Manuel Colmeiro Penido
Manuel Colmeiro Penido | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Manuel Colmeiro y Penido |
Nacemento | 1 de xaneiro de 1818 |
Lugar de nacemento | Santiago de Compostela |
Falecemento | 11 de agosto de 1894 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | economista, historiador, político, xurista, profesor universitario e professor titular |
Irmáns | Miguel Colmeiro Penido |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel Colmeiro Penido, nado en Santiago de Compostela o 1 de xaneiro de 1818 e finado en Madrid o 11 de agosto de 1894, foi un historiador, economista e xurista galego, irmán do botánico Miguel Colmeiro Penido. En 2023 a Real Academia Galega de Ciencias homenaxeouno no Día da Ciencia en Galicia.
Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela Filosofía (1829-32) e Dereito (1838), doutorándose en 1841. Logo de exercer como profesor de Economía Política nesa mesma Universidade (1840-42) obtivo en 1847 as cátedras de Economía Política en Compostela e Dereito Administrativo en Madrid.
Adscrito ao Partido Fusionista foi elixido deputado en 1865 e senador en 1871 e 1879. Foi Presidente da Xunta Xeral de Estatística e do Instituto Xeográfico (agosto de 1876), e en 1881 foi nomeado fiscal do Tribunal Supremo, o seu escano senatorial pasou a ser vitalicio e foi designado membro da comisión encargada da reforma do Código de Comercio. Catro anos máis tarde integrou a comisión do Senado que someteu a revisión o proxecto de Código Civil.
Foi membro da Real Academia da Historia (desde o 26 de abril de 1857) e da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, da que foi o seu primeiro bibliotecario (1859-1894).
Pensamento[editar | editar a fonte]
A principal achega de Colmeiro no campo do Dereito político foi a súa concepción dualista da división de poderes. Consideraba que o Estado só debía ter dúas funcións: ditar as leis (función que estaría a cargo do poder lexislativo) e aplicalas e facelas cumprir (misión que quedaría subordinada á dirección do lexislativo e que estaría desempeñada polos poderes executivo e xudicial). Ademais, foi o introdutor e sistematizador do Dereito administrativo en España.
Como economista realizou un importante traballo de investigación sobre a historia económica de España e o pensamento económico español especialmente as súas obras: Historia de la Economía Política en España (1883) e Biblioteca de los economistas españoles de los siglos XVI, XVII y XVIII (1880). A esta última obra Schumpeter refírese con frecuencia na súa Historia da análise económica. Como teórico evolucionou dunha postura inicial proteccionista, moi influído por Blanqui e Flores Estrada, ata defender con forza o liberalismo nos seus últimos escritos.
Obras[editar | editar a fonte]

- Economía política o principios de la ciencia de las riquezas por J. Droz... Traducida al español y adicionada con una introducción y varias notas, 1842.
- Memoria sobre el modo de remediar los males inherentes á la extremada subdivisión de la propiedad territorial en Galicia: un folleto (sen data).
- Tratado elemental de economía política ecléctica, 1845.
- De la constitución y del gobierno de los reinos de Leon y Castilla.
- Derecho administrativo español, 1850 (reeditado pola Escola Galega de Administración Pública, 1995)
- Discurso de los políticos y arbitristas españoles de los siglos XVI y XVII y su influencia en la gobernación del Estado, 1857.
- Derecho constitucional de las Repúblicas Hispano-Americanas, 1858.
- Principios de economía política, 1859.
- Historia de la economía política en España, 1863.
- Elementos de Derecho Político y Administrativo de España, 1870.
- Curso de Derecho político según la Historia de León y Castilla, 1873.
- Los restos de Colon, 1879.
- Biblioteca de los economistas españoles de los siglos XVI, XVII y XVIII, 1880.
Premio Manuel Colmeiro[editar | editar a fonte]
En homenaxe a Manuel Colmeiro con motivo do centenario da súa morte, a Xunta de Galicia instituíu o Premio Manuel Colmeiro a traballos xurídicos, económicos ou sociolóxicos sobre a administración pública de Galicia.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Colmeiro Penido |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Lema Añón, Carlos (1996). Aproximación ó pensamento xurídico-político de Manuel Colmeiro (1818-1894). Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-1688-7.