Valuros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Valuros
Comarca da Terra Chá

Os valuros ou baluros[1] designan unha comunidade, tribo ou seita que habitou na Terra de Valura, na Terra Chá,[cando?] e que exercía de sacerdotes, curandeiros e feiticeiros. Viviron nos arredores da lagoa de Santa Cristina, en Cospeito, e a súa capital era Beria. Tamén viaxaron polo resto do país e fundaron numerosas Baloiras.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo ofrece problemas en canto á súa grafía xa que non hai ningún dicionario actual que recolla esta entrada. Só no Diccionario galego-castelán de Xosé Luís Franco Grande (1968-1972) aparece baluro definido como "brujo, hechicero que a la vez oficiaba de médico, sacerdote, milagreiro y profeta" e valuro-a como "usurero, que presta con usura. Dícese de los habitantes de la Terra Chá, que también se les llama chairegos". Nalgúns outros dicionarios dise que "estar coma un baluro" é estar groso.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Tiñan a consideración de raza maldita. Exercían de curandeiros, feiticeiros, usureiros, agoireiros, esmoleiros vagamundos, predicadores e santeiros, comerciantes da arte e do engano como dá a entender a copla [3] Baluro, por que vas preso? / Señor, por cousa ningunha: / porque roubei un ramal / e detrás viña unha mula. Chegaban a suplantar ou competir cos cregos. Algúns bispos galegos decretaron excomuñóns que os obrigaron a dispersarse e a exercer as súas artes en segredo.

Pedían esmola para as once mil virxes e once mil cantantes que con medio corpo na auga e medio fóra cantan noite e calan de día na lagoa de Caque[4], Obtiñan salvocondutos e a condición e ministros e familiares do Real Hospital de Santiago o que lles permitía pedir no seu nome[5]. Moitos deles presentaban cicatrices na faciana e nas mans para impresionaren as vítimas[5].

Identificación xeográfica[editar | editar a fonte]

A terra dos valuros sitúase na Terra Chá. Vicente Risco di que a Terra de Valura abarcaría dende Xermar ata Ribeiras de Lea e dende Castro de Rei ata Pino. Recollendo a opinión doutros autores, cita a Manuel Murguía para quen, desbotando a opinión manifestada por Boán de que fosen denominados así por seren adoradores do deus Baal, serían os que viven preto das montañas Valuras. Para Aquilino Iglesia Alvariño a terra dos valuros sería unha antiga Valuria que abranguía case toda a Terra Chá, e Manuel Amor Meilán, segundo recolle Risco, colócaa no concello de Cospeito, onde di que estivo a palafita vila asolagada de Beria chegando á parroquia de Triabá en Castro de Rei e quizais algunha outra próxima a aquel. Eduardo Lence-Santar asígnalle a Valura unha extensión que comprendería o concello de Cospeito e algunhas parroquias de Castro de Rei, A Pastoriza e Abadín.

Existen varias referencias aos valuros na toponimia actual. Existe unha Casa da Valura en Trabada na que habitou unha persoa orixinaria da Terra Chá, a devandita casa está actualmente deshabitada pero os seus descendentes seguen a ser coñecidos polo alcume "do/a valuro/a". En Mondoñedo, cabo do camiño que vai dende o Os Remedios cara ao Mosteiro dos Picos existe unha casa aínda habitada coñecida tamén como a Casa da Valura.[6] Na cidade de Lugo existe unha rúa do Baluro e ao pé do Miño un caneiro do Baluro. Deste Baluro do caneiro escribe Ánxel Fole que tiña aspecto de tártaro e que os baluros eran pueblo de raza amarilla y misteriosos orígenes.

Referencias históricas[editar | editar a fonte]

No século XVIII os bispados de Ourense, Tui e Mondoñedo condenaron as súas prácticas e abusos como usurpadores das funcións e beneficios propios dos cregos.

En 1750 deu Cartas Pastorais contra eles o Bispo de Mondoñedo e son citados no parágrafo 12 das Constituciones que deu á Igrexa de Tui o seu bispo Fr. Juan de Villamar no ano 1665 nestes termos: "Deseando vivamente ocurrir a los gravisimos daños que en las almas sencillas ocasionan los questores que el vulgo llama Baluros, ya con predicación de milagros, revelaciones, profecías, promesas é indulgencias fingidas, oraciones y exorcismos supersticiosos, ya con engaño, amenaza y vanas descomuniones que fulminan para atemorizar á los rústicos y sacarles su dinero y alhajas, mandamos..."[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baluro.
  2. Cuba, Miranda e Reigosa (1999:50).
  3. Recollida por por Isaac Rielo Carballo
  4. VILLA-AMIL Y CASTRO, J. Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia
  5. 5,0 5,1 LENCE-SANTAR, E.
  6. REIGOSA, A. Os baluros, tribo maldita
  7. RISCO, V. (1979): "Etnografía. Cultura espiritual" Historia de Galiza, T.1. p. 383 e 451-452. N. do A.: Risco dá a data errónea de 1775, posiblemente confundido coa data dunha reedición do século XVIII.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]