Francis Bacon (filósofo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sir Francis Bacon (1561-1626).
Francis Bacon Signature.svg

Francis Bacon, político, filósofo e ensaísta inglés, barón Verulan, visconde de St. Albans, naceu en Londres, o 22 de xaneiro de 1561 e morreu na mesma cidade o 9 de abril de 1626. Desde cedo, a súa educación orientouno á vida política, na cal exerceu postos elevados. En 1584 foi elixido para a Cámara dos Comúns.

Sucesivamente, durante o reinado de Xaime I, desempeñou as funcións de procurador-xeral (1607), fiscal-xeral (1613), Garda do Selo (1617) e Gran Chanceler (1618). Neste mesmo ano, foi nomeado barón de Verulan e en 1621, barón de St. Albans. Tamén en 1621, Bacon foi acusado de corrupción e condenado ao pago dunha pesada multa e prohibíuselle exercer cargos públicos. Como filósofo, salientou cunha obra onde a ciencia se exaltaba como benéfica para o home. Nas súas investigacións, ocupouse especialmente da metodoloxía científica e do empirismo. Considerado a miúdo fundador da ciencia moderna, a súa principal obra filosófica é o Novum Organum.

Francis Bacon foi un dos máis coñecidos e influentes rosacruces e tamén un alquimista, ocupando o posto máis elevado da Orde Rosacruz, o de Imperator.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Francis Bacon foi o oitavo fillo de Sir Nicholas Bacon e Anna Cook e os seus propios pais influenciárono de xeito antagónico. Súa nai, a pesar de ser recoñecidamente culta, era calvinista e puritana. En vista diso, estimulou o mozo Bacon na severidade. A lectura da Biblia era unha obriga diaria que veu a reflectirse ata mesmo no seu estilo literario. Súa nai foi, ata certo punto, opresora, preocupándose non só das compañas do fillo e o seu tipo de vida, senón ata mesmo coas súas lecturas cando xa era adulto. Por outra banda, o seu pai desempeñara a función de Garda do Gran Selo e seu tío, lord Burghley, foi ministro da raíña Sabela I durante catro décadas; ese lado da familia, ensinoulle o comportamento máis mundano dun verdadeiro cortesán.

En 1573, aos doce anos de idade, Bacon é enviado ao Trinity College da Universidade de Cambridge, reduto preferido da nobreza e funcionarios do Estado. Aí ficou ata 1575, onde recibiu sólidas ensinanzas sobre filosofía antiga e escolástica. Foi nese período cando non só descubriu senón tamén adquiriu aversión ao pensamento de Aristóteles.

Ao mesmo tempo, Bacon comezaba a comprender a gran mudanza que se desenvolvía desde fins da Idade Media e coñeceu obras sobre mineraloxía, metalurxia, química, xeoloxía, agricultura e outras áreas técnicas. Posteriormente, Bacon dirá no Novun Organum que a técnica mudara o mundo.

En 1577, despois de concluír os estudos, o pai de Bacon enviouno a Francia, a fin de traballar xunto ao embaixador Sir Amyas Paulet. Era o comezo dunha carreira diplomática na cal Bacon acadaría os máis altos cargos do reino.

Política[editar | editar a fonte]

A estadía de Bacon na Francia foi máis curta do previsto. Pouco despois de chegar, algúns malos negocios conducidos polo pai deixaron a familia en situación financeira precaria. Non tendo como cargar cos seus gastos, retornou á Inglaterra e ingresou na Gray's Inn, unha especie de corporación de avogados e escola de Dereito.

Concluíu o curso no 1582 e comezou a traballar como avogado. En 1584, foi elixido deputado do Parlamento inglés. Por esta época, xa demostraba gran madurez na análise dos asuntos de Estado, como proba a súa carta Carta de consellos á raíña Sabela, escrita en 1584-85. En 1589 retornou para Gray's Inn como profesor.

Pouco despois, recibiu o título de conselleiro da Coroa e en 1593 proferiu un discurso na Cámara dos Comúns criticando os impostos. En vista diso, Sabela I traboulle a carreira, recusándose a nomear a Bacon para as funcións de Asistente Procurador Xeral da Coroa e Procurador da Coroa. Por outro lado, o conde de Essex, de quen Bacon se tornara conselleiro en 1591, protexíao e presentouno cun terreo e un parque en Twickenham, ás marxes do río Támesis. Nesta casa, Bacon adicouse ao traballo intelectual e escribiu os seus Ensaios, verdadeiro clásico da literatura inglesa.

A súa relación co conde de Essex foi controvertida. En gran parte, a ascensión política de Bacon debíase á protección do conde. Cando este caeu een desgraza xunto á raiña Sabela I, Bacon acabou por colaborar na súa execución. Acusado de traizón, Bacon foi encargado de preparar a acusación legal. O conde de Essex estaba acusado de manter entendementos co pretendente escocés ao trono de Inglaterra e Bacon tentou disuadilo de tales ligazóns. Non tendo éxito, acabou por acusar o vello amigo e protector que foi condenado a morte e executado en 1601. Deseguida, publicou Esclarecementos acerca das imputacións relacionadas co recentemente falecido conde de Essex. Neste escrito, Bacon deféndese das acusacións de deslealdade e afirma que soamente cumprira co seu deber. A súa xustificación foi que un home honesto prefire Deus ao seu rei, o seu rei ao seu amigo.

Cumio político e caída[editar | editar a fonte]

Porén, o controvertido episodio rendeulle beneficios. Coa morte de Sabela I, Xaime I ascende ao trono e Bacon tórnase o seu conselleiro. Ocupa diversos cargos, recibe o título de sir, exerce as funcións de Garda do Gran Selo (a mesma función que seu pai outrora exercera). En 1617 foi Lord Protector e finalmente, en 1618, Bacon tórnase Lord Chanceler, o máis alto posto do reino británico.

A súa lealdade ao rei foi total. Acreditaba nun Estado amplo, moderno e centralizado nunha monarquía poderosa. Chegou mesmo a xustificar teoricamente o absolutismo real e oponse a Sir Edward Coke, que defendía un poder maior para o Parlamento.

A política do reino e as súas propias posicións políticas rendéranlle inimigos. O Parlamento estaba cada vez máis descontento coa administración real. O rei, obviamente, era intocable. As críticas deberían caer sobre os conselleiros e, especialmente, o seu chanceler. Nunha manobra ben articulada, Bacon foi acusado de recibir suborno de litigantes. Os auxiliares do rei, como Bacon, opinaban sobre autorizacións de comercio e manufacturas, monopolios e patentes comerciais. A pesar da tolerancia, non era moral nin legalmente admisible que os xuíces recibisen regalos. Bacon recoñeceu a súa culpa, mais alegou que os presentes recibidos non influíran no seu xulgamento. A súa alegación, con todo, non impediu a súa desgraza. Foi obrigado a deixar os cargos que ocupaba. En 2 de maio de 1621, foille tomado o Gran Selo e, no día seguinte, excluírono de todos os postos e encarcerárono na Torre de Londres. Alí ficou poucos dias, grazas á intervención do rei.

Morte e legado de Bacon[editar | editar a fonte]

Francis Bacon estivo envolto en investigacións naturais ata a fin da súa vida, tentando realizar na práctica o seu método. No inverno de 1626 estaba envolto en experiencias sobre o frío e a conservación. Desexaba saber por canto tempo o frío podería preservar a carne. A idade debilitara a saúde do filósofo e el acabou non resistindo ao rigoroso inverno daquel ano. Morreu en 9 de abril, vítima dunha bronquite.

Efectivamente, Bacon non realizou ningún gran progreso nas ciencias naturais. Mais foi el quen primeiro esbozou unha metodoloxía racional para a actividade científica. A súa teoría dos idola anticipa, polo menos potencialmente, a moderna socioloxía do coñecemento. Foi un pioneiro no campo científico e un marco entre o home da Idade Media e o home Moderno. Ademais, Bacon foi un escritor notábel. Os seus Essays son os primeiros modelos da prosa inglesa moderna. A hipótese xurdida no século XIX, que desexa atribuír a Bacon a autoría das pezas de Shakespeare, considérase hoxe en día totalmente sen fundamento.

Filosofía[editar | editar a fonte]

O pensamento filosófico de Bacon representa a tentativa de realizar aquilo que el mesmo chamou de Instauratio magna (Gran restauración). A realización dese plano comprendía unha serie de tratados que, partindo do estado en que se atopaba a ciencia da época, acabaría por presentar un novo método que debería superar e substituír o de Aristóteles. Eses tratados deberían presentar un modo específico de investigación dos feitos, pasando, deseguida, a investigación das leis e retornaban para o mundo dos feitos para promoveren as accións que se revelasen posíbeis. Bacon desexaba unha reforma completa do coñecemento. A tarefa era, obviamente, xigantesca e o filósofo produciu apenas certo número de tratados. Non obstante, a primeira parte da Instauratio foi concluída.

A reforma do coñecemento é xustificada nunha crítica á filosofía anterior (especialmente a Escolástica), considerada estéril por non presentar resultado práctico ningún para a vida do home. O coñecemento científico, para Bacon, tan por finalidade servir o home e darlle poder sobre a natureza. A ciencia antiga, de orixe aristotélica, tamén é criticada. Demócrito, con todo, era tido en alta conta por Bacon, que o consideraba máis importante que Platón e Aristóteles.

A ciencia debe restablecer o imperium hominis (imperio do home) sobre as cousas. A filosofía verdadeira non é só a ciencia das cousas divinas e humanas. É tamén algo práctico: saber é poder. A mentalidade científica soamente será alcanzada a través do expurgo dunha serie de preconceptos por Bacon chamados ídolos. O coñecemento, o saber, é apenas un medio vigoroso e seguro de conquistar poder sobre a natureza.

Clasificación das ciencias[editar | editar a fonte]

Preliminarmente, Bacon propón a clasificación das ciencias en tres grupos:

  • poesía ou ciencia da imaxinación;
  • historia ou ciencia da memoria;
  • filosofía ou ciencia da razón.

A historia é subdividida en natural e civil e a filosofía é subdividida en filosofía da natureza e en antropoloxía.

Ídolos[editar | editar a fonte]

No que se refire ao Novun Organum, Bacon preocupouse inicialmente coa análise de falsas nocións (ídolos) que se revelan responsábeis polos erros cometidos pola ciencia ou polos homes que din facer ciencia. É un dos aspectos máis fascinantes e de interese permanente na filosofía de Bacon. Eses ídolos foron clasificados en catro grupos:

1) Idola tribus (ídolos da tribo). Ocorren por conta das deficiencias do propio espírito humano e revélanse pola facilidade con que xeneralizamos con base nos casos favorábeis, omitindo os desfavorábeis. Son así chamados porque son inherentes á natureza humana, á propia tribo ou raza humana. Astroloxía, alquimia e cábala son exemplos desas xeneralizacións;

2) Idola specus (ídolos da caverna). Resultan da propia educación e da presión dos costumes. Hai, obviamente, unha alusión á alegoría da caverna platónica;

3) Idola fori (ídolos da vida pública). Estes están vinculados á linguaxe e decorren do mal uso que dela facemos;

4) Idola theatri (ídolos da autoridade). Decorren da subordinación á autoridade (por exemplo, a de Aristóteles). Os sistemas filosóficos carecían de demostración, eran pura invención como as pezas de teatro.

O método[editar | editar a fonte]

O obxectivo do método baconiano é constituír unha nova maneira de estudar os fenómenos naturais. Para Bacon, a descuberta de feitos verdadeiros non depende do raciocinio siloxístico aristotélico mais si da observación e da experimentación regulada polo raciocinio indutivo. O coñecemento verdadeiro é resultado da concordancia e da variación dos fenómenos que, se debidamente observados, presentan a causa real dos fenómenos.

Para iso, no entanto, débense describir de modo pormenorizado os feitos observados para, deseguido, confrontalos con tres táboas que disciplinarán o método indutivo: a táboa da presenza (responsábel polo rexistro de presenzas das formas que se investigan), a táboa de ausencia (resposábel polo control de situacións nas cales as formas procuradas se revelan ausentes) e a táboa da comparación responsábel polo rexistro das variacións que as referidas formas manifestan). Con iso, sería posíbel eliminar causas que non se relacionan co efecto ou co fenómeno analizado e, polo rexistro da presenza e variacións sería posíbel chegar á verdadeira causa dun fenómeno. Estas táboas apenas dan suporte ao método indutivo mais fan unha distinción entre a experiencia vaga (nocións recollidas ao chou) e a experiencia escriturada (observación metódica e pasíbel de verificacións empíricas). Mesmo que a indución fose coñecida dos antigos, é con Bacon que ela gaña amplitude e eficacia.

O método, no entanto, posúe polo menos dúas fallas importantes: en primeiro lugar, Bacon non dá moito valor á hipótese. De acordo co seu método, a simple disposición ordenada dos datos nas tres táboas acabaría por levar á hipótese correcta. Iso, con todo, raramente ocorre. En segundo lugar, Bacon non imaxinou a importancia da dedución matemática para o avance das ciencias. A orixe para iso, talvez, foi o feito de ter estudado en Cambridge, reduto platónico que acostumaba ligar a matemática ao uso que dela fixera Platón.

Obras[editar | editar a fonte]

A produción intelectual de Bacon foi vasta e variada. Dun xeito xeral, pódese dividir en tres partes: xurídica, literaria e filosófica.

Obras xurídicas[editar | editar a fonte]

Figuran entre os seus principais traballos xurídicos os seguintes títulos: The Elements of the common laws of England (Elementos das leis comúns da Inglaterra), Cases of treason (Casos de traizón), The Learned reading of Sir Francis Bacon upon the statute os uses (Doutra lectura do código de costumes por Sir Francis Bacon).

Obras literarias[editar | editar a fonte]

A súa obra literaria fundamental son os Essays (Ensaios), publicados en 1597, 1612 e 1625 e cuxo tema é familiar e práctico. Algúns dos seus ditos tornaranse proverbiais e os Essays tornaranse tan famosos canto os de Montaigne. Outros opúsculos, no ambito literario: Colours of good and evil (Estandartes do ben e do mal), De sapientia veterum (Da sabedoría dos antigos). No ambito histórico destácase History of Henry VII (Historia de Henrique VII).

Obras filosóficas[editar | editar a fonte]

As obras filosóficas máis importantes de Bacon son Instauratio magna (Grande restauración) e Novun organum. Nesta última, Bacon presenta e describe o seu método para as ciencias. Este novo método deberá substituír o Organon aristotélico.

Os seus escritos no ámbito filosófico poden ser agrupados do seguinte modo:

1) Escritos que facían parte da Instauratio magna e que foron ou superados ou postos de lado, como: De interpretatione naturae (Da interpretación da natureza), Inquisitio de motu (Pesquisas sobre o movimento), Historia naturalis (Historia natural), onde tenta aplicar o seu método por primeira vez;

2) Escritos relacionados coa Instauratio magna, mais non incluídos no seu plano orixinal. O escrito máis importante é Nova Atlantis (Nova Atlantida), onde Bacon presenta unha concepción do Estado ideal regulado por ideas de carácter científico. Alén deste, destácanse Coxitationes de natura rerum (Reflexións sobre a natureza das cousas) e De fluxu et refluxu (Das mareas);

3) Instauratio magna, onde Bacon procura desenvolver o seu pensamento filosófico-científico e que consta de seis partes: (a) Partitiones scientiarum (Clasificación das ciencias), sistematización do conxunto do saber humano, de acordo coas facultades que o producem; (b) Novum organum sive Indicia de interpretatione naturae (Novo método ou Manifestacións sobre a interpretación da natureza), exposición do método indutivo, traballo ese que reformula e repite o Novum organum; (c) Phaenomena universi sive Historia naturalis et experimentalis ad condendan philosophiam (Fenómenos do universo ou Historia natural e experimental para a fundamentación da filosofía), versa sobre a coleta de datos empíricos; (d) Scala intellectus, sive Filum labyrinthi (Escala do entendimento ou O Fio do labirinto), contén exemplos de investigación conducida de acordo co novo método; (e) Prodromi sive Antecipationes philosophiae secundae (Introdución ou Antecipacións á filosofía segunda), onde fai consideracións á marxe do novo método, visando mostrar o avanzo por el permitido; (f) Philosophia secunda, sive Scientia activa (Filosofía segunda ou Ciencia activa), sería o resultado final, organizado nun sistema de axiomas.

Sucesión temporal[editar | editar a fonte]

1558 — Morte de María I, á que segue Isabel I.

1561 — Nace Francis Bacon.

1576 — Bacon viaxa a Francia.

1582 — Giordano Bruno publica As sombras das ideas.

1588 — Derrota da Armada Invencible.

1596 — Nace Descartes.

1600 — Giordano Bruno é condenado e executado.

1618 — Bacon é Lord Chanceler e barón de Verulan.

1623 — Nace Blaise Pascal.

1626 — Morte de Bacon.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Francis Bacon
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francis Bacon

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]