Mari Lwyd

O Mari Lwyd[1] é unha celebración que forma parte das tradicións do Nadal e aninovo de Gales e que se conserva nalgunhas zonas, en particular en Llangynwyd e Maesteg[2], recuperándose recentemente noutras localidades.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A orixe do nome Mari Lwyd non está clara pero existen dúas explicacións posibles[3], podería vir do inglés mare, egua, e llwyd[4] é gris. A outra explicación sería que Mari fose María e lwyd equivalería a santo segundo o modelo de Duw lwyd (Deus Santo), unha forma literaria da Idade Media.
Características
[editar | editar a fonte]O Mari Lwyd consiste nunha caveira de cabalo[5] fixada no cabo dunha abaloira de madeira; axúntase unha saba branca á base da caveira para que tape a abaloira é a persoa que leva o Mari Lwyd. Os ollos fanse con arandelas nas que se meten vidros de botella ou simplemente con botóns. Engádense, como adobío, cintas de cores.
Durante a cerimonia unha cuadrilla leva en procesión polas rúas a caveira parando nas casas para cantaren cancións tradicionais, establecéndose unha especie de regueifa, coñecida como pwnco, entre os habitantes da casa e os cuadrilleiros. A composición desta cuadrilla variaba nas distintas localidades, en Glamorgan formábana o Mary Lwyd, o Mordomo, o Sarxento, o Pallaso e un Xan e unha Xana[6]. Unha vez que os habitantes da casa lles permitían o paso, o Mari Lwyd perseguía ás mulleres novas, o Pallaso tocaba o violín e a Xana facía que varría o chan, cando acababan as cántigas e os bailes dábanlle comida e bebida aos cuadrilleiros, ao marchar desexábanlles á familia saúde e felicidade durante todo o ano[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mari Lwyd, ou na forma plena Y Fari Lwyd, é a denominación máis estendida, pero tamén recibe localmente outros nomes como Pen Cefyll ou Y Warsel: Norman Lewis Thomas The Story of Swansea's Districts and Villages. Guardian Press, 1964, páxina 288
- ↑ John T. Koch Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO, 2006, páxina 1260
- ↑ Trefor M. Owen Folclore galés. Laiovento, 1997, páxina 72
- ↑ A palabra llwyd, seguindo a gramática galesa, muta para lwyd en determinados contextos: Antony Dubach The independence of phonology and morphology: the Celtic mutations ZAS Papers in Linguistics 32, 2003, pp. 47–86
- ↑ Ás veces tamén se empregaba un taco de madeira: Evan Powell History of Tredegar. South Wales Argus, 1902, páxina 118
- ↑ Trefor M. Owen Ob. cit. páxina 67
- ↑ Robin Gwyndaf Welsh Folk Tales. National Museum Wales, 1989, páxina 99
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mari Lwyd ![]() |