Hugo Grotius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hugo Grotius
Nome completoHugo Grotius.
Nome de nacementoHuig de Groot.
Nacemento18 de abril de 1583.
Lugar de nacemento Delft
Holanda Meridional
Países Baixos Países Baixos.
Falecemento28 de agosto de 1645.
Lugar de falecemento Rostock
Mecklemburgo-Antepomerania
Alemaña.
SoterradoIgrexa nova de Delft
NacionalidadeNeerlandesa e das Provincias Unidas.
RelixiónCalvinismo.
Alma máterUniversidade de Leiden.
OcupaciónXurista, escritor, dramaturgo, político, diplomático e poeta.
PaiJan Cornets de Groot
NaiAeltje van Overschie
CónxuxeMaria van Reigersberch
FillosCornelis de Groot e Pieter de Groot
Na rede
WikiTree: De_Groot-833 Find a Grave: 10287 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Huig de Groot, latinizado como Hugo Grotius e coñecido tamén como Hugo Grocio e Hugo de Groot, nado na cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos, o 10 de abril de 1583 e finado en Rostock, Alemaña, o 28 de agosto de 1645, foi un xurista, escritor e poeta holandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do burgomestre Jan de Groot, tradutor de Arquímedes, Hugo Grotius foi un neno prodixio: aos nove anos coñecía a poética e facía versos de calidade; comezou os estudos de Dereito aos 11 anos na Universidade de Leiden, en 1594, e graduouse catro anos máis tarde na universidade francesa de Orleáns en Xurisprudencia e Filosofía, onde tamén aprobou cursos de Astroloxía, Matemáticas e Teoloxía.[1]

En 1599 empezou a exercer como xurista na Haia e en 1609 comezou a publicación de tratados de Dereito co seu Mare liberum, sobre o dereito do mar, de xeito anónimo. En 1613 formou parte dunha misión diplomática a Inglaterra.

Gravado de 1619 con motivo da reclusión de Grotius en Loevestein

Interveu na vida pública, participando tanto nos debates relixiosos da Universidade de Leiden entre os teólogos protestantes Gomarus (calvinista) e Arminius, como tamén nos conflitos políticos entre monárquicos e republicanos. Como resultado destas controversias relixioso-políticas acabou finalmente condenado a cadea perpetua en 1618 e recluído no castelo de Loevestein. Os calvinistas monárquicos confiscárolle ademais todas as súas propiedades.

Os anos que estivo en prisión, nos que se dedicou a ler con intensidade, acabaron coa súa fuxida a París en 1621 con axuda da súa esposa María van Reigersberg. Protexido por Nicolás Peiresk, obtivo unha pequena pensión que completaba co seu traballo como escritor.[2]

Regresou a Holanda en 1631, pero tivo que fuxir de novo o ano seguinte e foi refuxiarse a Hamburgo. Por mediación dun alto diplomático sueco volveu a París como embaixador de Suecia durante o reinado de Cristina de Suecia, cargo que exerceu ata 1644.[3]

Grotius faleceu na cidade alemá de Rostock durante unha viaxe a Suecia.[4]

Obra[editar | editar a fonte]

Hugo Grotius foi o gran defensor do Estado absoluto. Inaugurou unha nova corrente sobre o Dereito natural: o "iusnaturalismo inmanentista". Para el o home é social por natureza, polo que as normas de convivencia que hai na sociedade son naturais e inherentes ao ser humano, e constitúen obxecto de dereito positivo. Estas normas, polo feito de seren naturais, nin se poden cambiar nin se poden discutir. Propón a pasaxe dun dereito metafísico a un racional en De iure belli ac pacis.

Como o home é social, Grotius sostén que deben existir valores mínimos e indiscutibles, non por simple convención, que a sociedade debe procurar para manter a orde. Eses principios, baseados na natureza racional e social do home, son instaurados por Deus e nin este podería cambialos. As leis serán xustas se se deducen destes principios abstractos, dos que se poden ir deducindo os demais matematicamente. 

A sociedade é para el a asociación perfecta de homes libres para protexeren os seus dereitos e por unha utilidade común.

O Dereito natural e as normas legais do Estado necesitan un soberano forte que garanta a expansión comercial, a orde e a paz. Grotius é considerado como un dos fundadores do Dereito internacional, xunto con Francisco de Vitoria.

Portada de Mare Liberum

Na monarquía absoluta o rei está suxeito ás súas propias leis. Xa que é monarca por dereito divino, as súas leis son xustas, e todos, mesmo el, deben obedecelas. Pero tamén hai un Dereito natural que non se pode saltar. A autoridade do rei, en moitos casos, está limitada polas Cortes, que teñen que votar os impostos, co que o rei depende delas para conseguir recursos. Un caso particular é o de Inglaterra, onde, malia o absolutismo dos Tudor e ser o rei quen dita as leis, estas só entran en vigor cando as vota o Parlamento.

Estatua de Hugo Grotius na Gran Praza de Delft, onde naceu, coas torres da igrexa de María de Xesé ao fondo

No século XVI a política e a relixión estaban intimamente ligadas, non só porque estivesen en disputa a soberanía do papa e a do rei ou a do emperador, senón porque o rei decide cal é a relixión dos seus súbditos. Os distintos xeitos de concibir a relixión implican diferentes concepcións do poder.

Grotius sentou unha das bases máis importantes do Ius gentium ("Dereito de xentes"), na súa obra Mare Liberum. Desenvolveu a súa teoría distinguindo entre mar próximo (dálle certos dereitos ao Estado) e mar oceánico, que é totalmente libre. Sostén que debe haber libre comunicación e navegación, posto que o mar non é propiedade de ninguén e todos os países teñen o dereito de tirar proveito del, tese á que se opuxo o inglés John Selden, na súa obra Mare clausum. A disputa sobre a propiedade ou a nacionalidade das augas tiña un transfondo económico, xa que afectaba o comercio internacional. Mare liberum é parte dunha obra maior, De iure praedae, inédita ata 1868.[5]

A súa obra De iure belli ac pacis (1625) foi o primeiro tratado sistemático sobre o dereito internacional, cuxas bases xa foran sentadas por Francisco de Vitoria, ao que cita abundantemente. Con ela transmitiu e difundiu por Europa as ideas da Escola de Salamanca. En De iure belli ac pacis abandona o concepto de guerra xusta e introduce un novo, o non discriminatorio de "guerra con independencia de xustiza da causa". Sostén que no dereito internacional non existen bos e malos, senón que son todos iguais. De aí o iustus hostis, que considera que o rival é tan xusto coma min, xa que ten os mesmos dereitos. Desenvolve o Ius in belo, ou dereito na guerra, que establece certas regras que parten do concepto de humanidade.[6][7][8][9][10]

Obras principais[editar | editar a fonte]

Portada do libro terceiro de De iure belli ac pacis

A biblioteca do Pazo da Paz (Vredespaleis), na Haia, alberga a "Colección Grotius", que contén un gran número de libros escritos por Hugo Grotius ou ben por outros autores sobre a súa figura. A colección iniciouse grazas á doazón feita polo poeta holandés Martinus Nijhoff de 55 edicións da obra De iure belli ac pacis libri tres.

Portada de Inleydinghe tot de Hollandsche Rechtsgheleerdheyd
  • Adamus exul ("O exilio de Adán"). Traxedia teatral. A Haia, 1601.
  • De republica emendanda ("Sobre o acrecentamento da República"). Manuscrito de 1601 publicado na Haia en 1984.
  • Parallelon rerumpublicarum ("Repúblicas paralelas"). Comparación de constitucións manuscrita entre 1601 e 1602, publicada en Haarlem entre 1801 e 1803.
  • De Indis ("Sobre as Indias"). Manuscrito entre 1604 e 1605. Publicado en 1868 como De Jure Praedae ("Sobre o dereito de captura").
  • Christus patiens ("A paixón de Cristo"). Traxedia teatral. Leiden, 1608.
  • Mare Liberum ("O mar libre"). Extraído do capítulo XII da obra De Indis. Leiden, 1609.[11]
  • De antiquitate reipublicae Batavicae ("Sobre a antigüidade da República Bátava"). Leiden, 1610.
  • Meletius ("Melecio"). Obra teatral manuscrita en 1611 e publicada en Leiden en 1988.
  • Annales et Historiae de rebus Belgicus ("Anais e Historia de Bélxica"). Manuscrito de 1612 sobre as guerras dos Países Baixos. Ámsterdam, 1657.
  • Ordinum Hollandiae ac Westfrisiae pietas ("A Piedade dos Estados de Holanda e Frisia Occidental"). Leiden, 1613.
  • De imperio summarum potestatum circa sacra ("Sobre o poder dos soberanos nos asuntos relixiosos"). Manuscrito de 1614 a 1617 publicado en París en 1647.
  • De satisfactione Christi adversus Faustum Socinum ("Para a satisfacción de Cristo en contra de Fausto Socino"). Leiden, 1617.
  • Inleydinge tot de Hollantsche rechtsgeleertheit ("Introdución á xurisprudencia holandesa"). A Haia, 1631.
  • Bewijs van dean waaren godsdienst ("A proba da verdadeira relixión"). Poema didáctico. Rotterdam, 1622.
  • Apologeticus ("Apoloxético"). Defensa das accións que o conduciron á cadea. París, 1622.
  • De iure belli ac pacis ("Sobre o dereito da guerra e da paz"). París, 1625. Segunda edición: Ámsterdam, 1631.
  • De veritate religionis Christianae ("Sobre a verdade da relixión cristiá"). París, 1627.
  • Sofompaneas. Traxedia teatral. Ámsterdam, 1635.
  • De origine gentium Americanarum dissertatio ("Disertación sobre a orixe dos pobos de América"). París, 1642.
  • Via ad pacem ecclesiasticam ("O camiño cara á paz relixiosa"). París, 1642.
  • Annotationes in Vetus Testamentum ("Comentarios sobre o Antigo Testamento"). Ámsterdam, 1644.
  • Annotationes in Novum Testamentum ("Comentarios sobre o Novo Testamento"). Ámsterdam e París, 1641 e 1650.
  • De fato ("Sobre o destino"). París, 1648.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En 1593, formou parte do grupo de matemáticos de todos os países que intentaron resolver a ecuación de 45 graos de Adrien Romain, onde resultou vencedor François Viète.
  2. Miller (2014), p. 4
  3. Miller (2014), pp.2, 3, 4 e 8.
  4. Necrolóxica de Hogo Grotius en Le Moniteur des Indes-Orientales et Occidentales. Vol. 3.  parte. 1847-1848. Páxina 3 (en francés)
  5. Martínez Torres, José Antonio. "Gobernar el Mundo. La polémica Mare Liberum versus Mare Clausum en las Indias Orientales (1603-1625)". En Anuario de Estudios Americanos, 74, 1. Sevilla, xaneiro-xuño, 2017. Páxinas 71-96. [ISSN 0210-5810] (en castelán)
  6. Grotius (1985). Páxina 249.
  7. Grotius (2005). Páxinas 9, 10, 11, 19 e 20.
  8. Miller (2014). 9 a 24.
  9. Forde (1998). Páxina 639-640.
  10. Haakonssen (1985). Páxinas 240-245.
  11. Feenstra, Robert. Hugo Grotius Mare Liberum 1609-2009: Original Latin Text and English Translation. Leiden e Boston, 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • De la Reza, Germán A. (2009). La invención de la paz. De la República cristiana del duque de Sully a la Sociedad de Naciones de Simón Bolívar. México: Siglo XXI Editores. ISBN 9786070300546.
  • Forde, Steven (1998). Hugo Grotius on Ethics and War. En The American Political Science Review. Nº 3. (en inglés)
  • Grotius, Hugo (2005). Le droit de la guerre et de la paix. París: Presses Universitaires de France (en francés).
  • Haakonssen, Knud (1985). Hugo Grotius and the History of Political Thought. En Political Theory. Vol. 13:239-265. (en inglés)
  • Haggenmacher, Peter (1983). Grotius et la doctrine de la guerre juste. París: Presses Universitaires de France (en francés).
  • Miller, Jon (2014). "Huho Grotius". En Stanford Encyclopedia of Philosophy.(en inglés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]