Liber pontificalis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Libro dos papas ou Liber pontificalis é unha compilación de biografías dos primeiros papas, desde Pedro até Estevo V (891).

O núcleo do libro é unha serie de entradas biográficas breves dos papas até o século IX dispostas cronoloxicamente. Cada unha delas consiste basicamente no número de anos de servizo (de onde se deducen as datas de reinado), lugar de nacemento, parentesco, emperadores correspondentes, construcións de edificios (especialmente igrexas), ordenacións, pronunciamentos principais, lugar de enterramento e tempo transcorrido até a consagración do seguinte papa electo.

O propio proceso de redacción desbota o Liber pontificalis como fonte histórica fiábel, posto que a obra tivo dúas fontes principais: o Catalogus Liberianus (354) e un Index, listaxe de papas transmitida e completada por diversos autores a partir do antipapa Hipólito (235). A este núcleo fundamental engadíronselle outros materiais: enumeración das construcións realizadas polos papas, listaxes de doazóns, etc. Nos séculos VI e VII foise actualizando con novas biografías, de extensión cada vez maior. Aproximadamente entre o pontificado de Honorio I e o de Hadrián II as entradas son contemporáneas, redactadas pouco despois da morte de cada papa. En 1479, Bartolomeo Platina redactouno todo de novo en estilo humanista e completouno, chegando até Paulo II (1464-1471).