1000 12/16

Xogo da chave

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Campo da chave na Coruña

A chave ou xogo da chave é un xogo popular galego que consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesos, pellos, pellas ou peletres, sobre unha peza metálica, chamada chave, colocada a certa distancia.

Características[editar | editar a fonte]

O obxectivo é petar cos pellos na chave o maior número de veces. A chave colócase inclinada e cunha pequena gabia atrás para que non roden os pellos. Pódese xogar en equipo ou por parellas.

Cada zona ten as súas propias normas, que difiren entre si polo tamaño e forma da chave (con aspas ou sen elas, pequena ou grande etc.), no tamaño e peso dos pellos e no xeito de puntuar. Así, a chave pode ser unha barra de ferro de 75 cm con dúas ou tres aspas arriba que poden xirarse sobre a barra, ou unha sorte de lingua de ferro sobre un cilindro que se apoia no chan. Existen tres tipos máis estendidos que os demais.

Tipos[editar | editar a fonte]

A chave de Ourense[editar | editar a fonte]

É de aspas (ou pas) horizontais. O vástago é unha peza grosa de ferro cun eixo groso duns 75 cm de lonxitude. Na parte inferior está afiado, para poder espetalo no chan. Na parte superior colócanse dúas aspas, de diferente lonxitude, situándose a máis pequena enriba e a máis grande abaixo, que viran dun xeito horizontal. Os pesos (ou pellos) miden 6 cm de diámetro e 18 mm de groso.

Tamén existen as chaves dunha aspa (nalgúns lugares do Ribeiro e no litoral pontevedrés) ou de 3 aspas (maiormente no oriente ourensán e lugués)

O terreo de xogo é unha explanada duns 20 m de lonxitude. A liña de lanzamento está situada a 15 metros (entre 18 e 20 pasos) da chave. O desnivel máximo do terreo será de 40 cm (entre a liña de lanzamento e a chave).

Habitualmente en Ourense xogan dúas ou tres parellas, malia que tamén pode xogar só unha. Cada xogador lanza tres pesos en cada man do xogo. As partidas xóganse a 21 puntos, anotando os 15 primeiros conforme se vaian producindo e o resto a través do desconto entre os tiradores da mesma quenda. Os puntos conséguense por bater na chave, tanto ten se for nas aspas ou no vástago, o valor é sempre de un punto. A partir dos 15 puntos, en cada quenda de lanzamentos anúlanse os puntos iguais dun e doutro xogador, sumándose só os puntos excedentes, se é que os houbese. No caso de dos dous xogadores anotaren tres chaves no mesmo lanzamento (a totalidade dos pesos lanzados), e só neste caso, han de repetir o lanzamento.

A chave de Ferrolterra[editar | editar a fonte]

Nesta variante cada equipo está formado por cinco xogadores, podendo xogar tres de principio e cambiar calquera dos outros dous logo da segunda man da primeira partida, non podendo xogar despois os xogadores substituídos. Os xogadores tirarán os pellos alternativamente, é dicir, primeiro un xogador dun equipo tirará a súa man e logo farao o xogador do equipo contrario. O pé do xogador que está realizando o lanzamento, non pode pasar da liña marcada no chan, debendo ser esta unha táboa que sobresaia uns centímetros. Cada xogador tirará cinco pellos por man, e estes pellos serán de ferro e cunhas medidas aproximadas de 80 mm de diámetro, 20 mm de espesor e un peso de 750 gramos; os dez pellos deber ser iguais e non cinco dun xeito e cinco doutro, xa que de ser así se procederá ao troco entre equipos dunha partida a outra.

A distancia do tiro será de 10,5 metros.

Para ser válida unha chave é preciso que xire unha ou máis voltas a pa que está máis preto da forquiña, tendo que ficar perpendicular ao armazón da mesma, logo de pasar por esta a outra pa. A chave non é válida se o pello no seu voo bate no chan antes de dar na pa, mais si é válida se bate na forquiña ou noutra parte do armazón de ferro do conxunto, facéndoa xirar despois. Porén, sempre se terá presente que toda chave dubidosa non debe darse por válida.

As partidas son de seis tiradas completas por cada equipo; quen máis chaves faga ao remate será o gañador.

Xogaranse dúas partidas de seis mans, gañando o equipo que máis chaves faga sumando dous puntos por partida. Se algunha partida fica empatada en chaves anotarase un punto cada equipo.

Se no momento de estar tirando un xogador, fose invadido o campo de tiro por unha persoa, animal ou calquera outro tipo de obstáculo, considerarase nulo o lanzamento e o xogador terá dereito a lanzar o pello de novo.

Tódolos equipos que o desexen, poden ter un xogo de pellos e xogar con eles todas as competicións nas que participen, sempre e cando os pellos teñan as medidas e o peso que indica o Regulamento en vigor.

Se nunha partida, por neglixencia ou erro, mudase a orde de lanzamento, serán anuladas as chaves, se as fixese o xogador ou xogadores que non seguiron a orde, non podendo volver tirar a man ou mans nas que variou dita orde.

A chave de Santiago[editar | editar a fonte]

Precísase dun terreo con superficie dura rectangular, libre de obstáculos e cun desnivel non superior ao 10%. A distancia entre a base da chave e a liña de lanzamento é de 14,20 metros debéndose situar o xogador que lanza os pesos, trala liña sen a pisar.

A chave é unha peza de ferro en forma de punta de lanza rústica ou lingua, que remata estreitándose na súa base. Os pesos son redondos e planos, alisados polas dúas caras, debendo ter de 500 a 550 gramos de peso e son os catro iguais. A base na que se sostén a chave (o cepo), preferibelmente non será de ferro para non confundir os sons.

En cada partida participan obrigatoriamente catro xogadores emparellados dous a dous. Tiran os pesos un xogador de cada parella, mentres os seus compañeiros permanecen ao carón da chave para, no caso de caer esta a causa dun lanzamento, sexa colocada polo compañeiro do xogador que tire a continuación. Cada xogador lanza dous pesos por tiraxe.

Os pesos que non atinen na chave contabilízanse por puntos (cada peso un punto) por proximidade coa chave. A puntuación oficial de cada partida é de 100 puntos. Cada peso que golpee na chave, terá un valor de 8 puntos, tendo que ser o lanzamento directo, sen rebotes nin ter petado antes no chan ou no cepo. Non é preciso derrubar a chave para contabilizar unha diana; abonda con que o peso a roce. Cada vez que a chave caia ao chan colocarase correctamente, mais se fose o rozamento, o empurre do vento ou a vibración do cepo o que ocasionase a súa inclinación, mesmo se chegase a se poñer de perfil, non se poderá rectificar esta postura ata a seguinte ocasión na que caia ao chan. Se unha vez lanzado o peso, cae a chave sen ter feito diana non se contabiliza como punto, mais se atinar o peso antes de chegar a chave ao chan, será valida. Tamén terá validez se a chave está no chan mais só cando caia cara atrás do cepo.

O sistema de anotación consiste en descontar os puntos conseguidos dos acadados polo xogador do equipo contrario.

No caso de que os dous xogadores obteñan as dúas máximas puntuacións tirarán novamente e na mesma orde. Iniciará a xogada, en cada tirada, o xogador correspondente á parella que na anterior quenda sumou máis puntos, agás no comezo da partida, que o fará o número máis baixo resultante no sorteo. Ao se celebrar un sorteo de parellas, e se resultase que son impares, a última terá de se enfrontar á gañadora da primeira partida, continuando outra vez polos números baixos e así sucesivamente ata o final.

As partidas sempre comezan a se disputar polo número máis baixo. Ante a non asistencia dunha parella, o equipo rival terá que agardar ata o remate da partida seguinte. Se logo diso non aparecese, clasifícase o equipo que agarda. No caso de que xa non houbese máis partidas, acordarase un tempo de espera de 15 minutos, transcorrido o cal, a parella obxecto da espera ficará descualificada.

Se houbese casos de discusión pola validez da chave, son os dous xogadores que están ao carón da chave quen decidan e, no caso de non se poñer de acordo, a mesa se a houbese.

Os xogadores observarán unha conduta correcta da deportividade e respecto cara os contrarios, maiormente no momento de lanzar os pesos, debéndose separar como mínimo dous metros e manténdose fóra da liña de lanzamento en silencio. Do mesmo xeito, os que estean colocando a chave gardarán unha distancia semellante e non farán xestos nin movementos que poidan distraer ou molestar ao lanzador.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]