Pádel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Padel area en ISPO 2014

O pádel é un deporte de raqueta que se practica por parellas nunha pista rectangular pechada de 10 × 20 m. A puntuación é igual ca no tenis, as pelotas son similares pero cun pouco menos de presión e a gran diferenza é que a pista ten paredes e as pelotas poden ser xogadas contra elas nunha maneira similar coma no squash.

Este deporte foi inventado en Acapulco, México, por Enrique Corcuera en 1969. É moi popular na Arxentina, México e noutros países latinoamericanos; tamén en Europa, principalmente en España, aínda que agora empeza a difundirse rapidamente polo resto de Europa e outros continentes. A enorme popularidade do pádel ao longo da Costa do Sol e no sur de España expúxoo a un gran número de residentes británicos e turistas, e esta é unha das razóns de que o pádel empezase a coller pulo no Reino Unido.

O pádel é un deporte para todas as idades e habilidades, xa que é rápido e fácil de aprender, e é menos esixente fisicamente ca deportes similares como o squash. A maioría dos xogadores conségueno comprender nos primeiros 20 minutos de xogo e resúltalles fácil lograr un nivel de competencia; por iso a xente que o practica pode divertirse co pádel, xa que non é un deporte tan dominado pola forza, técnica e servizo coma no tenis (neste feito, o servizo en pádel é por abaixo).

O Padel Pro Tour (PPT) é o circuíto profesional de pádel que foi creado en 2005 como resultado dos acordos entre o grupo de organizadores de partidos de pádel, a Asociación de Xogadores Profesionais de Pádel (AJPP) e a Asociación Femenina Española de Pádel (AFEP).

En 2006 os gañadores foron Juan Martín Díaz e Fernando Belasteguín na categoría masculina e Lisandre (Neki) Berwig e Iciar Montes na feminina. Estes xogadores gañaron outra vez no 2007. Ambas as parellas dominaron o PPT durante esas temporadas gañando máis do 80 % dos torneos.

O pádel recentemente foi lanzado no Reino Unido: un grupo de investidores privados logrou conseguir con éxito lanzar o deporte en 2011 despois de moitos intentos fracasados doutros. Demostrouse ser moi difícil clasificar o deporte a pesar de que no exterior sempre estivo recoñecido.

Resumo[editar | editar a fonte]

  • Xogadores: xógase soamente de dobres.
  • Servizo: ambos os servizos deben ser por debaixo.
  • Tanteo: o método de puntuación é o mesmo ca no tenis.
  • Pelotas: moi parecidas ás pelotas de tenis. Ás veces, úsanse as de tenis.
  • Raqueta: sólida e adoita estar perforada.
  • Paredes: as paredes úsanse como parte do xogo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]