Ártabro Hockey Club

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ártabro Hockey Club
Tipoclub deportivo
Deportehóckey sobre herba
Data de fundación1933
SedeA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

O Ártabro Hockey Club foi un equipo galego de hóckey herba da cidade da Coruña que destacou especialmente en categoría femenina. Fundado en 1933, o Ártabro converteuse no primeiro equipo da modalidade na cidade herculina, capitaneado por Maruca Allones, que se convertería na primeira muller árbitro de España.[1] Con todo, o estalido da guerra civil poría punto e final á andaina do equipo e do hóckey faminino coruñés, que sería que agardar ata a década de 1950 coa aparición do Saeta.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Precedentes[editar | editar a fonte]

O gran artífice do hóckey herba coruñés foi o xornalista José Luis Bugallal Marchesi, que anos antes da fundación do Ártabro considerara a idea de introducir na cidade herculina esta modalidade en categoría feminina, xa que a pesar de que noutros países e nas cidades españolas da época as mulleres estaban comezando a incorporarse á práctica deportiva, na Coruña aínda permanecían afastadas da práctica deportiva. En 1932 coñeceu que as mozas de Vigo "decidiran consagrar ao hóckey o seu tempo de lecer", comezando os seus adestramentos en Balaídos.[3]

Bugallal quixo promocionar este deporte dende a súa sección deportiva no xornal El Ideal Gallego, poñendo como exemplo ás mozas olívicas. Aínda que non tivo éxito inicialmente, un empregado do Banco Anglo Suramericano chamado Douglas Wynne remitiulle unha carta ofrecéndose a adestrar desinteresadamente á rapazas, xa que tempo atrás fora xogador, mais finalmente non conseguirían xogadoras para formar un equipo.[3]

Foi con todo en 1933 cando aproveitando a disputa en Vigo dun partido de fútbol entre as seleccións de España e Portugal, Bugallal entrevistouse con María Antonia Sanjurjo, presidenta do Atlántida Hockey Club. Estas conversas, das que se fixo eco El Ideal Gallego, si conseguiron animar a algunhas mozas da Coruña, que sentiron curiosidade por este deporte, e finalmente Arcadio Vilela conseguiu recrutar a un grupo de rapazas.[3]

A fundación do Ártabro Hockey Club[editar | editar a fonte]

A primeira reunión, á que asistiron unhas trinta mozas e na que se nomeou unha comisión organizadora, tivo lugar o 11 de abril de 1933. Esta comisión organizadora estivo integrada por Carmen Torrado, María de la Paz Aranaz, Luisa Puentes, Mr. Wynne, Rafael del Río, Vilela e Bugallal, aos que se lles unirían José María Caruncho Angueira e Luiz Fernández Obanza.[3]

Inicialmente pretendíase crear o equipo de hóckey como unha sección autónoma do Sporting Club e a proposta de Caruncho, decidiuse nomear ao equipo Ártabro HC. A primeira directiva do club estivo integrada por Rafael del Río Díaz (presidente), Carmen Torrado (vicepresidenta), Bugallal (secretario), Mari Paz Aranaz (tesoureira) e Luisa Puentes Bujados, Caruncho e Obanza, vocais. Constituído formalmente o club, a directiva comezou a procura de socios e dun campo onde poder xogar. Finalmente a pesar das dificultades o club conseguiu reunir a un cento de socios que cotizaran dúas pesetas cada mes, con todo, o equipo seguiu sen contar cun campo onde desenvolver a súa acrividade, o que levou a dubidar do futuro do club herculino e a unha baixada do número de socios.[3]

Separación do Sporting e primeiros partidos[editar | editar a fonte]

Finalmente, o Sporting non prestou o apoio que prometera ao Ártabro HC, que optou por desvincularse da entidade o 3 de outubro de 1933. Foi neste momento no que comezaron os adestramentos na praza de Touros, aos que se incorporou o educador físico Joaquín Vierna para "proporcionar elasticidade, soltura e fortaleza ás futuras xogadoras", como complemento ao traballo de Wynne, quen eles axudou no manexo do stick, e o estilo e experiencia que Maruca Allones adquirira en Inglaterra.[3][a]

Aínda que tan só a capitá Maruca Allones tiña experiencia cun stick,[1] as xogadoras do Ártabro progresaban axiña, e segundo recolle a prensa da época "ao cabo de dous meses de adestramento dixérase que levaban un ano practicando".[3]

O primeiro partido formal do equipo disputouse o 29 de abril de 1934, e nel as coruñesas derrotaron ás pontevedresas do Pontevedra Hockey Club por 2-0 no Progreso en Pontevedra.[3][1] Os goles das coruñesas foron obra de Cuca e Alicia, e o equipo contaba coa presenza tamén de Nisa Segura, as irmás Torón, Mariceli Torón e Viricha; María Luisa Lens, Gloria Obanza, Maruca Allones, Maruxa Esclusa, Elisa Fernández Obanza, María Teresa Molezún e Rosario Allones.[1]

Á vitoria fronte ás pontevedresas seguiulle un novo triunfo fronte ao Villagarcía HC, desta volta o 10 de maio cun resultado final de dous goles a un a prol das coruñesas nun Campo de Riazor que rexistrou unha boa entrada, segundo relatou José Luis Bugallal Marchesi no seu Historial del Ártabro Hockey Club. Logo destas dúas vitorias chegou a primeira derrota das ártabras logo de caer por dous goles a tres fronte ao Athletic, aínda que uns meses despois as coruñesas conseguirían unha contundente vitoria fronte ao Ícaro HC de Ferrol (8-0). Tan só catro días despois da goleada fronte ás departamentais o Ártabro recibiu no Campo de Riazor ao Club de Campo de Vigo, o club pioneiro en Galiza, finalizando o partido cun empate a dous goles.[1]

En 1935 o Ártabro recibiu unha invitación para xogar en Póvoa de Varzim (Portugal), nunha xornada na que o seu equipo feminino se enfrontaría ao Club de Campo de Vigo, e o masculino ao Porto H. C., campións galego e portugués respectivamente.[4] O club coruñés asistiu á cidade portuguesa xunto con outros dous representantes galegos, os olívicos do Club de Campo e do Atlántida.[5]

O equipo participou no III Campionato de España de Hóckey Feminino celebrado a finais de marzo de 1936 en Vigo.[6][7] No Campionato as ártabras caeron nos cuartos de final fronte ao Polo Joquei Club de Barcelona por un gol a cero.[8] Finalmente o equipo herculino finalizou na quinta posición logo de derrotar á Agrupación Deportiva de Gijón por cinco goles a cero nun partido no que o cadro coruñés foi moi superior ao asturiano.[7]

Despois da guerra civil e desaparición[editar | editar a fonte]

En 1939 encóntranse máis referencias ao club, neste caso ao equipo masculino, indicando o xornal El Pueblo Gallego no seu número do 2 de xuño que o club se encontraba en plena reorganización. Segundo este xornal, trece xogadores do equipo terían falecido durante a guerra civil, e o club tería o proxecto de construír un terreo deportivo para a práctica de diversos deportes.[9] O ano seguinte menciónase outro novo partido de carácter amigable do equipo masculino, desta vez fronte ao Compostela. Salientar que as xogadoras coruñesas non aparecen ligadas ao club, senón como integrantes de equipos da Sección Femenina da falanxe coruñesa.[10]

Foi na década de 1940 cando o equipo desapareceu. El Pueblo Gallego sinalaba o 15 de xaneiro de 1947 que os xogadores coruñeses de hóckey participaran no Campionato Galego dentro da sección do Real Club Deportivo da Coruña, logo dun período de inactividade "a que se viron sometidos dende aqueles tempos do Ártabro e Catro Pallas".[11]

Identidade do equipo[editar | editar a fonte]

José Luis Bugallal Marchesi (asinando como Marathon) indicaba no xornal AS o 25 de xuño de 1934 que:[12]

No "ártabro" procurouse que todo teña un selo de originalidade e sabor racial.

AS, 25 de xuño de 1934 (tradución do orixinal)

O nome escollido, "ártabro", fai referencia á tribo celta dos ártabros, que habitaron a zona antes da chegada dos romanos. De feito, o emblema escollido foi "unha escultura rupestre do tempo dos ártabros".[12]

Inicialmente as cores escollidas para representar o equipo foron o verde e o amarelo, representando os campos e o mar galego, e o trigo respectivamente.[12] Posiblemente as cores mudaran cara ao marrón con vermellos e azuis, como aparece citado noutros xornais da época.[13]

Xogadoras destacadas[editar | editar a fonte]

A pesar da curta traxectoria do equipo, nas súas filas militaron na selección española, como a porteira Maruja Allones e a dianteira Rosario Allones, que participaron no torneo feminino de hóckey que se disputou en Berlín en 1936 e no que tamén participaron as seleccións de Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, os Países Baixos e Polonia.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Allones practicara este deporte nun colexio inglés.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Bugallal, Isabel (8 de xaneiro de 2017). "Las 'hockeygirls' coruñesas". La Opinión (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  2. "Maribel Otero, a Arteixá campiona de España de Hockey Sala". Concello de Arteixo. 9 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2019. Consultado o 21 de febreiro de 2019.  Arquivado 21 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Bugallal, Isabel (11 de decembro de 2016). "El Ártabro HC, un nacimiento difícil". La Opinión (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  4. "El Ártabro es invitado a jugar en Póvoa". El Pueblo Gallego (en castelán). 14 de setembro de 1935. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  5. "Se preparan grandes fiestas en Povoa de Varzin". El Pueblo Gallego (en castelán). 2 de outubro de 1935. p. 11. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  6. Ramos Altamira, Ignacio. Margot Moles, la gran atleta republicana (en castelán). Libros.com. ISBN 978-84-17023-91-1. 
  7. 7,0 7,1 "El Athletic Club, actual campeón, no ha podido vencer al Madrid durante hora y media de juego reñido y emocionante". El Pueblo Gallego (en castelán). 1 de abril de 1936. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  8. "Hoy jugarán la final en Vista Alegre el Madrid y el Athletic, clasificados ayer". El Pueblo Gallego (en castelán). 31 de marzo de 1936. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  9. "El Ártabro Hockey Club. Entra en plena reorganización". El Pueblo Gallego (en castelán). 2 de xuño de 1939. p. 6. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  10. "Un gran festival deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de abril de 1940. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  11. "Campeonato gallego de hockey". El Pueblo Gallego (en castelán). 15 de xaneiro de 1947. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Marathon (25 de xuño de 1934). "EL EQUIPO FEMENINO DEL ARTABRO H.C. GANO SUS DOS PRIMEROS PARTIDOS". AS (en castelán) (Madrid). p. 8. 
  13. Pinto, José (27 de marzo de 2018). "Las otras mujeres del deporte". salamancatvaldia.es (en castelán). Consultado o 22 de febreiro de 2019. 
  14. "La selección que marcha a Berlín" (PDF). Ahora (en castelán). 3 de abril de 1936. p. 31. Consultado o 21 de febreiro de 2019.