Eleuterio, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa Eleuterio

Eleuterio, chamado logo santo Eleuterio, nado quizais en Nicópole (Mesia) e morto posiblemente en Roma en 189, foi bispo cristián desa diocese entre os anos 174 e 189.

Vida e pontificado[editar | editar a fonte]

Non se coñece moito da vida de Eleuterio. Aparentemente foi diácono en Roma nos tempos dos papas Aniceto e Sotero. Sábese que tivo unha xuntanza con Ireneo de Lión en Roma, onde o galorromano lle pedía que tomase medidas contra o montanismo e sobre o dano que esta corrente lle estaba facendo aos cristiáns, aumentando as súas persecucións. Foi durante o papado de Eleuterio cando Ireneo publicou a súa obra Adversus haereses (Contra os herexes), onde estuda os distintos movementos fóra da ortodoxia romana e que serve de referencia cronolóxica para os primeiros pontificados (ata o de Eleuterio, precisamente). Tamén se xuntou con Eleuterio para debater a cuestión montanista o bispo Abercio de Hierápole.

Dise no Liber pontificalis e recólleo tamén Beda o Venerable que o rei británico Lucio lle pediu o envío de misioneiros a Gran Bretaña; o papa houbo de enviar a San Damián e a San Fugacio, que bautizaron o monarca e parte da corte. Porén, os especialistas da historia do cristianismo na illa rexeitan a historicidade destes feitos. O teólogo Adolf von Harnack apuntou porén que se producira unha confusión na lectura do Liber pontificalis e que en realidade se refería a unha petición de misioneiros realizada polo reino oriental de Edesa, daquela chamado Britio.

Tamén se lle atribúe a Eleuterio a eliminación das restricións alimentarias dos cristiáns, que herdaran dos xudeus.

Morte e santidade[editar | editar a fonte]

Como todos os papas anteriores ao edicto de Milán, foi considerado santo. Tamén se ten sinalado que foi mártir, se ben isto non está demostrado. Soterrado no outeiro Vaticano, posteriormente os seus restos foron levados á igrexa de San Xoán da Piña, preto do Panteón. En 1591 os seus restos movéronos de novo, desta vez á igrexa de Santa Susana, por petición de Camilla Peretti, a irmá de Sisto.

A súa festa é o 26 de maio.

Iconografía[editar | editar a fonte]

Santo Eleuterio aparéceselle ao reverendo Timothy Lovejoy no episodio Cremos en Marge da serie de debuxos animados The Simpsons: falando dende a imaxe dunha vidreira, o santo pídelle ao reverendo que corrixa a apatía cara á súa parroquia [1].

Parroquias en Galicia[editar | editar a fonte]

Só existe unha parroquia en Galicia baixo a avogación de santo Eleuterio: a de Tella, en Ponteceso.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Simpsons. Oitava tempada, episodio 22. Guión do episodio en The Simpsons Archive