Cidade Deportiva Municipal da Torre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Coordenadas: 43°23′01.6″N 8°24′04.8″O / 43.383778, -8.401333

Cidade Deportiva Municipal da Torre
Fútbol ó pé da Torre de Hércules.jpg
Campo nº2 da Cidade Deportiva Municipal da Torre.
Datos
Localización Rúa Doutor Vázquez Iglesias 2, 15002 Coruña, Galiza Galicia
Construción
Inauguración 1979
Estadio
Superficie Herba artificial
Dimensións 105 x 65 m
Capacidade 963
Propietario Concello da Coruña
Localía RC Deportivo da Coruña B Fabril (até 2003)

A Cidade Deportiva Municipal da Torre é un complexo polideportivo situado na cidade da Coruña empregado tanto por clubs e sociedades deportivas locais como por cidadáns a título particular. O seu propietario é o Concello da Coruña e o seu nome obedece á proximidade do recinto coa Torre de Hércules.

Algúns dos clubs de fútbol modesto coruñés que empregan ou empregaron acotío estes campos son o Club Atlético dos Castros, Club Torre SD, Maravillas SD, Batallador SD, Caixa Aforros, Deportivo Ciudad, CD Ciudad Jardín, Sporting María Pita, Marola FC, CD Marte, Orillamar SD, Orzán SD, Sporting Ciudad ou o Sporting Coruñés.

Datos técnicos[editar | editar a fonte]

Vista dende a Torre de Hércules na que se observa a cidade deportiva.
  • Campo núm. 1: campo de céspede artificial de 105 m × 65 m para a práctica de hóckey herba, fútbol e fútbol 7. Dispón de luz artificial.
  • Campo núm. 2: Campo de céspede artificial de 105 m × 68 m para a práctica de fútbol e fútbol 7. Capacidade para 963 persoas: Bancada principal (528 asentos), Bancada frontón (195 asentos), Bancada cuberta (240 asentos)
  • Campo núm. 3: Campo de céspede artificial de 95 m × 53 m para a práctica do fútbol e fútbol 7. Dispón de luz artificial.
  • Campo núm. 4: Campo de céspede artificial de 85 m × 43 m para a práctica de fútbol e fútbol 7. Dispón de luz artificial.
  • Campo núm. 5: Campo de céspede artificial de 60 m × 31 m para a práctica de fútbol 7. Bancada (336 asentos).
  • Frontón curto de 36 m × 14,50 m para a práctica de bádminton, baile, béisbol, frontenis, ximnasia, pá curta e longa e tenis. Bancada con capacidade para 309 persoas. Oficinas e vestiarios
  • Outras pistas deportivas: 2 pistas de chave de 14 m × 2 m. Pista de baloncesto de 26 m × 18 m. 2 pistas de pádel.
  • Outras instalacións: predio de vestiarios: 6 vestiarios para árbitros e 16 vestiarios para equipos.

Conta cun pequeno campo de golf anexo, tamén de titularidade municipal.

Historia[editar | editar a fonte]

Campos nº3 e nº4 cando aínda eran de terra.

Na década de 1970, por mor da construción do Palacio dos Deportes de Riazor e posteriormente coas obras para preparar o Estadio Municipal de Riazor para o Mundial de Fútbol de España 1982, o RC Deportivo da Coruña ficaba sen campos onde adestrar. Por ese motivo, a directiva do club herculino, con Antonio Álvarez á fronte, subliñou a necesidade de afrontar a construción dunha Cidade Deportiva que satisfixera as necesidades de adestramento e preparación o primeiro equipo e as categorías inferiores[1].

Porén, a cidade deportiva foi construída sen licenza municipal e o Concello acordou en 1979 proceder á expropiación dos terreos. O Deportivo solicitaba unha indemnización de 125 millóns de pesetas pola expropiación dos mesmos ademais do uso exclusivo do campo existente na Torre -un local de trescentos metros cadrados a construír baixo a tribuna do Estadio de Riazor-, o uso exclusivo do campo de Maratón e, finalmente, a reconsideración do convenio entón vixente entre Concello e club, que afectaba ao uso do Estadio Municipal de Riazor. Pola contra, o Concello ofrecía a cuarta parte da cantidade do que pedía o Deportivo[2].

Ese mesmo ano as entidades celebraron unha reunión para tratar de chegar a un acordo e finalmente, o Deportivo nunha asemblea de 75 compromisarios decidiu o paso da propiedade da Cidade Deportiva da Torre ao Concello[1].

Durante dúas décadas tanto o primeiro equipo do Deportivo como as súas categorías inferiores usaron os campos da Cidade Deportiva da Torre como campos de adestramento. O Deportivo tamén xogou algún encontro amigábel e o Deportivo B Fabril moitos dos seus encontros oficiais, aínda que a comezos da década de 1990 ambos comezaron usar simultaneamente estas instalacións e as do Campo Municipal Rodrigo García Vizoso.

Para finais dos 90, as dimensións destas instalacións municipais resultaban insuficientes para un equipo da categoría do Deportivo e así, mentres este non tiña rematadas as obras da nova Cidade Deportiva de Abegondo, mudou as súas sesións preparatorias ao anovado campo de Acea de Ama na tempada 1999-2000. O Deportivo B así como o resto das categorías inferiores abandonarían definitivamente os campos da Torre após a inauguración dos campos de Abegondo, en 2003.

A comezos da década de 2010 comezarían a se xogar nos campos da Torre os primeiros encontros oficiais en Galiza de fútbol gaélico[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "canaldeportivo.com". www.canaldeportivo.com. Consultado o 2016-04-09. 
  2. País, Ediciones El (1979-11-27). "El Coruña pide al Ayuntamiento 125 millones de pesetas". EL PAÍS (en español). Consultado o 2016-04-09. 
  3. "Eventos históricos". Fillos de Breogán. Consultado o 10-4-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]