Juan Rof Codina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Juan Rof Codina
Juan Rof Codina 1921.jpg
Nacemento31 de agosto de 1874
 El Prat de Llobregat
Falecemento17 de xuño de 1967
 Lugo
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncientífico
editar datos en Wikidata ]

Juan Rof Codina, nado en El Prat de Llobregat o 31 de agosto de 1874 e falecido en Lugo o 17 de xuño de 1967, foi un veterinario catalán, un dos principais impulsores da veterinaria en Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era o terceiro fillo dunha modesta familia catalá. O seu pai tiña un taller de ferreiría e cerrallería. Con 14 anos viuse obrigado a deixar a escola para axudar ó seu pai no taller pero en 1893, animado pola súa nai, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria. Para facer fronte ós gastos traballou de mancebo nunha farmacia.

Obtivo o posto de veterinario militar en 1898, e foi destinado a Lugo, permanecendo xa en Galicia toda a súa vida. A súa presenza na Galicia rural permitiulle familiarizarse coas enfermidades máis difundidas na época, como o gripo, ou febre aftosa, ou a nacida, ou carbuncho bacteriano. Axiña empezou a escribir artigos divulgativos para tratar de difundir boas prácticas en canto a hixiene, comezando co titulado "La cuestión de la carne" no diario lugués La Idea Moderna (1899). Tamén difundiu os resultados obtidos por Louis Pasteur nas súas investigacións sobre a vacinación contra o carbuncho bacteriano.

En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, foi trasladado a Granada, pero conseguiu regresar a Lugo ó ano seguinte. Porén, tras ascender ó grao de capitán, solicitou a licenza.

Fotografía de Rof Codina, o primeiro pola dereita, canda o resto de integrantes da redacción de La Idea Moderna.

En Lugo, xunto ó seu cuñado Jesús Carballo, montou unha clínica veterinaria, a primeira en Galicia [1], onde difundiu diversos tipos de vacina, e en 1906 creou a Gran Clínica Veterinaria. O Instituto Pasteur cedeulle a súa representación exclusiva das súas vacinas en Galicia e Asturias. A Clínica chegou a publicar, entre 1908 e 1909, un boletín periódico propio, de divulgación veterinaria para gandeiros.

Rof foi tamén un decidido agrarista, e participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario, entre elas a colaboración como redactor na revista Prácticas Modernas, da Coruña, desde 1903. Foi un firme defensor da organización das feiras de gando como fórmula de fomento dos mellores exemplares de gando, especialmente da vaca rubia galega, sendo o verdadeiro impulsor da Feira de Lugo de 1906. Dentro da súa participación no movemento agrarista, no seo de Solidaridad Gallega, participou nas asembleas agrarias de Monforte e Ribadavia, nos anos 1908 a 1913, e asesorou os sindicatos e asociacións agrarias en aspectos de sanidade pecuaria, comercio e mellora gandeira. Así mesmo fomentou a creación de sociedades cooperativas e de seguros, as mutuas, entre os gandeiros que facilitaban a compra de maquinaria e permitían compartir gastos en caso de morte ou enfermidade do gando.

Canto á súa actividade profesional, participou con outros compañeiros na creación do Corpo de Inspectores de Hixiene e Sanidade Pecuaria e, cando se convocaron as primeiras oposicións, en 1909, presentouse e obtivo o posto de Inspector Provincial de Hixiene, trasladándose á Coruña, onde exerceu o cargo durante máis de 20 anos, ata que en 1932 foi nomeado para dirixir a sección de mellora gandeira da Inspección Xeral Veterinaria, en Madrid. Desde este posto centrouse no desenvolvemento e dignificación da gandería.

En 1929, por solidarizarse publicamente con Gordón Ordás, represaliado pola ditadura de Primo de Rivera, foi á súa vez trasladado a Córdoba. Canda a guerra civil, Rof Codina atopábase participando nun congreso en Alemaña e regresou a Madrid para presentarse ó goberno republicano, o que tivo como consecuencia, rematada a guerra, un novo expediente e un novo exilio na illa de Tenerife.

Juan Rof Codina no seu despacho, 1932.

Rof Codina regresou a España en 1941, e foi relegado a dirixir a Estación Pecuaria de Lugo, posto no que se xubilou en 1944. Porén, permaneceu activo a través da Cátedra ambulante de Divulgación Pecuaria de Galicia, que el mesmo creou, ata a súa morte con 93 anos, en Lugo, en 1967.

Ó longo de toda a súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos terreos da agricultura e a gandería.

En 1994 creouse Fundación Rof Codina, co obxectivo de crea-lo Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela. A filla, Carmen Rof Carballo, cedeu á fundación a maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo Lourenzo Fernández Prieto, tamén a primeira en España.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]