Club Bosco de Baloncesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Club Bosco de Baloncesto foi un equipo de baloncesto que tiña a súa sede na cidade da Coruña. Fundouse o 3 de setembro de 1960 e desapareceu o 7 de febreiro de 1988. O equipo xogaba os seus encontros como local no ximnasio da antiga Universidade Laboral Crucero Baleares, no Burgo, e máis adiante tamén no Pazo dos Deportes de Riazor. As cores principais do club eran o branco e o azul.

A tempada 1967-68 foi a de máis éxito do club, acadando o ascenso á 1ª División da liga española, equivalente á actual Liga ACB.

Dese xeito, na tempada 1968-69 o Club Bosco converteuse no primeiro equipo galego que competía na máxima categoría do baloncesto nacional. Nesa tempada dentro da elite, o equipo gañou seis encontros, empatou 1 e perdeu 15. O debut tivo lugar na cancha do CF Barcelona o 24 de novembro de 1968, co resultado de derrota. As seis vitorias chegaron nas xornadas 2ª (vs Náutico), 4ª (vs San José), 6ª (vs Mataró), 11ª (vs Manresa), 12ª (vs Barcelona) e 21ª (vs At.San Sebastian), e o empate na 19ª (vs Joventut). Todos estes resultados foron xogando como local, e non chegaron abondo para acadar o obxectivo da permanencia.

Tralo descenso, o equipo mantívose varios anos na segunda categoría do baloncesto nacional até a súa desaparición.

O presidente fundador do club foi Claudio San Martín, e o que levou ó equipo á Primeira División foi Antonio Álvarez. Outro presidente moi salientable foi Francisco Javier Vázquez Fidalgo, que creou o novo local social da entidade. Trala morte deste presidente o club comezou a ter problemas económicos que levaron ó club á súa desaparición.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]