Andrés Comerma
Andrés Comerma | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Andrés Avelino Comerma y Batalla |
Nacemento | 10 de xullo de 1842 |
Valls | |
Falecemento | 1917 |
Ferrol | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escritor |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Andrés Avelino Comerma i Batalla, nado en Valls (Tarragona) o 10 de xullo de 1842, e falecido en 1917 en Ferrol, foi un militar, naturalista e enxeñeiro español, moi vinculado á cidade de Ferrol.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Trala morte do seu pai arquitecto, cando el tiña 11 anos, marchou a estudar a Tarragona. En 1860 comeza a estudar a carreira de Enxeñería de Camiños, e en 1863 aproba o exame de ingreso na Escola de Enxeñeiros da Armada de Ferrol. Con 22 anos (1864) chegou ao posto de alférez de fragata e tres anos máis tarde, en 1867 presenta o proxecto de final de carreira e accede ao grao de alférez de navío, dentro do corpo de enxeñeiros.
Comeza a traballar nos estaleiros ferroláns como docente na Escola de Mestrado e tamén como encargado da construción naval nos estaleiros de Ferrol (actual Izar Ferrol). Nesa época asume a dirección dos traballos de construción da fragata acoirazada Sagunto[1]. En 1868 Comerma publica a súa primeira obra, o Curso práctico de construcción naval.
Foi responsable dunha das obras máis importantes de enxeñería da cidade de Ferrol, o dique da Campá, que constrúe entre 1873 e 1879 por encargo do Almirantado. Ao tempo que comezaba a súa carreira de Farmacia, na que conseguiu licenciarse, asistiu como representante da Mariña Española a diversas exposicións e eventos internacionais, coma a Exposición Universal de Viena de 1873, o Congreso da Electricidade de París de 1881, a Exposición Internacional da Electricidade en Múnic (1882), ou a Exposición Internacional da Pesca de Londres de 1883, onde foi ademais o responsable da construción do pavillón español. En 1883 encargouse do deseño dun proxecto de camiño de ferro submarino que comunicaría España co norte de África baixo o Estreito de Xibraltar, que non se levou a cabo loxicamente[2].
Posteriormente participou na xunta organizadora da Exposición Universal de Barcelona de 1888, dirixida polo nedense Eugenio Serrano de Casanova. En 1891 solicita o seu pase á reserva e trasládase a Madrid, onde chegou a catedrático de Técnica micrográfica e histoloxía vexetal e animal na Facultade de Ciencias da Universidade Central. Con todo, segue mantendo o contacto coa cidade departamental. Presidente do Casino Ferrolán en 1900, director do Ateneo Ferrolán entre 1903 e 1906 e presidente da xunta de accionistas do teatro Xofre, foi tamén presidente da rondalla Airiños da miña Terra[3]. Ademais, colaborou asiduamente co xornal El Correo Gallego, que daquela se editaba en Ferrol, e coa publicación Almanaque de Ferrol, á que contribuía con ensaios sobre enxeñería e sobre recuperación do patrimonio. En 1910 regresa de forma permanente a Ferrol, xa coa categoría de xeneral. En 1913 é nomeado académico correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
Obra[editar | editar a fonte]
- Curso práctico de construcción naval, 1868
- La exposición internacional de pesca en Londres, 1884
- Apuntes sobre la Exposición Internacional de Higiene y Educación celebrada en Londres en 1884, 1885
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Foi membro da Sociedade Española de Historia Natural. Estivo casado.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ MORENO, X. e GASSÓ, M. El ingeniero naval Andrés A. Comerma Batalla (1842-1917), in Actes de la VII Trobada de l'Història de la Ciència i de la Técnica, Barcelona:SCHCT, 2003, p. 287.
- ↑ ALFEÑIQUE, Cotidianas, La Vanguardia, 13/5/1919.
- ↑ LLORCA, G. Andrés Comerma e o Dique da Campá, Ferrol:Concello, 1999