Literatura galega dos Séculos Escuros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Literatura galega
Cantigas de Santa María.
Medieval
Séculos Escuros
Prerrexurdimento
Rexurdimento
Intersecular
Século XX
do exilio
Actual

A creación literaria en lingua galega foi practicamente nula durante os séculos XVI, XVII e XVIII, razón pola que estes se denominan Séculos Escuros.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Henrique II de Castela substituíu a nobreza galega.

Algúns estudosos consideran que o cronista Fernão Lopes (século XV) é o último escritor medieval pertencente á literatura galego-portuguesa. A partir dese momento, os sistemas literarios galego e portugués ficarán separados con desenvolvementos autónomos.

Non obstante, a desaparición da escola trobadoresca galego-portuguesa medieval non se realizou de maneira brusca. Fronte á opinión tradicional que viña minusvalorando estes textos, os actuais historiadores da literatura galega veñen reivindicando o valor dos poetas da mal chamada escola galego-castelá -singularmente no Cancioneiro de Baena- e aínda os presentes no Cancioneiro Geral de García de Resende (1511), en Portugal. Ambas as direccións amosan, na obra de autores como o Arcediago de Toro ou Macías o Namorado, un afán por superar os tópicos trobadorescos xa reelaborándoos xa procurando novos xeitos que vaian máis aló do convencionalismo do amor cortés. Desta maneira, os Epígonos Trobadorescos significan máis ben un período de transición no que, por mor das circunstancias socio-políticas, o galego vai ceder o seu protagonismo, como lingua literaria, ao emerxente castelán. Diversas circunstancias motivan semellante proceso:

Isabel I de Castela mudou a nobreza galega por outra castelá.

En primeiro lugar, durante o desenvolvemento das guerras trastamaristas (1370), a alta nobreza galega apoiou a Pedro I no seu intento de subir ao trono de Castela. Porén, o vencedor deste conflito bélico foi o seu rival, Henrique de Trastámara. Como consecuencia disto, Henrique II de Castela (ou Henrique de Trastámara) substituíu parte da nobreza galega por nobres casteláns, proceso bautizado polos historiadores como a primeira substitución nobiliar. Repetiríase a historia pouco máis dun século máis tarde. Nunha nova guerra pola sucesión ao trono castelán, a nobreza galega apoiou a Xoana a Beltranexa (herdeira lexítima), mais o vencedor foi o bando de Isabel I de Castela, tamén coñecida como Isabel a Católica. Após a guerra, os Reis Católicos decidiranse por unha política que asegure o predominio do poder real en Galiza; trátase do denominado, polo padre Zurita, como o proceso de "Doma y castración del Reino de Galicia", mediante o cal a nobreza galega quedará totalmente "descabezada" e, o que é decisivo para a literatura, sen capacidade para producir un sistema literario en lingua galega. O galego continuou sendo a lingua habitual de toda a poboación, pero sen uso entre a alta nobreza, pois a emerxente clase fidalga aínda mantería ata a súa desaparición o uso da lingua galega en ámbitos informais, como pode verse nas novelas de Ramón Otero Pedrayo.

E se a nobreza laica foi substituída, o mesmo ocorrerá coa eclesiástica. Mentres os bispos galegos exercían os seus cargos noutros lugares da Península Ibérica, especialmente en Sevilla, a Galiza chegaban bispos castelanófonos e favorecían os nobres casteláns. A nobreza eclesiástica empregaba o latín, agás nas relacións persoais dos bispos e nalgúns usos administrativos, onde empregaba o castelán. Isto seguía sendo así mesmo cando algún galego dirixía as dioceses galegas.

Mais sendo importantes todos estes apartados, acaso o factor fundamental que explica a decadencia política de Galiza -e xa que logo das letras galegas, en directa relación co anterior- é o feito de que o país galego atinxe a Idade Moderna sen un monarca de seu e, sobre todo, sen a presenza de institucións propias. Aínda que mantén o carácter de "reino", Galiza pasa a formar parte da coroa de Castela sen que exista ningunha institución autónoma que poida servir de contrapeso á política centralizadora; polo contrario, as novas que se crean -Capitanía Xeneral de Galicia, Real Audiencia de Galicia- non farán máis que afianzar esa dependencia con respecto da corte. Afastada dos centros de decisión, Galiza pasa a ser unha simple provincia que asiste, desde unha posición marxinal, á emerxencia da monarquía hispánica centrada no reino de Castela.

A partir do século XVI a lingua galega non ten estamentos de poder que lle sirvan de alicerce, ficando carente do prestixioso sistema literario do que gozara durante a Idade Media. Aínda así, consérvanse manifestacións literarias destes Séculos Escuros.

A poesía dos Séculos Escuros[editar | editar a fonte]

Alá en Monterrei en Val de Laça,
a Violante vi beira de un río
tan fermosa, en verdá, que quedei frío
de ver alma inmortal en mortal maça.
De un alto e lindo corpo a seda laça
a pastora sacaba fío a fío,
quando lle dise: - “Morro, corta o fío”
- “Vólveo, non cortarei, seguro pasa”.
- “¿E como pasarei, se eu acá quedo?
Se pasar –respondí- non vou seguro
que este corpo, sen alma, morra cedo”.
- “Coa miña, que levas, te aseguro
que non morras pastor” – “Pastora hei medo;
o quedar me parece máis seguro.
Soneto de Monterrei, Anónimo, 1530-1540

Século XVI[editar | editar a fonte]

A primeira manifestación poética dos Séculos Escuros achámola no ano 1506. Trátase dunha composición feita en homenaxe ao consorte da raíña Xoana I de Castela (popularmente coñecida como Xoana a Tola), Filipe o Fermoso, con motivo do desembarco da parella na cidade da Coruña. A respecto desa cantiga, dixo Xosé María Álvarez Blázquez que: "non é aventurado supor que xurdise como consigna dos nobres galegos, desexosos de gabar o novo Rei". Atribúelle este estudoso, pois, unha finalidade política á creación desta composición. En efecto, o rei Fernando II de Aragón, "o Católico", non favorecera demasiado á nobreza galega. Fora a súa esposa, de feito, quen levou a termo o chamado "proceso de doma e castración do Reino de Galicia". Por isto, os nobres galegos non verían con malos ollos, a priori, o goberno deste monarca, posto que podería supor unha mudanza (que non se produciu) nas relacións entre Galiza e Castela.

Tamén do século XVI data un hipotético ciclo de romances nos que se conta a historia da morte do Mariscal Pardo de Cela. Desta serie de composicións consérvanse só dous testemuños escritos, entre os que destaca o chamado Lamento da Frouseira . Este último, elaborado entre 1530 e 1540, foi atribuído erroneamente ao poeta portugués Luís de Camões. Neste tipo de composicións ensálzase e idealízase a figura deste personaxe histórico, que aparece caracterizado como un señor feudal insubmiso á vontade da raíña Isabel I de Castela, "a Católica", defensor da terra, que só pode ser derrotado a través da traizón dos seus achegados. Esta mesma imaxe será recollida por Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte na súa obra dramática O Mariscal (1926). Nas dúas creacións poéticas citadas nárrase o momento da tráxica morte do Mariscal e do seu fillo, axustizados pola Coroa de Castela. Tamén do século XVI é o Soneto de Monterrei.

Tamén se ten falado do poema de La Araucana (1589) de Isabel Castro e Andrade (condesa de Altamira) como outro testemuño literario dos Séculos Escuros realizado no século XVI. Mais, realmente, esta composición está escrita en lingua portuguesa e, polo tanto, de acordo co canon estabelecido en 1963 por Ricardo Carvalho Calero ("só é literatura galega a escrita en galego"), pertencería á literatura portuguesa, non á galega. Si pertencerían á literatura galega unha serie de sonetos da autoría da mesma condesa, dos que tan só se conserva un.

Ademais, nos cancioneiros musicais españois dos séculos XV e XVI aínda se recollen cancións paralelísticas semellantes ás da lírica trobadoresca. Así se pode constatar nos cancioneiros do Palacio Real, de Madrid, de Uppsala, de Luis de Milán, de Juan Vázquez e nalgúns máis. En total existen sobre vinte cancionciñas que recordan a cantiga de amigo.

Do século XVI -arredor de 1594- data a composición Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués,de autor descoñecido (acaso Gaspar de Teves) e cuxa función é louvar a figura do que foi o primeiro galego que alcanzou o cargo de Capitán Xeneral de Galiza. O texto está redactado en once estanzas, forma estrófica que atinxe o seu apoxeo no Século de Ouro. Este poema estaba incluído nun libro que chegou ás mans de Diego Sarmiento de Acuña (Conde de Gondomar), e contiña composicións elaboradas en lingua castelá.

Século XVII[editar | editar a fonte]

Dous sonetos de 1612 lembran a Margarida de Austria, esposa de Filipe III

Por outra parte, en 1612 publicarase un cancioneiro das Exequias á Raíña Margarida, no cal se recollen composición elexíacas que supoñían un lamento polo pasamento da raíña Margarida de Austria. A publicación desta obra correu a cargo da Real Audiencia do Reino de Galiza. Entre elas, hai dous sonetos creados en lingua galega, un da autoría de Xoán Gómez Tonel e outro da colleita de Pedro Vázquez de Neira. De todas as maneiras, estes non serán os únicos textos destes autores que aparezan neste poemario: Gómez Tonel escribiu sete poemas en español e sete en latín; Vázquez de Neira, pola súa banda, compuxo tres sonetos en latín, tres en español e mais outro no que utiliza estas dúas linguas. A este respecto, comentaba Xesús Alonso Montero que era curioso que dous prolíferos poetas en español escribiran naquela altura cadanseu soneto en galego. Por isto varios investigadores, entre eles o profesor Xosé María Dobarro Paz, chegaron á conclusión de que a utilización do galego nestes dous poemas responde a motivos estéticos. Así, a lingua galega sería utilizada coa mesma finalidade coa que se usa un determinado tipo de metro, de rima ou de recursos retóricos.

De 1617 dataría unha composición anónima onde se narra o saqueo de Cangas polos turcos. Tamén é anónimo un canto ao monte Medulio que Xosé María Álvarez Blázquez dubida se é do século XVII ou XVIII.

Pénsase que é de antes de 1630 as Décimas ao apóstolo Santiago, de frei Martín Torrado, que pese a non seren imprentadas, foron moi populares no seu tempo. Nelas recóllese a polémica consistente en considerar se o Apóstolo Santiago debía de ser o único patrón das Españas ou se, pola contra, debía compartir esa honra con Santa Teresa de Xesús.

En 1697 foron publicados os nove romances escritos en galego contidos no volume conmemorativa das Festas Minervais celebradas naquel ano. Da presenza da lingua galega nestas Festas Minervais afirma Xesús Alonso Montero que se trata dunha comparecencia anecdótica e, como acontecera no volume das Exiquias á Raíña Margarida, a súa finalidade sería máis ben estética. Aínda así, como indica Ramón Mariño Paz, trátase de textos lonxincuos do romance galego popular escritos por intelectuais de gran categoría, entre os que o propio Mariño destaca a Joseph Gil de Taboada e a Fabián Pardiñas Vilardefrancos. Por outra parte, segundo Anxo Tarrío, parece ser que as Festas Minervais se viñan celebrando desde 1536, en homenaxe ao impulsor da Universidade de Santiago de Compostela Alonso III de Fonseca, alcuñado "O Grande". Mais na maioría dos casos non se conserva ningún volume similar ao de 1697, polo que poderían existir máis composicións en lingua galega das que non se ten constancia.

Século XVIII[editar | editar a fonte]

De 1702 é un poema no que se narra a batalla de Rande, atribuído a Anselmo Feixoo e Montenegro. No ano 1707 tiveron lugar na cidade de Ourense unhas celebracións con motivo do nacemento do príncipe Luís Xacobe, fillo de Filipe V e de María Luísa de Savoia. Co gallo destes festexos, foi elaborado un volume conmemorativo no que se recolle un romance anónimo escrito en lingua galega, dedicado á Virxe da Reza e atribuído por Xosé María Álvarez Blázquez a Noguerol e Camba.

Martín Sarmiento, autor das coplas galegas.

Por outra parte, tense noticia de que o galego estivo presente nas festas celebradas en Santiago de Compostela con motivo da canonización de Pío V, xa que se sabe que no volume conmemorativo houbo composicións en italiano, galego e español. Seguindo neste século XVIII, segundo Ramón Mariño Paz, o volume das Sagradas Flores del Parnaso, publicado en Madrid en 1723, contaba con dúas glosas en galego.

Un dos froitos literarios máis destacados destes Séculos Escuros é o Coloquio de 24 Gallegos Rústicos, da autoría de Frei Martín Sarmiento. Este libro, composto por 1201 coplas, foi elaborada entre 1746 e 1747 e narra en verso a morte e o enterro de Filipe V e a coroación do seu fillo Fernando VI. Máis que un grande valor literario, o Coloquio ten un enorme valor didáctico, posto que con frecuencia aparecerán enormes listados de enumeracións onde se recollen sinónimos dun mesmo vocábulo. Este método será utilizado posteriormente por Xoán Manuel Pintos (1853) no seu libro A Gaita Gallega.

Por outra banda, é tamén do século XVIII, un romance en ton humorístico da autoría de María Francisca de Isla e Losada e dirixido ao Diego Antonio Cernadas de Castro (coñecido como "o cura de Fruíme"), datado entre 1774 e 1777. É probábel que esta mesma autora escribise máis textos en galego á parte deste.

Precisamente "o Cura de Fruíme" foi autor dun reducido número de composicións en galego, publicadas en Madrid entre 1778 e 1781.

Finalmente, Manuel Murguía deu noticia de tres poemas de José Cornide escritos en galego e que non chegaron a ser publicadas na vida do autor.

O teatro dos Séculos Escuros[editar | editar a fonte]

Existiu un teatro popular, mais ficaron escasos testemuños escritos.

Malia que se conservan poucos textos dramáticos dos Séculos Escuros escritos en galego, sábese que a actividade teatral na Galiza nestes séculos foi importante. O teatro, naquela altura, constituía un dos máis importantes elementos de ocio, unha das principais vías de escape dos problemas rutineiros. Cumpriría o teatro, pois, un papel similar ao que desempeñan na actualidade a televisión, o cinema, os deportes de masa ou internet.

A diferenza do que sucede hoxe en día, o teatro en Galiza era seguido especialmente polas clases populares. Sábese que tanto en Portugal como no reino de Castela existiron lugares onde as persoas de todos os extractos sociais confluían (que non se mesturaban) para contemplar as representacións dramáticas (os pátios e os corrales, respectivamente). Porén, non se ten coñecemento de que no caso galego existisen este tipo de locais. Mais, o teatro popular, está amplamente documentado en Galiza. A través dos documentos da época, e de traballos como as Notas Viejas Galicianas (1925-1926) de Pablo Pérez-Constanti, tense constancia de que a representación dramática constituía todo un acontecemento sociocultural nas vilas e núcleos rurais galegos. Estas representacións eran levadas a termo por compañías teatrais, as cales debían representar as súas funcións primeiramente ante o alcalde e mais unha representación de "traballadores" do concello onde terían lugar estas postas en escena, coa finalidade de censurar anacos ou obras teatrais completas se for necesario. Nos núcleos rurais eran os propios veciños obrigados a interpretar as personaxes das obras representadas, baixo a pena de fortes multas e outro tipo de represalias no caso de que algún dos veciños se negase.

Mais, a pesar de toda esta actividade teatral, consérvanse moi poucos testemuños dramáticos escritos en lingua galega. Así, inserido na Comedia de la invención de la sortija aparece un entremés en galego. Outro texto é Diálogo de Alberte e Bieito, datado cara a 1595 e proveniente do círculo do Conde de Gondomar. Trátase dun pequeno documento que pon, non obstante, en evidencia a presenza dun teatro escrito, pero non impreso, toda vez que o seu destino era a representación -por unha ou escasas veces- de carácter inmediato.

A pesca no río Miño deu orixe a un entremés datado en 1671

Non obstante, a peza máis coñecida é o orixinal de Gabriel Feixoo de Araúxo A Contenda dos Labradores de Caldelas. Pese a que esta obra data do ano 1671, non foi coñecida a súa existencia ata 1953, ano no que o polifacético Fermín Bouza-Brey editou esta peciña co título de Entremés Famoso sobre da Pesca no Río Miño. Nela, recóllese en verso un conflito entre galegos e portugueses por mor da explotación da pesca no río Miño. O confronto vén derivado da intención dun fidalgo portugués de non atender aos acordos secularmente estabelecidos e de querer que os portugueses dean dúas redadas por cada unha que dean os galegos. En vista de non poder resolver o problema co diálogo, os galegos, encabezados por un personaxe chamado Borgorio, fan valer pola forza os seus dereitos. Finalmente, remata a obra coa reconciliación entre galegos e portugueses e cun baile que sela a nova paz conseguida entre os dous pobos irmáns. Véxase Entremés famoso sobre a pesca no río Miño.

O anónimo Entremés do Portugués, do século XVIII, estivo inédita ata 1985, ano no que a publicou e a editou José Luis Pensado. É un entremés de corte popular. A existencia desta peza fai supor que houbo unha certa tradición entremesística en Galiza, algo que xa supoñían seis anos antes da aparición desta peza, en 1979, Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, no seu libro O Teatro Galego. Esta tradición entremesística non é en absoluto estraña, pois a obra principal de cada función debía ir acompañada de loas e entremeses.

Como resumo do Entremés do Portugués pódese dicir que a obra se abre cunha disputa entre un portugués, un francés e mais un andaluz, quen rivalizan sobre cal deles é o máis guapo, o máis valente e o máis destro no manexo da espada. En plena discusión, crúzase un galego, que vén de Castela, das segas. Pídenlle ao galego que sexa el quen decida cal deles é o que posúe mellor presenza, e este responde que acepta a cambio de cartos. Unha vez que tanto o portugués como o andaluz, así tamén o francés, lle pagan nas respectivas moedas dos seus gobernos, o galego dita como sentenza que o mellor de todos os alí presentes era el. Os outros tres alíanse na súa intención de matar o galego, mais este non só se defende senón que humilla ao portugués (sobre todo), ao andaluz e ao francés. Non por casualidade, Pensado intuía que esta peza fora escrita por un galego ou por alguén que sentise afinidade polo país.

Os vilancicos de Nadal e Reis[editar | editar a fonte]

A catedral de Mondoñedo tivo unha grande tradición de vilancicos nos séculos XVII e XVIII

Durante os séculos XVII, XVIII, e aínda na primeira metade do XIX, circularon unha grande cantidade de vilancicos de Nadal e Reis escritos en lingua galega. Tratábase de creacións en verso, en estrofas breves, musicadas, e cun certo aire popular, compostas normalmente por músicos de grande formación.

As catedrais de Mondoñedo e Santiago de Compostela contaron cunha grande tradición no que respecta á elaboración destas panxoliñas ou aninovos. Amais, os vilancicos de Nadal e Reis escritos en galego traspasaron as fronteiras de Galiza, e eran cantadas en catedrais como a de Toledo ou Sevilla (o cal non é raro, tendo en conta que, durante estes anos, a curia hispalense contou cun grande número de bispos galegos). Derivado disto, circula a anécdota de que nestes lugares, ao escoitar estes cantos relixiosos en galego (e unido a un cruzamento entre Galilea e Galiza) chegouse a pensar que o Mesías era orixinario de Galiza.

Os principais cultivadores de nome coñecido foron Carlos Patiño, Frei Francisco de Santiago, Gabriel Díaz, Frei Xerónimo Gonçalves e Manuel Bravo de Velasco.

A prosa nos Séculos Escuros[editar | editar a fonte]

No século XVIII escribiuse unha historia da igrexa de Iria Flavia

Ao longo dos séculos XV, XVI e XVII circularon algúns textos en prosa escritos en lingua galega con falsificacións históricas. Estas falsificacións mandaranas redactar persoas pertencentes á nobreza co afán de lexitimar o señorío da súa liñaxe, a semellanza dos antigos libros de liñaxes e imitando a lingua medieval. O concepto do que é literario ou do que non o é varía conforme a época, e naquela altura, estas creacións eran consideradas textos literarios. De todas estas falsificacións, destaca a Historia de Don Servando (1625-1635), que mandou redactar, seguramente, Xoán Fernández Boán e Araúxo.

Aínda así, hai casos que non son falsificacións, como o Theatro Moral y Político de la Noble Academia Compostelana, redactada por orde de Pablo Mendoza de los Ríos.

En 2009 descubriuse un manuscrito titulado Historia da Santa Igrexa de Iria Flavia datado entre 1713 e 1735 que presenta grande extensión, da autoría de Pedro Otero Romero Torres, e que é unha versión da Crónica de Santa María de Iria (1468).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]