arxentina. No Centro Galego da capital bonaerense entrou en contacto coa Irmandade Galega, un grupo nacionalista que procuraba manter vivo o legado intelectual e político de Castelao. Grazas a galeguistas como Alonso Ríos, Luís Seoane ou Ramón Suárez Picallo, Antón Moreda afondou nas súas conviccións galeguistas.

En agosto de 1953 participou na fundación das Mocedades Galeguistas, na Arxentina, que desenvolveron unha inxente actividade como a creación do xornal Adiante, dirixido por Neira Vilas ou as homenaxes a Pardo de Cela e Alexandre Bóveda. En 1956, con 22 anos, Moreda asistiu ao I Congreso Galego da Emigración. Novamente en Galiza, nos anos '60 do comezou a traballar para a Editorial Galaxia como comercial, grazas ao cal comezou a ter contacto con outros galeguistas, como o grupo Brais Pinto.

A finais de 1963 foi fundador e secretario xeral do Consello da Mocedade, considerado como o comezo do nacionalismo galego contemporáneo. En total agrupaba unhas 50 persoas. A tensión entre os dous grupos constituíntes e a súa diferente visión, un propugnando a homolagación cos países democráticos da Europa Occidental e outro moi influído pola descolonización dos países do terceiro mundo, levou á inoperatividade da organización, finalmente o grupo afín a Ramón Piñeiro, que era maioritario, organizou unha xuntanza a comezos de 1964 e decidiu expulsar o sector minoritario[2], incluído o propio Moreda. Foi unha decisión que, para moitos, amosou a división existente no galeguismo entre as vías política e culturalista.

O grupo de expulsados, pertencentes á vía politicamente máis activa e que desexaba organizar politicamente o nacionalismo en Galiza para liderar a oposición antifranquista [3], refundaría a UPG un 25 de xullo de 1964. Aí integráronse na UPG o grupo Brais Pinto, antigos militantes da Federación de Mocedades Galeguistas (Celso Emilio Ferreiro), do PCE (Luís Soto) e nacionalistas de esquerda, en total non máis de 25 persoas. Nos primeiros dous anos as actividades do partido redúcense a contactos esporádicos dos seus membros e á publicación da revista Terra e Tempo[4], na que aparece no primeiro número en 1965 o ideario fundacional.

Aos 32 anos Moreda foi operado dunha úlcera de estómago en Lugo, e entrou en beneficiencia no Hospital Psiquiátrico 'San Rafael' (Castro de Rei). Alí pasou a convalecencia até que decidiu regresar á Mariña. Porén, debido á complicada situación familiar que alí vivía, regresou ao San Rafael, onde ficaría até a súa morte. o 4 de febreiro de 2010[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Obituario no diario El País Consultado o 5 de febreiro de 2010.
  2. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao. Laiovento, 1998. páx. 88
  3. Obituario en Vieiros Consultado o 5 de febreiro de 2010.
  4. Manuel Anxo Fernández Baz, A formación do nacinalismo contemporáneo (1963-1984), Santiago, 2003, páx. 47 n. 44
  5. Reportaxe e entrevista con Antón Moreda en Vieiros Consultado o 5 de febreiro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]