Saltar ao contido

Club Deportivo Zalaeta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CD Zalaeta
NomeClub Deportivo Zalaeta
Alcume(s)Zalaetos
Fundación1982
SedeA Coruña, Galiza
Estadio(s)Campo de Suevos (Arteixo)
PresidenteMaría José Otero Seoane
AdestradorDavid Redondo
CapitánRicardo Romano
Liga(s)Liga Galega de Rugby
2018-191º (LGR 2)
Casa
Na rede
http://www.rugbyzalaeta.com

O Club Deportivo Zalaeta é un club de rugby galego da cidade da Coruña, que compite na Liga Galega de Rugby. Dende o ano 2008 disputa os seus encontros no campo de Suevos, do concello de Arteixo[1].

O Club Deportivo Zalaeta naceu no instituto Ramón Menéndez Pidal de Zalaeta no ano 1980. Nos seus comezos traballou con seccións deportivas de voleibol, baloncesto e hóckey a patíns. A sección de rugby naceu en setembro de 1982. Xosé Flores Rodríguez, un antigo xogador de rugby que xogara uns anos antes no equipo Ingenieros Industriales de Madrid, e que tiña unha libraría fronte ao instituto, foi quen impulsou a creación desta sección de rugby entre varios alumnos do instituto.

O primeiro encontro de rugby que disputou o club enfrontou ó CD Zalaeta cun equipo doutro instituto de Ferrol, o Saturnino Montojo, en novembro de 1982.

Coa fundación da Federación Galega de Rugby en 1983, creouse por vez primeira unha liga autonómica, como había noutras rexións de España dende había anos. Nesta primeira edición da liga galega de rugby inscribíronse 5 equipos: o CRAT da Coruña, o Marina de Ferrol, o CDU de Santiago de Compostela, o Bocoi de Vigo e o CD Zalaeta.

No ano 1984 o club acadou o primeiro campionato galego celebrado en categoría xuvenil, polo cal participou deseguido no campionato de España, caendo na primeira rolda fronte ó CD Lourdes de Valladolid (equipo que tres anos máis adiante sería refundado como o actual VRAC). Aquel encontro tivo moita repercusión no rugby coruñés xa que foi a primeira actividade a nivel nacional dun club de rugby da cidade, e o CD Lourdes era un equipo de primeiro nivel, cuxo primeiro equipo tiña algúns xogadores internacionais. O adestrador do CD Zalaeta naquel ano era Jorge Carman, un antigo xogador que tiña experiencia no CR Olivos arxentino.

No ano 1985 a sección de rugby quedou como única actividade do club, desaparecendo tódalas demais seccións deportivas. Nese mesmo ano o equipo sénior acadou o subcampionato na liga galega, cun dos equipos máis competitivos do club na súa historia, debido a que varios xogadores de equipos de División de Honra estaban facendo o servizo militar na cidade herculina, razón pola cal xogaban ese ano co club. O equipo Marina de Ferrol privou ó CD Zalaeta do título no último encontro. Nese encontro, a pesar de perder, o equipo coruñés empatou na clasificación cos ferroláns, polo que se debería ter xogado un encontro de desempate, mais as lesións levaron ó Zalaeta a renunciar, perdendo dese xeito o título.

En 1987 accedeu á presidencia do club Julián Valiente Romero, quen levou a cabo un proxecto de mellora do club, contratando un adestrador con experiencia no CR El Salvador de Valladolid, e contratando tamén por vez primeira un preparador físico. O equipo clasificouse para a fase de ascenso xunto co Xabarín RC de Lugo, CD Independiente de Santander, o Ferroplas de Burgos e o Revillagigedo de Xixón.

O equipo seguiu a participar na liga galega durante algúns anos. En 1990 chegou un novo presidente á dirección do club, Martín Marticorena. Entre os adestradores que pasaron polo Zalaeta neses anos, Carlos Allegue e Fran Deive (ex xogador do CR Cisneros) foron os máis salientables polos resultados acadados.

Na tempada 1994/95 o club gañou por primeira vez na súa historia a liga galega de rugby, impoñéndose ó Compostela RC. O adestrador daquel equipo do CD Zalaeta era Ángel Garita, un antigo xogador do CR Liceo Francés de Madrid. Na fase de ascenso á Primeira División Nacional caeron fronte á sección de rugby do Sporting de Xixón.

En 1996 houbo de novo un troco na presidencia, chegando a ela Mauricio Iglesias, cuxa prioridade foron as categorías inferiores, facendo que o club comezase a colaborar con varios colexios da cidade. Non obstante, Mauricio Iglesias tivo de dimitir por razóns profesionais, o cal fixo posible que chegase á presidencia Miguel Peón, un antigo xogador do club, que tentou levar a cabo o mesmo traballo coas categorías inferiores.

En 1997 foi Jesús Varela "Papi" quen chegou á presidencia, cun obxectivo principal: o ascenso a Primeira Nacional. Para iso tentou reorganizar a estrutura do club, atraer novos socios, e acadar novas fontes de financiamento.

Século XXI

[editar | editar a fonte]

Foi na tempada 2000/01 cando o CD Zalaeta, despois de rematar como subcampión na liga galega, acadou o ascenso á Primeira División Nacional (3º nivel do rugby español) logo de superar na fase de ascenso ó equipo filial do VRAC.

A primeira tempada do CD Zalaeta en categorías nacionais foi deportivamente moi dura. Coincidiu no grupo A da Primeira División Nacional co Vigo Rugby Club, cos filiais de CR El Salvador e VRAC, co Belenos RC, co Universidad de León e co Universidad de Oviedo. O equipo non acadou ningunha vitoria, e rematou na última posición, malia o cal non descendeu, xa que foi ampliado o número de participantes para a seguinte tempada. Nese mesmo ano xogou por vez primeira a final da Copa Xunta ante o Vigo RC.

Na tempada 2002/03, o club celebrou o seu 20º aniversario. O equipo coincidiu ese ano no grupo A da Primeira División Nacional co Vigo Rugby Club, co CRAT, co filial do VRAC, co Belenos RC, co Ingleses RC, co Universidad de Oviedo, co Universidad de León e co CR Lalín. Nesta ocasión o CD Zalaeta rematou 9º entre 10 equipos, acadando o obxectivo da permanencia. Ese ano Roberto Anido deixou o cargo de adestrador do primeiro equipo despois de sete anos, sendo substituído por Carlos del Río.

O primeiro ano como adestrador de Carlos de Río "Raper" á fronte do CD Zalaeta na tempada 2003/04 foi bo, xa que de novo o CD Zalaeta acadou a permanencia na Primeira Nacional, logo de rematar 7º entre os 9 equipos do grupo A.

Na seguinte tempada, a Federación Española de Rugby reformou de novo a categoría, pasando o grupo A a contar con só 6 equipos galegos e asturianos. O CD Zalaeta rematou 4º, o cal lle deu o dereito a manter a categoría, pero o club viuse obrigado a descender de división por mor do incumprimento na obriga de manter equipos en tódalas categorías inferiores.

Na tempada 2005/06, o CD Zalaeta disputou de novo a liga galega, rematando 3º tralo Muralla RC de Lugo e o CR Lalín. Na tempada 2006/07 chegou ó club o adestrador Gustavo Pardo, que cumpriu o obxectivo de gañar a liga galega de rugby acadando un 100% de vitorias. Na fase de ascenso a Primeira Nacional eliminou o Ferroplas de Burgos na primeira eliminatoria, e ó Salamanca RC na segunda, acadando o ascenso.

Na tempada 2007/08 o Zalaeta rematou 6º entre 8 equipos no grupo A da Primeira Nacional, acadando a permanencia. A tempada 2008/09 foi a de máis éxito na historia do club. Ese ano acadouse a 3ª posición final no grupo A da Primeira Nacional, malia o cal, o CD Zalaeta viuse na obriga de descender de categoría por razóns económicas.

Na tempada 2009/10 o equipo ascendeu de novo dende a liga galega á Primeira División Nacional. Non obstante, tralo seu ano en Primeira Nacional durante a tempada 2010/11, o club tivo que descender de novo á categoría rexional, disputando a edición 2011/12 da liga galega, na que rematou 2º tralo filial do Vigo Rugby Club.

Sección feminina

[editar | editar a fonte]

A sección feminina de rugby do CD Zalaeta foi creada na tempada 2009/10. Na tempada 2010/11 debutou en competición oficial na liga galega feminina. Na tempada 2011/12 o equipo rematou 3º entre 5 equipos, só superado polos equipos femininos do CRAT e do Vigo RC.

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Tempada actual

[editar | editar a fonte]
Táboa da LGR 2019-2020
Posición Equipo Puntos Encontros Bonus
Xogados Gañados Empates Derrotas Ofensivos Defensivos
1 Ferrol 60 12 12 0 0 12 0
2 Ingleses 54 12 11 0 1 10 0
3 CRAT 43 12 9 0 3 7 0
4 Lalín 41 12 8 1 3 6 1
5 Pontevedra 40 12 9 0 3 4 0
6 Muralla 31 12 6 0 6 5 2
7 Vigo B 29 12 6 0 6 5 0
8 Mareantes 22 12 5 0 7 2 0
9 Zalaeta 21 12 4 1 7 3 0
10 Ourense B 15 12 3 0 9 1 2
11 Santiago 12 12 2 0 10 1 3
12 Barbanza 10 12 2 0 10 0 2
13 Fendetestas 2 12 0 0 12 0 2

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]