Deportivo da Coruña (hóckey a patíns)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Real Club Deportivo da Coruña
CidadeA Coruña, Galicia Galicia
Fundado1942
PavillónRotonda de Riazor, Pazo dos Deportes de Riazor
Títulos
Campionato de Galicia5 (1944, 1945, 1953, 1967, 1969)
Sitio web
Sitio web oficial

A sección de hóckey a patíns do Deportivo da Coruña foi creada en 1942 e estivo activa ata 1979.

Foi o primeiro equipo galego de hóckey a patíns, deporte que introduciu na Coruña José María Sastre, que foi tamén o primeiro adestrador do equipo. Gañou cinco campionatos de Galicia e foi o primeiro equipo galego en disputar a Copa de España. Na súa última tempada de existencia, a 1978/79 xogou en Primeira División (segunda categoría do hóckey español), despois de lograr o ascenso o ano anterior.

Historia[editar | editar a fonte]

O hóckey a patíns foi introducido en Galicia polo catalán José María Sastre, cando este cumpría o seu servizo militar na Coruña, onde fixo amizade con Vicente Cucarella, director técnico das seccións do Deportivo da Coruña.[1] Así o 2 de maio de 1942 disputouse o primeiro partido deste deporte en Galicia, no que se enfrontaron o Deportivo e o Sporting Club Casino, na sede deste, o Leirón. O equipo branquiazul formou con Jorge Doncel na portería, Eladio Rodríguez "Lalacho" na defensa, e Luis Baamonde, Sastre e Antonio López na dianteira,[2] e gañou o partido por 6-7.[3] Realizou o saque de honor Rosario Allones, famosa xogadora de hóckey herba do Ártabro e ao remate, o gobernador civil Emilio Aspe entregou unha copa aos vencedores.[3]

En 1944 o equipo proclamouse campión de Galicia, nunha primeira edición do campionato no que superaron ao equipo da Educación y Descanso (2º), o equipo de hóckey do falanxista Frente de Juventudes (3º), a sección de hóckey do Liceo de Monelos (4º), o Círculo Mercantil de Santiago (5º) e o Club de Mar (6º).[4] A vitoria no campionato deulle ao equipo a clasificación para a primeira edición da Copa do Xeneralísimo, onde lle tocou enfrontarse en cuartos de final ao Patín Club de Barcelona. O club galego desprazouse a Cataluña para xogar a eliminatoria, caendo derrotado por 11-0 e quedando eliminado.[5] O equipo do Deportivo naquel partido estivo formado por Amaro Rivero, Manuel Ponte, Fernando Solórzano, Antonio López e Waldo Mourelo, con Roberto González como suplente.[6]

En 1945 o Deportivo repetiu título galego e xogou a segunda edición da Copa do Xeneralísimo, onde logrou as súas primeira vitorias nacionais, derrotando en cuartos de final ao equipo de hóckey do Atlético Aviación, tanto na ida en Madrid (4-5) como na volta na Coruña (7-3), nun partido disputado na Rotonda de Riazor cunha grande afluencia de público.[1][7] Con todo, o club coruñés renunciou a asistir á fase final disputada en Reus, onde debería competir xunto a tres equipos cataláns.[8]

O club tardou oito anos en volver levantar un título de campión galego. Conseguiuno en 1953, tras rematar invicto o campionato, superando por 2 puntos ao CD Santa Lucía.[9] Formaban o equipo Germán Novo, José Fontenla, Gutiérrez, José González, Julio Ramón Morán e os polivalentes Fernando Bremón e Antonio González, que practicaban varios deportes máis como atletismo e fútbol.[10]

Non volveu gañar ningún título ata 1967, cando obtivo o seu cuarto campionato galego, clasificándose con el por primeira vez para a Liga Nacional, onde remataron en sétima posición. Dous anos despois o equipo logra o seu quinto e último campionato galego, tras derrotar ao Dominicos no partido decisivo.[1] Entre 1969 e 1972 a estrutura de hóckey do club pasa a formar parte do Club Unión Sportiva, presidido ao igual que o Deportivo por Antonio González.

O hóckey volveu ao club de xeito intermitente nos seguintes anos e na tempada 1977/78 o Deportivo, adestrado por Venancio Parga e con xogadores como o histórico José Luis Abeledo, proclamouse campión da fase galega da Segunda División, logrando o ascenso á Primeira División (segundo nivel do hóckey español).[11] O 17 de marzo de 1979 o equipo foi testemuña directa dun feito histórico para a cidade, ao ser derrotado polo Liceo por 9-5, vitoria coa que o club verdibranco logrou o ascenso á División de Honra. O equipo deportivista formou aquel día con Dagoberto Moll Jr., Juan Carlos Carrera, Javier Lago, Fidel Cortijo, Diego Lazo 'Pikolo', Raúl Elícegui, Pancho Amado e como porteiro suplente Alberto Galmán.[12] Dúas semanas despois, o 31 de marzo, o Deportivo xogou o seu derradeiro partido oficial, na última xornada de liga fronte ao Ingenieros de Bilbao, con vitoria galega por 5-2 e goles de Fidel Cortijo (2), Javier Lago, 'Pikolo' e Raúl Elícegui.[1]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "HÓCKEY A PATÍNS: PIONEIROS EN GALICIA E CINCO VECES CAMPIÓNS REXIONAIS". Deportivo da Coruña (en castelán). Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  2. "El sábado se efectuará la primera exhibición". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de abril de 1942. p. 4. 
  3. 3,0 3,1 "El primer partido de hockey sobre ruedas,constituyó en La Coruña un éxito rotundo". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de maio de 1942. p. 2. 
  4. "El Deportivo, primer Campeón Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 1944. p. 5. 
  5. "El equipo del Deportivo ha sido eliminado". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xuño de 1944. p. 4. 
  6. "PATIN,11-CORUÑA,O". Mundo Deportivo (en castelán). 9 de xuño de 1944. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  7. "El equipo de hockey a patines del R. C. Deportivo se clasificó semifinalista de la Copa del Generalísimo". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de marzo de 1945. 
  8. "El Atlético Aviación suple al D. de La Coruña". El Mundo Deportivo (en castelán). 31 de marzo de 1945. p. 3. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  9. "El Deportivo se proclamó campeón de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 5 de maio de 1953. p. 5. 
  10. "LAS SECCIONES DEPORTIVAS DEL RC DEPORTIVO EN 32 NOMBRES" (en castelán). Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  11. "Deportivo: campeón imbatido y aspirante a Primera". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 21 de marzo de 1978. p. 38. 
  12. Moskowich (18 de marzo de 1979). "El Liceo, a la División de Honor". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). p. 55.