Santiago Futsal
Santiago Futsal | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Santiago Futsal | |||
Alcume(s) | Lobellistas | |||
Fundación | 1975 | |||
Estadio | Multiúsos Fontes do Sar Santiago de Compostela | |||
Inauguración | 1998 | |||
Capacidade | 6.050 | |||
Presidente | - | |||
Adestrador | Santi Valladares | |||
Liga | Segunda División | |||
2017-18 | 15º (1ª División) | |||
Patrocinador | - | |||
Na rede | ||||
https://www.santiagofutsal.com/ | ||||
| ||||
O Santiago Futsal, chamado Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala até 2012, foi un club galego de fútbol sala da cidade de Santiago de Compostela, que chegou a militar durante 15 tempadas consecutivas na Primeira División a comezos do século XXI. Nesa época converteuse no club máis laureado do fútbol sala galego, con 8 Copas Xunta, 1 Copa de España (2006), 1 Supercopa de España (2010) e 1 Recopa de Europa (2007).
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación e primeiros pasos
[editar | editar a fonte]O Club Autos Lobelle de Santiago F.S. foi fundado no ano 1975 polo empresario da automoción Xosé Antonio Lobelle, que foi o presidente ata a tempada 2011/12. O equipo naceu en Chantada e iniciou a súa andaina participando na liga local chantadina. Nos primeiros momentos o club estivo formado basicamente por empregados do concesionario de automóbiles.
En 1985 produciuse o traslado a Santiago de Compostela da empresa concesionaria, e con ela foi tamén o equipo, que xa daquela militaba na Liga Rexional. En 1989 o club ascendeu de categoría e comezou a competir en Liga Autonómica, e en 1992 pasou de Primeira Nacional B a Primeira Nacional A, que funciona como a división de bronce do fútbol sala español. Nesa categoría botou bastantes anos, ascendendo á División de Prata no ano 2000, nun encontro disputado en Manzaneda ao que asistiron xa 300 seguidores lobellistas.
División de Prata
[editar | editar a fonte]Nesta segunda categoría do fútbol sala español o Lobelle non botou demasiado tempo. A crecente profesionalización e a fichaxe dalgún xogador estranxeiro e doutros procedentes da División de Honra fóronlle abrindo as portas dun deporte que, paralelamente, coñeceu un rexurdir.
Así, na tempada 2000-01 finalizaron sétimos, na 2001-02 oitavos logo de facer unha fenomenal primeira volta e unha desastrosa segunda, e na 2002-03 conseguiron o ascenso á División de Honra, logo de disputar unicamente un play-off.
Na última xornada desa tempada, a número 30, o Lobelle venceu ó Verín FS e tivo que agardar unha derrota do Ourense FS para poder clasificarse para o play-off. Nesta competición polo ascenso, os lobellistas derrotaron primeiro ao Benicarló (3-1 e 5-2) e na eliminatoria decisiva ao Levitt de Las Rozas, ao que venceu por 5-2 e 3-3 (na quenda de penaltis).
En recompensa polo ascenso, o club asinou no libro de ouro da cidade de Santiago.
División de Honra
[editar | editar a fonte]Dende o seu ascenso en 2003, o Lobelle mantívose ininterrompidamente na máxima categoría durante 15 anos. A súa primeira tempada en División de Honra rematou cunha décima praza e cunha participación na Copa de España, disputada en Santiago, onde chegou ata cuartos de final.
A tempada 2004-05 foi a da consolidación do equipo. Os resultados acompañaron, os lobellistas acadaron unha sétima posición e a clasificación, por primeira vez na súa historia, para o play-off polo título, onde caeron derrotados en primeira rolda polo Boomerang Interviú de Alcalá de Henares. Ademais ese ano conseguiron chegar ás semifinais de Copa, disputada en Lizarra.
Os éxitos definitivos comezaron a chegar na tempada 2005-06. O 8 de decembro de 2005, o Lobelle acadou por primeira vez o título de campión da Copa Xunta de Galicia, derrotando na final ao Azkar Lugo por 3-1. O encontro, disputado en Pontevedra, decidiuse nos intres finais, cunha épica remontada de tres goles nos 30 segundos finais, dous deles obra de César.[1]
O 22 de xaneiro de 2006, o Lobelle conquistou a súa primeira Copa de España en Zaragoza, logo de derrotar ó Boomerang Interviú nos penaltis (tras empatar 2-2). Antes xa eliminara ó Polaris World Cartagena (7-3) e ó ElPozo Murcia (3-2). O cinco inicial na final foi o formado por Toni, Ciço, Miguel, Alemão e Betão, e xogaron tamén Serpa, César, Danieli e Pitu, sendo os dous goles lobellistas conseguidos por Ciço.[2]
Na tempada seguinte, 2006-07, o Lobelle disputou en setembro de 2006 a final da Supercopa de España, onde caeu derrotado ante ElPozo Murcia por 2-3. A final disputábase en Castelló baixo o sistema de final four. Tamén nesa tempada, en xaneiro de 2007, o Lobelle disputou a Recopa de Europa contra seis equipos máis do continente (entre eles outro galego, o Azkar Lugo, que defendía título), e onde conseguiu clasificarse para a final tras empatar no grupo preliminar ante o Aktyubretgen casaco e golear 8-1 á Luparense, líder da liga italiana. A final disputouna fronte ó Benfica portugués. Gañou a final na prórroga por 5-3 (tras empatar 2-2 no tempo regulamentario), e acadou o primeiro título continental da súa historia.
En xaneiro de 2010 proclamáronse subcampións da Supercopa de España celebrada en Vigo, logo de vencer nas semifinais ao Inter Movistar por 6-10 e perder na prórroga da final fronte ao ElPozo Murcia por 3-2. Na final, o porteiro andaluz Carlos Barrón foi proclamado mellor xogador do torneo.
Un mes despois, repetiuse a historia na Copa de España disputada no Multiúsos Fontes do Sar. Logo de eliminar nas semifinais ao Inter Movistar (3-1), volveron caer na prórroga por 3-2 ante ElPozo Murcia, logo de non lle ser concedido un gol legal ao equipo compostelán no segundo tempo co resultado de 2-2. Nesta ocasión, Alemão foi elixido mellor xogador da final.
O 12 de setembro de 2010 proclamouse campión da Supercopa de España, tras vencer ao Inter Movistar por 3-2 na final, celebrada en Guadalaxara.
Na tempada 2011-12 o Lobelle acadou a 5ª posición ó remate da liga regular, caendo nos cuartos de final dos play offs polo título. O 6 de xuño de 2012 o presidente José Antonio Lobelle anunciou que deixaba a presidencia do club despois de 37 anos no cargo.[3] O adestrador Tomás de Dios tamén marchou do club despois de 4 anos dirixindo ó equipo. O club nomeou a Santi Valladares como o seu substituto.[4]
O 10 de xullo de 2012, seguindo coa cadea de trocos que se estaban a producir no club, anunciouse que o nome oficial deixaba de ser "Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala", e nacía o "Santiago Futsal".[5]
En 2022 o equipo acabou desaparecendo, despois de non poder afrontar as súas débedas coa Real Federación Española de Fútbol polos pagos de arbitraxes e sancións.[6]
Instalacións
[editar | editar a fonte]O primeiro equipo disputaba os seus encontros como local no Pavillón Multiúsos Fontes do Sar da capital galega, mentres que o seu filial, o Santiago Futsal B, adoitaba xogar no Pavillón Municipal de Santa Isabel. A media de seareiros que asistiron ó pavillón durante a tempada 2010-11 foi duns 2350 por encontro, mentres que durante a tempada 2011-12 esta media de asistencia no pavillón baixou a uns 1700 seareiros por encontro.
Datos do club
[editar | editar a fonte]O seguinte esquema amosa a traxectoria seguida polo club dende a súa chegada á 3ª categoría do fútbol sala nacional en 1992, até o verán de 2017:
Historial recente
[editar | editar a fonte]A seguinte táboa amosa o percorrido do Santiago Futsal polas diversas competicións oficiais nas que ten competido durante as 15 tempadas que estivo na máxima categoría da LNFS:
Tempada | Adestrador | Max.Goleador | LNFS | Copa Esp. | Copa Rei | Supercopa | Recopa Eur. | Copa Xunta | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2017-18 | Santi Valladares | Catela (19g) | 15º - Desc. | 1/8 F | Finalista | |||||
2016-17 | Santi Valladares | Catela (21g) | 11º - | 1/16 F | Campión | |||||
2015-16 | Santi Valladares | Quintela (28g) | 10º - | 1/16 F | Campión | |||||
2014-15 | Santi Valladares | Quintela (15g) | 11º - | 1/4 F | Finalista | |||||
2013-14 | Santi Valladares | Quintela (19g) | 9º - | 1/2 F | 1/16 F | Campión | ||||
2012-13 | Santi Valladares | Raúl Campos (32g) | 7º - 1/4 F | 1/2 F | 1/2 F | 1/2 F | Finalista | |||
2011-12 | Tomás de Dios | Aicardo (19g) | 5º - 1/4 F | Finalista | 1/2 F | Campión | ||||
2010-11 | Tomás de Dios | Raúl Campos (20g) | 4º - 1/2 F | 1/2 F | 1/8 F | Campión | Campión | |||
2009-10 | Tomás de Dios | Eka (29g) | 4º - 1/4 F | Finalista | Finalista | Campión | ||||
2008-09 | Tomás de Dios | Carlinhos (27g) | 4º - 1/2 F | 1/4 F | Campión | |||||
2007-08 | Venancio López | Betao (32g) | 7º - 1/4 F | 1/2 F | Finalista | |||||
2006-07 | Pulpis | Betao (31g) | 11º - | 1/4 F | Finalista | Campión | Finalista | |||
2005-06 | Venancio López | Betao (34g) | 5º - 1/4 F | Campión | Campión | |||||
2004-05 | Venancio López | Betao (29g) | 7º - 1/4 F | 1/2 F | Finalista | |||||
2003-04 | Paco Presas | Alemao (35g) | 10º - | 1/4 F | 1/2 F |
- As celas que están en branco indican que nesa tempada o equipo non disputou esa competición, ou mesmo que nesa tempada non se disputou ou non existía esa competición. Os máximos goleadores corresponden tan só ó campionato de liga. Na tempada 2007-08, Betao foi o máximo goleador da LNFS.
Palmarés
[editar | editar a fonte]Torneos nacionais
[editar | editar a fonte]- Copa de España (1): 2005-06
- Subcampión da Copa de España (2): 2009-10 e 2011-12
- Supercopa de España (1): 2010-11
- Subcampión da Supercopa de España (2): 2006-07 e 2009-10
- Copa Xunta de Galicia (8): 2005-06, 2008-09, 2009-10, 2010-11, 2011-12, 2013-14, 2015-16 e 2016-17
- Subcampión da Copa Xunta (6): 1997-98, 2004-05, 2006-07, 2012-13, 2014-15 e 2017-18
Torneos internacionais
[editar | editar a fonte]- Recopa de Europa (1): 2006-07
- Subcampión da Recopa de Europa (1): 2007-08
Xogadores
[editar | editar a fonte]Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Cadro 2017/18
[editar | editar a fonte]Nome | Sobrenome | Posto | |
---|---|---|---|
0 | Blai Pascual Alexandre | BLAI | Pívot |
0 | Ezequiel Montero Jiménez | ZEQUI | Á-Pívot |
3 | Daniel Montes del Río | CHINO | Pívot |
4 | David Palmas Mato | DAVID PALMAS | Á / Peche |
5 | Iván Rumbo Rodríguez | IVÁN RUMBO | Á |
7 | Juan José Camacho Pérez | CATELA | Á |
9 | Antonio Diz Teijeiro | ANTONIO DIZ | Pívot |
10 | Alejandro Diz Teijeiro | ÁLEX DIZ | Á |
13 | Pablo Tallón Castro | PABLO TALLÓN | Universal |
14 | Hugo Sánchez Flores | HUGO | Á / Peche |
17 | Pablo Mel Ramírez | PABLO MEL | Á |
19 | Santiago Valladares Rodríguez | SANTI | Á / Pívot |
23 | Diego Quintela Carril | QUINTELA | Pívot |
Adestrador: Santi Valladares
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "El Autos Lobelle conquista la Copa Xunta ante el Azkar" (en castelán). 10 de decembro de 2005. Consultado o 24 de xaneiro de 2024.
- ↑ Morales, Gabriel (23 de xaneiro de 2006). "Lobelle de Santiago conquista la Copa de España". El Mundo (en castelán). Consultado o 24 de xaneiro de 2024.
- ↑ "José Antonio Lobelle anuncia que deja la presidencia del Lobelle de Santiago" Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine., artigo na web do club (en castelán).
- ↑ "Santi Valladares presentado como nuevo entrenador del Lobelle de Santiago FS" Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine., artigo na web do club (en castelán).
- ↑ Nace el Santiago Futsal Arquivado 24 de abril de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Reigosa, M. G. (5 de agosto de 2022). "El Santiago Futsal entona el adiós el mismo día que pudo subir a Segunda". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 7 de abril de 2023.