Club Atlético dos Castros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Atlético dos Castros
Escudo castros.jpg
NomeClub Atlético dos Castros
Fundación1945
Liga3ª Autonómica - Grupo 1
2015–1611º (2ª Autonómica - Grupo 1)
Páxina webPáxina web
Na casa
Fóra

O Club Atlético dos Castros é un club de fútbol galego do barrio dos Castros da cidade da Coruña. Fundouse en 1945 e chegou a ter dúas seccións deportivas en activo, unha de fútbol e outra de hóckey, aínda que a sección de hóckey xa non existe.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios (1945-1956)[editar | editar a fonte]

O Atlético dos Castros fundouse en 1945[1] despois dunha serie de reunións mantidas no Bodegón Os Castros do barrio herculino. O impulsor do club foi don Francisco Novo Lápida. Nesta época a maioría dos partidos son xogados no recheo de San Diego. En 1948 acórdase transformar o club en sociedade, baixo a denominación de Círculo Cultural y Deportivo de Los Castros. Na seguinte tempada o equipo é subcampión da Segunda División da Coruña, acadando o ascenso á Primeira División[2]. En 1954 a Federación Galega de Fútbol obriga a desaparecer a cinco equipos da capital por falta de terreos de xogo, sendo este club un dos afectados pola medida[2]. Dende ese intre os xoves do barrio agrúpanse nun equipo non federado chamado Suevia Club de Fútbol[3]. En 1956 créase unha comisión xestora baixo a presidencia de Gonzalo Rey Precedo, que muda o nome do club polo de Club Atlético Los Castros[3].

Adscrito á Liga de modestos da Coruña (1956-1991)[editar | editar a fonte]

Aínda que o club solicita xogar na Liga das Mariñas, acaba finalmente encadrado na liga da capital herculina[3]. Ao ano seguinte créase a categoría de xuvenís. Na tempada 1959–60 o club ascende á Primeira División e estabelece un récord no fútbol modesto coruñés ao quedar invicto nunha liga a dobre volta, gañando todos os partidos do seu grupo[4], e despois de obter o ascenso proclámase campión da Segunda División[5] gañando 1-0 ao Galicia Gaiteira na final entre os campións dos dous grupos que compuñan a categoría[6]. Alén diso, tamén se impuxo na Copa Liceo despois de vencer por 3-0 ao Santa Margarita[6], campión da Primeira División.

O día 21 de maio de 1961, durante un partido xogado no antigo campo de adestramento de Riazor, os xogadores dos Castros negáronse a seguir disputando o encontro[7]. Debido á mala arbitraxe, os xogadores sentaron no campo e non se moveron do sitio, o que provocou unha forte goleada e unha sanción de perda de puntos. A partir deste incidente o equipo comeza a remontar e na segunda volta gaña a maioría dos partidos, conseguindo finalmente salvar a categoría tras gañar a promoción fronte ao Sin Querer SD[4]. Na tempada 1963–64 o club descende á Segunda División. Ao ano seguinte o equipo encadea outro descenso, mais o seu paso pola Terceira é curto e ascende á Segunda nunha soa tempada. O club remata subcampión da Segunda División 1965-66[8] no ano do seu retorno á categoría. O 12 de outubro de 1965 os xuvenís derrotaron por 2-1 ao Deportivo da Coruña nun encontro disputado no campo de adestramento de Riazor[9].

A principios dos anos 70, o equipo de xuvenís gaña o campionato da Segunda División, perdendo soamente un único partido e obtendo o ascenso. Os infantís logran o terceiro posto no Campionato Provincial e nace a sección de alevíns. No ano 1974 o equipo sénior remata campión da Segunda División[5][10], co que logra o retorno á Primeira, e conquista novamente a Copa Liceo ao vencer ao Club Deportivo Ciudad por 5-1[10].

Durante os vindeiros anos o club encadea varios ascensos e descensos nun intervalo de poucas tempadas. O club retorna á Segunda, mais o 11 de xuño de 1978, no Campo da Zapateira, o equipo volve á Primeira División tras gañar por 5-3 un encontro que perdía 2-3 xusto dez minutos antes do límite regulamentario (Victor Esparza, Rilo e Miguel Esparza deron a volta ao marcador)[11]. Ese mesmo ano o club gaña o campionato de prexuvenís (actual categoría de cadetes) derrotando ao Deportivo da Coruña por 1-0[11]. O equipo só fica un ano na Primeira, volvendo á Segunda ao ano seguinte, categoría que conquista na 1979-80[5][11]. Na tempada 1981-82 o club retorna á Segunda División. Ao ano seguinte volve ascender tras un empate a ceros fronte ao Batallador que lle daba os puntos necesarios para ascender na derradeira xornada do campionato, mais a estancia en Primeira é curta, pois volve descender outra vez na tempada seguinte despois de perder na promoción.

En 1989, ao mando de Tito Sanguiñedo, o equipo remata subcampión da Segunda División e volve ascender á Primeira cinco anos despois[12]. Esa mesma tempada, no Campo de Elviña, despois de 29 anos, vólvense enfrontar o Atlético dos Castros e o seu eterno rival, o Galicia Gaiteira, gañando o Atlético por 1-0, tras converter un penal José Carlos. O club remata terceiro na Primeira División 1990-91[12].

Competicións autonómicas (a partir de 1991)[editar | editar a fonte]

En 1991 o club decide abandonar a competición de fútbol local para formar parte da competición a nivel nacional. O club comeza a disputar dende entón competicións nacionais, quedando encadrado na Terceira Autonómica de Galicia organizada pola Federación Galega de Fútbol. Na tempada 1993-94 o club queda subcampión da Terceira Autonómica[13], mais non logra o ascenso na promoción fronte o Montañeros. Na tempada 1996–97 o club volve rematar subcampión da Terceira Autonómica e clasifícase para xogar unha promoción entre clubs dos grupos I e II[14]. Desta volta gaña a promoción e consegue o ascenso á Segunda Autonómica de Galicia[15], aínda que o seu paso pola categoría é breve e logo descende. Na súa volta á Terceira Autonómica, remata terceiro do seu grupo, clasifícándose novamente para unha promoción entre clubs dos grupos I e II, tal e como acontecera dous anos antes[16], mais nesta ocasión remata sétimo na fase final e non consegue o ascenso[17].

O 31 de xullo de 2007 a xunta directiva trocou o nome do club a Club Atlético dos Castros, denominación correcta en galego segundo a normalización lingüística. En lembranza do falecido Arturo Varela Canosa, que estivo ligado ao club durante máis de 30 anos en diversos cargos técnicos e directivos, o club organiza dende 2012 o Memorial Arturo Varela Canosa, torneo de fútbol base en homenaxe á súa figura[18]. En 2013 o equipo de afeccionados imponse no grupo I da Terceira Autonómica, obtendo o campionato e mailo ascenso directo á Segunda Autonómica[1]. En 2016 descende á Terceira Autonómica malia rematar undécimo[19] debido á unha reestruturación da Segunda Autonómica[20].

Uniforme[editar | editar a fonte]

A camisola tradicional do club é branca cunha franxa azul diagonal coma a da bandeira de Galiza. A orientación da franxa ten sofrido variacións, levándoa no sentido da bandeira galega ou no da franxa do escudo do club (oposto ao da bandeira) segundo a época[21].

  • Primeiro equipamento: Camisola branca cunha franxa diagonal azul que comeza no ombreiro esquerdo e cae cara o estremo inferior dereito, pantalón branco e medias brancas.
  • Segundo equipamento: Camisola negra cunha franxa diagonal azul que comeza no ombreiro esquerdo e cae cara o estremo inferior dereito, pantalón branco e medias brancas.

Escudo[editar | editar a fonte]

O escudo do club fórmano unha peza branca dividida pola metade por unha liña diagonal azul como a da bandeira galega e a da camisola do club. Nesta liña diagonal pódense ler as siglas do nome do club (C.A.C.). Na parte superior da dita banda azul hai un balón de fútbol regulamentario dos anos cincuenta, e na inferior atópase a Torre de Hércules, faro romano símbolo da cidade da Coruña.

Xogadores[editar | editar a fonte]

Varios dos xogadores formados na entidade remataron xogando en categorías estatais, como é o caso de[22][23][24][25][26] Julio Otero, Morado, Valerio, Miguel Rivas, Firi, Ferreño, Villamor, Tomás, Nito, San Miguel I, San Miguel II, Benigno, Joaquín, Meilán, Goloso, Javier Máquina, Julio Anta, Carrasco ou Neche.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tempada Categoría Posto
desde 45/46 Div. Modestos
ata 90/91 Div. Modestos
1991/92 3ª Autonómica
1992/93 3ª Autonómica
1993/94 3ª Autonómica
1994/95 3ª Autonómica
1995/96 3ª Autonómica
1996/97 3ª Autonómica ascendido
1997/98 2ª Autonómica 16º descendido
1998/99 3ª Autonómica
1999/00 3ª Autonómica
Tempada Categoría Posto
2000/01 3ª Autonómica 13º
2001/02 3ª Autonómica
2002/03 3ª Autonómica 11º
2003/04 3ª Autonómica 11º
2004/05 3ª Autonómica 12º
2005/06 3ª Autonómica
2006/07 3ª Autonómica
2007/08 3ª Autonómica 12º
2008/09 3ª Autonómica
2009/10 3ª Autonómica
2010/11 3ª Autonómica 10º
Tempada Categoría Posto
2011/12 3ª Autonómica
2012/13 3ª Autonómica ascendido
2013/14 2ª Autonómica 12º
2014/15 2ª Autonómica 14º
2015/16 2ª Autonómica 11º descendido
2016/17 3ª Autonómica

Palmarés[editar | editar a fonte]

  • Terceira Autonómica (1): 2012-13
  • Segunda División de Modestos da Coruña (3): 1959–60, 1973–74, 1979–80[5]
  • Copa Liceo (2): 1960, 1974
  • Subcampión da Terceira Autonómica (2): 1993–94, 1996–97
  • Subcampión da Segunda División de Modestos da Coruña (3): 1949-50, 1977-78, 1988-89
  • Subcampión da Copa Liceo (1): 1980

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Una historia de 68 años" (PDF). DEPOR Sport nº 12.067. 17 de abril de 2013. p. 21. 
  2. 2,0 2,1 "Crónica del Club (1940-1956)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "1956, la última refundación". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 "Crónica del Club (1956-1965)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Historial del Campeonato de Liga Fútbol Modesto (capital)". Club Deportivo Ciudad. Bodas de Oro (1932-1982). p. 37. 
  6. 6,0 6,1 "Primera Copa Liceo (1960)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  7. "Una protesta original". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  8. "Crónica del Club (1965-1975)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  9. Comisión de Festas dos Castros (1996). "Revista Festas Os Castros 96". A Coruña: 55. 
  10. 10,0 10,1 "1974, Campeones de la Copa Liceo". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "Crónica del Club (1975-85)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  12. 12,0 12,1 "Crónica del Club (1985-95)". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  13. TERCERA REGIONAL GALLEGA (GRUPO 1) 1993-94 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  14. TERCERA REGIONAL GALLEGA (GRUPO 2) 1996-97 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  15. TERCERA REGIONAL GALLEGA (FASE DE ASCENSO) 1996-97 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  16. TERCERA REGIONAL GALLEGA (GRUPO 2) 1998-99 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  17. TERCERA REGIONAL GALLEGA (FASE DE ASCENSO CIUDAD DE A CORUÑA) 1998-99 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  18. "El fin de semana se juega el Memorial Arturo Varela" (PDF). DEPOR Sport nº 2.771. 19 de setembro de 2012. p. 24. 
  19. SEGUNDA AUTONÓMICA GALLEGA (GRUPO 1) 2015-16 Resultados históricos del fútbol español (arquero-arba.futbolme.net)
  20. Circular nº3 Propuestas Aprobadas en al Asamblea General 2015 Federación Galega de Fútbol
  21. "CLUB ATLÉTICO DOS CASTROS". Depor Sempre. 12 de xullo de 2015. 
  22. "Julio Otero Moirelo". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  23. "Alfredo Fernández Rodríguez “Firi”". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  24. "Javier Fernández “Máquina”". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  25. "Os Castros, cuna de grandes porteros". atcastros.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 18 de outubro de 2013. 
  26. Comisión de Festas dos Castros (1994). "Revista Festas Os Castros 94". A Coruña: 51. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]