Morgado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O morgado é a práctica de repartir a herdanza de xeito desigual, transmitindo a parte principal dos bens a un dos herdeiros, tradicionalmente o primoxénito home. O morgado instaurouse na Galiza na Baixa Idade Media como parte do proceso da formación das liñaxes na nobreza galega baixomedieval. Estes bens tiñan carácter inalienábel e indivisíbel, debendo permanecer para sempre no seo da familia.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Institucións similares existiron noutros países europeos, dando lugar á posición social da aristocracia, de forma que o groso do patrimonio dunha familia non se diseminaba, senón que só podía aumentar. Estas institucións non eran exactamente o mesmo, asi o majorat, instituído por Napoleón e regulado no estatuto do 1 de marzo de 1808 como forma de transmisión dos títulos de nobreza e os seus bens asociados. Na comunidade polaco-lituana, o seu nome era ordynacja e foi introducido a finais do século XVI polo rei Stefan Batory.

O mayorazgo castelán[editar | editar a fonte]

O mayorazgo é creado mediante as Leis de Toro en 1505, baixo o reinado dos Reis Católicos (malia que a raíña xa morrera, deixara estabelecida a súa vontade no testamento). A súa función era controlar o fraccionamento dos bens dun nobre que producían as herdanzas e as vendas, como un medio de manter o seu poder económico. Algunhas familias da incipiente burguesía castelá acolléronse tamén a esta figura legal.

A creación dun mayorazgo comezaba usualmente coa vinculación dun solar ou casa solar. Ás veces, estes vínculos incluían un título nobiliario, que pasaba xunto ao resto de bens, mentres que a todos os excluídos do morgado se lles provía dalgún xeito a condición de fidalguía. A institución contemplaba a posibilidade de engadir novos bens ao vínculo, pero os bens xa vinculados non poderían ser alienados nin repartidos en herdanza.

A institución do mayorazgo foi a culminación dunha serie de privilexios outorgados aos nobres casteláns por Henrique IV de Castela, quen foron logo os principais favorecidos no outorgamento de cargos de goberno polos Reis Católicos. O estamento nobiliario castelán fíxose así máis poderoso e influente que o dos outros reinos que compuñan os seus dominios.

Decadencia[editar | editar a fonte]

Este sistema de vinculacións económicas foi criticado no Informe no Expediente da Lei Agraria escrito por Gaspar Melchor de Jovellanos a pedido da Sociedade Económica de Amigos do País madrileña, cuxa consecuencia directa foi a desamortización de Manuel Godoy en 1798.

A institución do morgado estivo vixente até a Lei Desvinculadora de 1820 que suprimiu todos os vínculos. A pesar diso perdurou algún tempo nalgunhas zonas mediante unha artimaña legal, xa que a lei non contemplou as doazóns entre vivos. O posuidor do morgado dáballo ao seu fillo como achega ao seu matrimonio, o fillo pasaba a ser o novo señor e os seus pais a gozar do usufruto por vida da metade da casa solar.

A partir dese momento, con contadas excepcións, as subdivisións por herdanza da maioría das grandes casas españolas fixeron que perdesen paulatinamente o seu pasado esplendor e poder.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Cárcel, Ricardo y otros; Historia de España. Tomo 5: A España d século XVI; Espasa; España. (en castelán)