Agapito I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agapito I
Agapitus I.jpg
Papa da Igrexa Católica
Biografía
Nacemento en Roma
Pasamento 22 de abril de 536 en Constantinopla
Papa
Bispo de Roma
535 - 536
Papas do século VI
Antipapas

Agapito I, nado en Roma e falecido en Constantinopla o 22 de abril de 536, foi o papa nº 57 da Igrexa Católica, entre 535 e 536.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun sacerdote chamado Gordianus, que foi asasinado durante as revoltas que sufriu Roma en tempos do papa Símaco, desempeñou os distintos graos do exercicio sacerdotal nos templos de San Xoán e San Paulo, colaborando con Casiodoro na fundación en Roma dunha biblioteca eclesiástica de autores gregos e latinos e nun proxecto en Vivarium para traducir os filósofos gregos ao latín.

Foi elixido papa cando exercía de arquidiano, trala morte de Xoán. O seu primeiro acto como pontífice foi queimar publicamente as bulas polas que o papa Bonifacio II excomungara ao antipapa Dióscoro.

Confirmou, enfrontándose así ao emperador Xustiniano, os decretos do concilio de Cartago, que negaban aos arianos que volvían á ortodoxia cristiá a conservación dos seus cargos e beneficios.

Na súa loita contra a herexía enfrontouse tamén coa emperatriz Teodora, de ideas monofisitas, excomungando ao patriarca de Constantinopla Ántimo I, nomeado por ela por ser seguidor da súa mesma doutrina, depoñéndoo e ordenando patriarca a Menas. Do mesmo xeito, condenou aos monxes acemetas de Constantinoplas moi próximos ao nestorianismo.

o mesmo ano da súa elección, o rei ostrogodo Teodato, que se fixera co trono trala morte de Atalarico e a súa nai, a rexente Amalasunta, solicitou ao papa que viaxase a Constantinopla para disuadir a Xustiniano I das súas ambicións territoriais en Italia, moi acrecentadas trala conquista de Sicilia polo seu xeneral Belisario.

Agapito faleceu o 22 de abril de 536 cando aínda se encontraba en Constantinopla. O seu corpo foi trasladado a Roma nun ataúde de chumbo, sendo soterrado na igrexa de San Pedro.


Dignidades da Igrexa Católica
Predecesor:
Xoán II
Emblem of the Papacy SE.svg
Papa
535 - 536
Sucesor:
Silverio