José Cadalso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Cadalso
Nome completoJosé Cadalso
Nacemento8 de outubro de 1741 e 1741
Lugar de nacementoCádiz
Falecemento26 de febreiro de 1782 e 1782
Lugar de falecementoEspaña
Causamorto en combate
SoterradoIglesia de Santa María La Coronada
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor, oficial e poeta
editar datos en Wikidata ]

José de Cadalso y Vázquez de Andrade, nado en Cádiz o 8 de outubro de 1741 e finado en Xibraltar o 26 de febreiro de 1782, foi un coronel do exército español, escritor, poeta, dramaturgo e ensaísta, un dos autores canónicos da literatura española da Ilustración. Empregou o pseudónimo literario de Dalmiro.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A vida de José Cadalso pode seguirse por referencias e testemuños dos seus contemporáneos e a través da visión que deixou del mesmo en Memoria de los acontecimientos más particulares de mi vida o su correspondencia (1773–1780).[1]

José Cadalso naceu en Cádiz, mais a súa familia procedía por liña paterna do señorío de Biscaia. A súa nai faleceu a consecuencia do parto e o pai, ausente por negocios en América tardou case trece anos en coñecer o seu fillo, ao regreso das Indias. Encargouse da súa educación un tío, xesuíta, o pai Mateo Vázquez. El foi quen lle enviou a estudar primeiro a Francia e despois a Inglaterra, seguindo os pasos do seu pai, que tras visitalo en París se instalara en Londres.

Viaxou tamén por Italia e Alemaña, ampliando o seu coñecemento de linguas vivas, ademais do latín. Tras oito anos en París, e tras pasar polos Países Baixos, regresou a España. O choque coa atrasada e rancia sociedade española quedou reflectido posteriormente en Cartas marruecas.

Ingresou entón por orde do seu pai aos dezaseis anos no Seminario de Nobres de Madrid, segundo conta "con todo o desenfreo dun francés e toda a aspereza dun inglés", xa que o seu pai quería corrixir nel os costumes e a relixión e preparalo para un emprego burocrático que detestaba. Para evitalo, finxiu sentir inclinación por ser xesuíta, sabendo que o seu pai odiaba a Compañía de Xesús, e sacouno de alí. Intentou persuadilo entón de que o que lle gustaba era a carreira militar, o que tampouco compracía o seu pai. Valeuse destes estrataxemas para que o seu pai o devolvese a Europa, e entre os dezaoito e os vinte anos viviu de novo en París e en Londres, ata que soubo do passamento do seu pai en Copenhaguen (1761).

Tivo entón que regresar a España para amañar os papeis da súa herdanza, seica de forma tan apresurada que anos despois se atopou sen ningún patrimonio familiar. Alistouse no rexemento de cabalaría de Borbón en 1762, participando na campaña de Portugal, onde tivo un violento duelo a espada co seu antigo compañeiro de borracheiras Fernando Velaz de Medrano Bracamonte, marqués de Tabuérniga. Estando en Madrid en marzo de 1766, seguiu con interese o motín de Esquilache, salvando coa súa intervención a vida do conde de O’Reilly. Na súa autobiografía escribiu:

aquel día coñecín o verdadeiro carácter do pobo

Ese mesmo ano obtivo o hábito de cabaleiro da Orde de Santiago. Por outra banda, trabara amizade cun compañeiro militar tamén escritor do seu rexemento de cabalería, o coronel Manuel María de Aguirre, de similares ideas ilustradas.

Trasladado o seu rexemento a Madrid, Cadalso namorouse da filla do conselleiro Felipe de Codallos, con quen estivo a piques de casar. Entrou despois na cámara da Marquesa de Escalona, María Cayetana Fernández de Miranda Villacís, sendo por un tempo o seu pretendente e entrando contacto co poderoso Conde de Aranda, presidente do Consello de Castella. A el fíxolle chegar o manuscrito dunha novela hoxe perdida, de presunto carácter utópico segundo indica o seu título, Observaciones de un oficial holandés en el recién descubierto reino de Feliztá.

Para grande escándalo da nobreza (e en especial das damas), circulou por Madrid un libelo titulado Calendario manual y guía de forasteros en Chipre (1768), parodia da Guía común de forasteros, onde se satirizaban os costumes amorosos típicos da sociedade do século XVIII. Cadalso comentou que o público "fixo o honor de atribuírmo, dicindo que era moi chistoso". Como consecuencia diso tivo que saír desterrado de Madrid a Zaragoza, onde permaneceu ata 1770. Alí comezou a dedicarse con intensidade á poesía.

Pasados os seis meses do desterro, regresou a Madrid, onde entre 1770 e 1772 viviu unha apaixonada relación amorosa coa actriz María Ignacia Ibáñez, que deu lugar a unha lenda de sabor romántico coa morte dela por febres tifoides con vinte e cinco anos o 22 de abril de 1771. Cadalso, desesperado ante a súpeta morte, intentou desenterrala para darlle un último adeus (episodio que narrou en Noches lúgubres). Tamén lle dedicou poemas en que a actriz aparece aludida co nome de Filis.

Sufriu unha fonda depresión que intentaron distraer os seus amigos e coñecidos nos salóns e círculos literarios madrileños, sobre todo a activa tertulia da Fonda de San Sebastián, da que eran asiduos os seus amigos Nicolás Fernández de Moratín e Tomás de Iriarte. Pouco despois trasladouse a Salamanca onde axiña converteu a súa depresión en materia poética, dramática e mesmo filosófica.[2] Na cidade, durante a súa breve estadía (1773–1774), converteuse no centro dun círculo de admiradores e amigos, entre eles frei Diego González, Juan Pablo Forner, León de Arroyal e dous poetas novos, o salmantino José Iglesias de la Casa e o estremeño Juan Meléndez Valdés, estudante na Universidade de Salamanca. A influencia que exerceu Cadalso sobre todos eles foi enorme.[3]

Tamén alí rematou Cartas marruecas, unha novela epistolar que en realidade é unha colección de ensaios sobre o atraso material, social, cultural e moral de España. En 1777 foi ascendido a comandante de escuadrón. Dous anos máis tarde participou no asedio de Xibraltar (que durou ata 1783) e foi ascendido a coronel en 1781.

Cadalso morreu o 26 de febreiro de 1782, tras recibir o impacto nunha tempa dun casco de metralla ou dunha granada. A súa tumba localízase na igrexa de Santa María a Coroada da cidade de San Roque.

Obra[editar | editar a fonte]

Obras poéticas[editar | editar a fonte]

O conxunto das composicións líricas que escribiu durante o seu desterro aragonés forman o libro Ocios de mi juventud. Son poesías que pertencen aos distintos xéneros típicos do momento: anacreónticas, pastorís, amatorias, filosóficas e satíricas. Os modelos abranguen dende Anacreonte e Ovidio ata Torquato Tasso e Garcilaso. Os Ocios editáronse tamén en 1781, 1782 e 1786. Apareceron novos poemas de Cadalso en anos sucesivos.

Obras dramáticas[editar | editar a fonte]

Perdida La Numantina ou Numancia, só se conservan:

  • Solaya o los circasianos, presentada á censura en novembro de 1770. Non obtivo, non obstante, a necesaria aprobación. A traxedia sitúase nun escenario exótico, Circasia, rexión da Rusia meridional, e axústase ás regras neoclásicas para a traxedia. O príncipe tártaro Selín, que chegou a Circasia para cobrar un tributo de doncelas, namórase de Solaya, pertencente a unha das familias principais.
  • Don Sancho Garcia conde de Castilla (1771) foi estreada privadamente no palacio do conde de Aranda en 1771. Responde formalmente ao tipo de traxedia neoclásica, en cinco actos, sometida ás tres unidades e en hendecasílabos pareados. Almanzor, rei mouro de Córdoba, por compracer a súa amante, a condesa viúva de Castela, dona Ava, papel que representou María Ignacia, intenta envelenar o seu fillo Sancho García, mais ao final é a propia condesa quen bebe o veleno preparado para o seu fillo.

Obras en prosa[editar | editar a fonte]

É moi probable que a primeira obra escrita por Cadalso fose Defensa de la nación española contra la carta persiana LXXVIII de Montesquieu, contra o ano 1768. Aos anos comprendidos entre 1771–1774 corresponde a súa actividade literaria máis efectiva. Los eruditos a la violeta (1772) é unha sátira breve e lixeira contra un tipo de educación frecuente nese tempo, a erudición simplemente superficial.[4] O contido e a estrutura quedan claramente reflectidos no subtítulo posto polo propio autor: «Curso completo de todas as ciencias, dividido en sete leccións, para os sete días da semana, publicado en obsequio dos que pretenden saber moito estudando pouco».[5] O título alude a un dos perfumes, o da violeta, preferidos polos mozos de moda. A obra tivo un éxito inmediato e o título acabou "proverbializándose".[6]

Suplemento (1772) consiste nunha serie de traducións poéticas con comentarios, destinadas a ilustrar as leccións do martes, cinco cartas de ex alumnos do curso e unha breve noticia sobre as orixes e a composición da obra. El buen militar a la violeta é unha continuación póstuma, aplicada especialmente á profesión militar.

De forma póstuma publicáronse os seus dous textos máis coñecidos: Noches lúgubres, aparecidas no Correo de Madrid entre 1789 e 1790, e Cartas marruecas, que viron a luz por vez primeira, por entregas no mesmo diario ao longo de 1789, probablemente publicadas polo seu amigo Manuel de Aguirre, que tamén colaboraba neste diario. Nesta obra, tomando como pretexto unha viaxe por España do árabe Gazel, realizou unha crítica profunda e exhaustiva dos costumes e defectos do país, á vez que defendía o sentido reformador do despotismo ilustrado. O modelo que seguía era o das Lettres persanes (1721) do barón de Montesquieu.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Demerson, Jorge (2002). "Cadalso y el secreto" (PDF). Universidade de Lyon (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2015. 
  2. Demerson 2002.
  3. Como exemplo, a carta que Meléndez Valdés escribiu a Ramón Caseda: "El foi o primeiro que sublimou os nosos tenros ollos ata os ceos e nos fixo ver neles as inmensas grandezas da creación; el ensinounos a procurar no home o home mesmo, e non deixarnos seducir pola grandeza e o poder".
  4. Peset 2016, p. 452.
  5. Orixinal en castelán: «Curso completo de todas las ciencias, dividido en siete lecciones, para los siete días de la semana, publicado en obsequio de los que pretenden saber mucho estudiando poco»
  6. Proba diso é que esta foi a cualificación que un crítico do diario El Cantábrico refuxiado baixo o pseudónimo de El Parlante, fixo de Marcelino Sanz de Sautuola, descubridor da cova de Altamira, nunha época (1880) en que os estudosos da prehistoria non aceptaban a existencia da arte rupestre.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Edwards, June Knight (1976): Tres imágenes de Cadalso: el crítico, el moralista, el creador. Sevilla: Universidad de Sevilla, 1976.
  • Peset, José Luis, Melancolía e Ilustración, Madrid, Abada, 2015
  • Peset, José Luis (2016). "Ciencia y ejército en un mundo ilustrado y galante: en torno a Los eruditos de José Cadalso". Cuadernos de Historia Moderna (en castelán) 41 (2): 443–466. ISSN 0214-4018. Consultado o 19 de maio de 2017. 
  • Sebold, Russell P. (1974): Cadalso: el primer romántico «europeo» de España. Madrid: Gredos, 1974.
  • VV.AA. (1982): Hombre de bien: estudios sobre la vida y la obra de Cadalso. Granada: Universidade de Granada, 1982.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]