Deportivo da Coruña en competicións europeas
O Deportivo da Coruña disputou máis dun cento de partidos en competicións europeas, dende o seu debut na Copa da UEFA 1993/94. Os seus mellores resultados obtívoos na Liga de Campións, competición que disputou durante cinco anos consecutivos, acadando tres veces os cuartos de final e chegando ata semifinais na edición 2003/04, na que quedou eliminado contra o Porto. Disputou tamén nunha ocasión as semifinais da Recopa de Europa, na 1995/96, caendo contra o Paris Saint-Germain.
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]O primeiro enfrontamento do Deportivo da Coruña contra un equipo europeo estranxeiro data do 16 de abril de 1911, cando xogou un amigable contra o Vie au Grand Air du Médoc francés no antigo campo de Riazor, ante uns 3000 espectadores.[1] Gañou o equipo galego por 3-2, con goles de Macho, Virgilio e Álvarez.[2] Durante as seguintes décadas o club continuou xogando partidos amigables contra equipos europeos, sobre todo portugueses,[1] destacando as súas actuacións no Trofeo Teresa Herrera, no que adoitaban participar algúns dos mellores equipos de Europa.[3]
Primeiras participacións na Copa da UEFA
[editar | editar a fonte]Na tempada 1992/93, con Arsenio Iglesias no banco e só dous anos despois do seu ascenso á Primeira División tras dúas décadas de ausencia, o Deportivo acabou a liga na terceira posición, por detrás do FC Barcelona e o Real Madrid, logrando así a súa primeira clasificación para unha competición europea oficial. O 14 de setembro de 1993 o Deportivo debutou na Copa da UEFA, contra o Aalborg no Aalborg Stadion, da cidade danesa de Aalborg. O club coruñés viaxou sen as dúas máximas estrelas, Bebeto e Mauro Silva, que estaban concentradas coa selección brasileira,[4] e formou con Liaño na portería; López Rekarte, Đukić, Voro e Paco Jémez na defensa; Nando, Fran, José Ramón e Donato no medio do campo; e Claudio e Manjarín na dianteira. O encontro rematou con vitoria danesa por 1-0, grazas a un gol de Søren Thorst na segunda parte.[5] Con todo, no partido de volta no estadio de Riazor, o Deportivo goleou aos daneses por 5-0, con tres goles de Bebeto e dous de Claudio.[5][6]
A primeira participación europea do club rematou na terceira rolda contra o Eintracht Frankfurt, despois de eliminar na rolda anterior ao Aston Villa. Ese ano acabou como subcampión de liga, polo que na tempada 1994/95 repetiu participación na Copa da UEFA, chegando de novo ata a terceira rolda, despois de eliminar ao Rosenborg e o TIrol Innsbruck. Na terceira rolda o rival foi o Borussia Dortmund. O Deportivo venceu na ida en Riazor por 1-0 cun gol de Bebeto, pero na volta no Westfalenstadion, un gol de Michael Zorc igualou a eliminatoria. O encontro foi á prórroga, na que Alfredo puxo por diante ao equipo galego, ata que nos tres últimos minutos, dous goles de Riedle e Ricken deixaron fóra aos branquiazuis, de novo ante un equipo alemán.[7]
Semifinal da Recopa 1995/96
[editar | editar a fonte]O Deportivo proclamouse campión da Copa do Rei 1994/95, o que lle deu o pase para a seguinte edición da Recopa de Europa, que disputaban os campións das competicións de copa das diferentes federacións europeas. Estreouse na competición contra o APOEL de Nicosia, obtendo un empate na ida en Chipre e a vitoria en Riazor cunha histórica goleada por 8-0, con tantos de Bebeto (3), Radchenko (2), Begiristain, Donato e Aldana.[8] Nos oitavos de final o equipo de Toshack eliminou ao Trabzonspor turco con dúas vitorias e un global de 4-0, sendo os goleadores de novo Bebeto e Donato, con dous tantos cada un. Na seguinte rolda o rival foi Zaragoza, vixente campión do torneo, ao que o Deportivo gañou pola mínima na ida en RIazor, cun gol do coruñés David. No partido de volta na Romareda, os de Víctor Fernández lograron o empate cun tanto de Morientes na primeira parte, pero outro gol de Bebeto deulle ao equipo galego unha histórica clasificación para as semifinais da competición. Con todo, o Paris Saint-Germain frustrou o intento do Deportivo de acadar unha final europea, logrando a vitoria nos dous partidos, nos dous casos por un gol a cero, tantos marcados por Djorkaeff e Loko.[9][10]
A seguinte participación europea foi na Copa da UEFA 1997/98, na que sufriu a súa eliminación máis rápida, ao perder xa a primeira eliminatoria contra o Auxerre. Regresou dous anos despois, xa con Javier Irureta no banco, e eliminou nas dúas primeiras roldas ao Stabæk noruegués e ao Montpellier francés. Na terceira rolda enfrontouse ao Panathinaikos grego, ao que derrotou na Coruña por 4-2, con goles de Donato, Djalminha, Pauleta e un en propia meta do peruano Percy Olivares. No partido de volta en Atenas o adiantouse o Panathinaikos cun gol de Asanović, pero o empate de Roy Makaay certificou o pase do Deportivo aos oitavos de final. A continuación enfrontouse ao Arsenal de Wenger, perdendo case todas as opcións xa no partido de ida en Highbury, no que os londinienses obtiveron un 5-1 con goles de Dixon, Henry (2), Bergkamp e Kanu, mentres que Djalminha fixo o único gol galego.[11] O resultado do encontro de volta foi de 2-1, quedando así fóra da competición.
Debut na Liga de Campións
[editar | editar a fonte]En abril do ano 2000 o Deportivo proclamouse campión de liga, polo que accedeu por primeira vez na súa historia á Liga de Campións. Quedou encadrado no grupo E, xunto a Panathinaikos, Hamburgo e Juventus. Debutou na máxima competición europea o 13 de setembro do ano 2000, no Estadio Spyros Louis de Atenas contra o Panathinaikos. Formou con Molina, Manuel Pablo, Naybet, Romero, Donato, Víctor, Emerson, Fran, Mauro Silva, Pandiani e Diego Tristán. O polaco Krzysztof Warzycha adiantou ao equipo grego na primeira parte, ata que Naybet puxo o empate preto do final do partido, que rematou 1-1.[12] A súa primeira vitoria na Champions chegou só seis días despois no estadio de Riazor contra o Hamburgo. O Deportivo adiantouse no primeiro tempo cun gol de Pandiani que foi empatado na segunda parte por Barbarez. Xa no tempo de desconto, Lionel Scaloni fixo o 2-1 definitivo.[13] O equipo coruñés mantívose invicto durante toda a primeira fase de grupos e, aínda que só logrou gañar outro partido (contra o Panathinaikos en Riazor), acabou como líder do grupo, conseguindo así o pase á segunda fase de grupos.
Nesta, quedou encadrado no grupo B, xunto a Paris Saint-Germain, Milan e Galatasaray. Na primeira xornada derrotou ao equipo francés no Parque dos Príncipes, e a pesar das dúas derrotas nos seguintes dous partidos, obtivo sete dos nove últimos puntos, subindo ata a primeira praza do grupo e logrando unha histórica clasificación para os cuartos de final. Especialmente lembrado é o encontro da quinta xornada contra o PSG en Riazor, no que o equipo de Luis Fernández se puxo 0-3 tras dous goles de Leroy e un de Jay-Jay Okocha, antes de que o Deportivo protagonizase unha histórica remontada con catro goles de cabeza: un triplete de Pandiani (que saíra dende o banco) e o outro de Tristán.[14][15]
O seu rival en cuartos foi o Leeds United, adestrado polo irlandés David O'Leary. O equipo inglés deixou encamiñada a eliminatoria no partido de ida en Elland Road, con tres goles de Harte, Smith e Ferdinand, contra un Deportivo que notou as ausencias de Donato e Mauro Silva.[16][17] No partido de volta na Coruña, os braquiazuis realizaron un gran partido e estiveron a piques de empatar a eliminatoria, gañando por 2-0 con tantos de Djalminha e Tristán, pero foi insuficiente para continuar na competición.[18]
Asentamento na elite
[editar | editar a fonte]Trala súa primeira participación na Liga de Campións, o Deportivo continuou disputando a competición durante varios anos, conseguindo destacados resultados. Na tempada 2001/02 volveu quedar invicto na fase de grupos e acadou de novo o primeiro posto, por diante de Manchester United, Lille e Olympiacos. Obtivo catro empates e dúas vitorias, ambas contra o Manchester de Ferguson, campión da última Premier League, ao que derrotou por 2-1 en Riazor e por 2-3 en Old Trafford. Na segunda fase os seus rivais foron o Arsenal, o Bayer Leverkusen e a Juventus. Dous goles de Tristán e Makaay serviron para derrotar ao equipo inglés en Riazor na primeira xornada. A continuación, o equipo sufriu unha derrota por 0-3 contra o Leverkusen no BayArena e empatou a cero goles contra a Juventus no Stadio delle Alpi. Cos catro equipos empatados a catro puntos, chegouse á cuarta xornada, na que o Deportivo derrotou á Juve en Riazor con tantos de Tristán e Djalminha (2-0), mentres que o Arsenal goleou por 4-1 ao Bayer Leverkusen.
Na penúltima xornada enfrontouse ao Arsenal no antigo estadio de Highbury. Nese encontro, considerado un dos mellores da súa historia, o Deportivo foi moi superior a un Arsenal que acabaría gañando ese ano a Premier, e no que xogaban entre outros estrelas como Seaman, Campbell, Vieira, Pires, Bergkamp ou Henry.[19] O resultado foi de 0-2, sendo Valerón e Naybet os autores dos tantos, e significou o pase matemático aos cuartos de final, por segundo ano consecutivo.[19] O seu rival nos cuartos foi o Manchester, ao que xa se enfrontara na primeira fase, pero nesta ocasión os resultados foron opostos. O Manchester gañou na ida en Riazor por 0-2, cun gran gol de David Beckham e outro de Van Nistelrooy, e conseguiu tamén a vitoria en Old Trafford, esta vez por 3-2, con dous tantos de Solskjær e un de Giggs.[20][21]
Na tempada 2002/03 iniciou a Liga de Campións xogando contra o Bayern de Múnic no Estadio Olímpico de Múnic. Impúxose o equipo coruñés por 2-3, cun triplete de Roy Makaay, e entrou na historia como o primeiro equipo español en derrotar ao Bayern no seu estadio.[22] Gañou tamén ao Lens en Riazor, ao Bayern tamén en Riazor e ao Milan en San Siro, clasificándose para a seguinte fase na segunda posición, empatado a puntos co primeiro, o Milan. Na segunda fase quedou encadrado no Grupo D, xunto coa Juventus, o Manchester United e o FC Basel. Logrou sete puntos de nove posibles en Riazor, cun empate contra a Juve e vitorias contra Manchester e Basel, pero non puido sumar ningún punto fóra da casa. O equipo inglés ocupou a primeira praza final, con 13 puntos, mentres que os outros tres remataron nun triplo empate a sete puntos, ocupando o Deportivo o último posto.[23]
Ás portas da final continental
[editar | editar a fonte]Na tempada 2003/04 o Deportivo da Coruña rexistrou a mellor participación europea da súa historia. A diferenza das tempadas anteriores, nas que lograra a clasificación como campión ou subcampión de liga, esta vez fíxoo como terceiro, polo que tivo que disputar unha rolda previa contra o Rosenborg, ao que superou tras empatar a ceros no Lerkendal Stadion e gañar pola mínima en Riazor, cun tanto de Albert Luque. Xa na fase de grupos, entrou no grupo C, con AEK, PSV e Monaco.
O seu primeiro partido foi contra o AEK no Apostolos Nikolaidis de Atenas, onde se adiantou rapidamente o equipo galego cun gol de Pandiani, ata que preto do final empatou o equipo de Dušan Bajević por medio de Tsiartas.[24] A continuación o Deportivo afrontou dous partidos seguidos en Riazor, logrando dúas vitorias: 2-0 contra o PSV de Guus Hiddink, con tantos de Sergio e Pandiani, e 1-0 contra o Monaco de Didier Deschamps, con gol de Tristán.[25][26] O 5 de novembro de 2003, no estadio Lois II de Mónaco, o Deportivo sufriu a súa maior derrota en competición europea e unha das maiores da súa historia en calquera competición, encaixando un 8-3 contra o Monaco. Catro dos goles monegascos anotados por Dado Pršo, que celebraba ese día o seu 29º aniversario, mentres que os demais foron obra de Jérôme Rothen, Ludovic Giuly, Jaroslav Plašil e Édouard Cissé.[27][28] Con todo, o equipo repúxose e no seguinte encontro venceu ao AEK por 3-0, anotando Héctor, Valerón e Luque.[29] O derradeiro partido da primeira fase foi contra o PSV no Philips Stadion de Eindhoven. O Deportivo chegou ao encontro con 10 puntos, empatado co Monaco e con tres puntos de vantaxe sobre o PSV. Os neerlandeses precisaban gañar por 2-0 ou por máis de tres goles en caso de que os galegos marcasen. Adiantouse o PSV con dous goles de De Jong e Robben, que deixaban ao Deportivo virtualmente eliminado da competición. Irureta introduciu entón un cambio ofensivo, substituíndo a Sergio por Luque, e no primeiro balón que tocou, o catalán anotou un gol dende 35 metros que obrigaba ao equipo neerlandés a anotar tres goles máis.[30] O partido rematou despois de que Pandiani e De Jong marcasen un gol máis para cada equipo, e o Deportivo clasificouse segundo por detrás do Monaco.
Para esta edición da Liga de Campións, a UEFA suprimiu a segunda fase de grupos, recuperando os oitavos de final da antiga Copa de Europa,[31] e o Deportivo quedou emparellado coa Juventus de Lippi. O primeiro partido xogouse en Riazor e rematou con vitoria galega por 1-0, despois de que Luque rematase cunha volea un mal despexe de Thuram e superase a Buffon.[32] Dúas semanas despois, no Stadio delle Alpi de Turín, un solitario gol de Pandiani serviu para certificar o pase aos cuartos de final por terceira vez na historia do club. O seguinte rival foi outro equipo italiano, o Milan de Carlo Ancelotti, vixente campión de Europa. A ida en San Siro acabou 4-1 para os italianos, a pesar do gol de Pandiani no minuto 11, que foi remontado con dous tantos de Kaká, un de Shevchenko e outro de Pirlo. Dúas semanas despois, o 7 de abril de 2004, o partido de volta en Riazor converteuse nun dos encontros máis lembrados da historia do club e da Liga de Campións, pois o Deportivo logrou unha remontada que parecía case imposible, eliminando ao Milan cun 4-0, tralos goles conseguidos por Pandiani, Valerón, Luque e o capitán Fran.[33][34][35]
O Deportivo acadou así por primeira e única vez na súa historia as semifinais da Liga de Campións, onde se enfrontou ao FC Porto, adestrado por José Mourinho. O partido de ida no Estádio do Dragão acabou con empate a cero, e co polémico cartón vermello amosado polo árbitro Markus Merk ao defensa deportivista Jorge Andrade, por dar un suave golpe co pé ao seu compañeiro da selección portuguesa e amigo Deco.[36][37] Deste xeito o Deportivo non puido contar co portugués para o partido de volta en Riazor, e tampouco con Mauro Silva, este último sancionado por acumulación de cartóns amarelos. O partido de volta decidiuse no minuto 60, despois de que César derribase a Deco na área e Pierluigi Collina asubiase penalti. Molina non puido deter por pouco o lanzamento do brasileiro Derlei, que cruzou a portería e deixou ao Deportivo ás portas da súa primeira final continental.[38][39]
Decaemento
[editar | editar a fonte]A partir da tempada 2004/05 o club padeceu un empeoramento dos seus resultados. Esa campaña foi a quinta consecutiva disputando a Liga de Campións, á accedeu despois de superar ao Shelbourne irlandés na fase previa. Con todo, os braquiazuis non conseguiron ningunha vitoria na fase de grupos, tampouco ningún gol, e sufriron unha nova goleada por parte do Monaco, que conseguiu un 0-5 en Riazor.[40] O Deportivo sumou só dous puntos, en senllos empates a cero co Olympiacos en Riazor e co Liverpool en Anfield.[41][42]
Na tempada seguinte o club da Coruña só puido acceder á Copa Intertoto, ao acabar a liga na oitava praza. Entrou na segunda rolda e eliminou sucesivamente ao Budućnost Podgorica, ao Slaven Belupo e ao Newcastle, acadando a final, na que se enfrontou a dobre partido ao Olympique de Marsella na busca dun billete para a Copa da UEFA. Na ida en Riazor a vitoria foi para o Deportivo por 2-0, con goles de Rubén Castro e Iván Carril, pero na volta no Vélodrome os franceses gañaron 5-1, con tantos de Ribéry, Méïté, Niang (2) e Oruma.[43]
Regreso á UEFA
[editar | editar a fonte]Tras uns anos sen presenza en Europa, o Deportivo regresou en 2008 á Copa Intertoto, xa cun novo formato. Accedeu en terceira rolda, onde venceu ao Bnei Sakhnin israelí, logrando así o pase á segunda rolda clasificatoria da Copa da UEFA. Nesta derrotou ao Hajduk Split croata e conseguiu a clasificación para a UEFA case unha década despois.[44] Na primeira rolda da competición o seu rival foi o Brann noruegués. No partido de ida no Brann Stadion de Bergen, gañou o equipo local por 2-0, con goles de Bjarnason e Solli, mentres que na volta o resultado foi o mesmo, pero con vitoria do Deportivo, con dous tantos de Colotto.[45][46] Tras unha prórroga sen goles, a eliminatoria foi á quenda de penaltis, onde Aranzubía detivo tres lanzamentos e deu ao Deportivo o billete para a fase de grupos.[46]
Encadrado no grupo H, e con partidos a unha soa volta, o Deportivo comezou perdendo 3-0 contra o CSKA de Moscova no estadio Luzhniki de Moscova, con dous goles de Dzagoev e un de Vágner Love.[47] A continuación gañou por 3-0 ao Feyenoord de Makaay en Riazor, cun gol de Lopo, outro de Guardado e outro de Hofland en propia meta.[48] No terceiro encontro empatou a un gol co Lech Poznań en Polonia, xogándose o pase á seguinte rolda no cuarto e último partido, contra o Nancy na Coruña.[49] Un gol de Bodipo no último cuarto do partido clasificou ao club galego no segundo lugar do grupo.[50] O rival do Deportivo en dezaseisavos de final foi o Aalborg dinamarqués. O partido de ida disputouse no Energi Nord Arena de Aalborg, e o equipo branco e vermello deixou encamiñada a eliminatoria cun 3-0, con dous goles de Due e un de Jakobsen.[51] O 26 de febreiro de 2009 en Riazor, o Deportivo disputou o seu derradeiro partido europeo ata a data, volvendo perder contra o equipo danés. A pesar do gol inicial de Sergio, o Aalborg remontou con tres goles obra de Shelton, Johansson, Enevoldsen, e deixou ao club galego fóra da competición.[52]
Balance
[editar | editar a fonte]Competición | PX | PG | PE | PP | GF | GC | Dif | % G |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Liga de Campións | 62 | 25 | 17 | 20 | 78 | 79 | −1 | 40.32 |
Recopa de Europa | 8 | 4 | 2 | 2 | 14 | 3 | +11 | 50.00 |
Copa da UEFA | 32 | 14 | 5 | 13 | 43 | 36 | +7 | 43.75 |
Copa Intertoto | 10 | 8 | 0 | 2 | 18 | 10 | +8 | 80.00 |
Total | 112 | 51 | 24 | 37 | 153 | 128 | +25 | 45.54 |
Resultados
[editar | editar a fonte]Estatísticas
[editar | editar a fonte]Xogadores con máis partidos
[editar | editar a fonte]Xogador | Liga de Campións | Recopa | Copa da UEFA | Intertoto | Total |
---|---|---|---|---|---|
Valerón | 48 | 0 | 10 | 8 | 66 |
Fran | 43 | 6 | 17 | 0 | 66 |
Romero | 50 | 0 | 7 | 8 | 65 |
Scaloni | 52 | 0 | 5 | 7 | 64 |
Mauro Silva | 43 | 2 | 14 | 0 | 59 |
Víctor | 45 | 0 | 7 | 6 | 58 |
Naybet | 46 | 0 | 10 | 0 | 56 |
Sergio | 39 | 0 | 9 | 7 | 55 |
Molina | 46 | 0 | 0 | 8 | 54 |
Diego Tristán | 45 | 0 | 0 | 5 | 50 |
Manuel Pablo | 31 | 0 | 10 | 9 | 50 |
Donato | 26 | 7 | 17 | 0 | 50 |
Máximos goleadores
[editar | editar a fonte]Xogador | Liga de Campións | Recopa | Copa da UEFA | Intertoto | Total |
---|---|---|---|---|---|
Diego Tristán | 15 | 0 | 0 | 1 | 16 |
Makaay | 12 | 0 | 3 | 0 | 15 |
Pandiani | 13 | 0 | 0 | 0 | 13 |
Bebeto | 0 | 6 | 7 | 0 | 13 |
Djalminha | 5 | 0 | 4 | 0 | 9 |
Víctor | 6 | 0 | 1 | 1 | 8 |
Valerón | 5 | 0 | 0 | 1 | 6 |
Donato | 0 | 3 | 3 | 0 | 6 |
Luque | 5 | 0 | 0 | 0 | 5 |
Naybet | 4 | 0 | 0 | 0 | 4 |
Sergio | 2 | 0 | 1 | 1 | 4 |
Claudio | 0 | 0 | 4 | 0 | 4 |
Rubén Castro | 0 | 0 | 0 | 4 | 4 |
Adestradores con máis partidos
[editar | editar a fonte]Adestrador | Liga de Campións | Recopa | Copa da UEFA | Intertoto | Total |
---|---|---|---|---|---|
Irureta | 62 | 0 | 8 | 0 | 70 |
Arsenio | 0 | 0 | 12 | 0 | 12 |
Lotina | 0 | 0 | 10 | 2 | 12 |
Toshack | 0 | 8 | 0 | 0 | 8 |
Joaquín Caparrós | 0 | 0 | 0 | 8 | 8 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Os primeiros partidos do Deportivo ante un club estranxeiro cumpren 110 anos". Deportivo da Coruña. 16 de abril de 2021. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de abril de 1911. p. 1.
- ↑ Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (21 de xullo de 2021). "La intolerable decadencia del Teresa Herrera" (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "Aalborg, un viejo conocido del Deportivo que trae buenos recuerdos a Riazor" (en castelán). 19 de decembro de 2008. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 "El Aalborg quiere venganza ante el Depor". UEFA (en castelán). 7 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ Rodriguez Cudeiro, Juan Luis (18 de febreiro de 2009). "Cuando el deportivismo cruzó Europa en coche". El País (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ Aguiar, Iván (15 de abril de 2014). "El día de la crueldad alemana" (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "El Apoel saca brillo al Deportivo" (en castelán). 29 de setembro de 1995. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "El último minuto destroza al Deportivo". El País (en castelán). 5 de abril de 1996. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "El sueño europeo del Deportivo se desvaneció en París". La Región (en castelán). 19 de abril de 1996. Consultado o 29 de outubro de 2021.
- ↑ "Arsenal - Deportivo 1999". UEFA (en inglés). Consultado o 30 de outubro de 2021.
- ↑ "Un gol de Naybet da al Dépor su primer punto en la «Champions»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2000. Consultado o 31 de outubro de 2021.
- ↑ "Empieza el día con el Deportivo 2-1 Hamburgo" (en castelán). 6 de abril de 2020. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Hermida, Xosé (8 de marzo de 2001). "Heroica remontada del Deportivo ante el PSG (4-3)". El País (en castelán). Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "15 años de una remontada histórica" (en castelán). 7 de marzo de 2016. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "Leeds sacó importante ventaja" (en castelán). 4 de Abril de 2001. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Hermida, Xosé (5 de abril de 2001). "El Deportivo se deshace". El País (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "Gran partido, mal resultado." (en castelán). 17 de abril de 2001. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ 19,0 19,1 Bouzas, Fabián (12 de marzo de 2018). "La obra magna que silenció Highbury". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "Beckham y Van Nistelrooy envían al Dépor al infierno (0-2)" (en castelán). 3 de abril de 2002. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Deportivo no pudo rebelarse contra la lógica". El Mundo (en castelán). 11 de abril de 2002. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Hermida, Xosé (19 de setembro de 2002). "El Depor destroza el mito del Bayern". El País (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Dépor dice adiós a Europa". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de marzo de 2003. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "AEK - Deportivo 2003". UEFA (en inglés). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Jiménez, José Luis (1 de outubro de 2003). "Pandiani y Sergio despachan al PSV en una noche gris del Dépor". ABC (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Hermida, Xosé (22 de outubro de 2003). "El Depor sufre ante la escuela francesa". El País (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Depor sufre una escandalosa humillación en Mónaco". Cadena SER (en castelán). 5 de novembro de 2003. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "8-3: El Mónaco ridiculiza al Deportivo con una goleada de escándalo". ABC (en castelán). 6 de novembro de 2003. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Depor supera el trauma y bate al AEK (3-0)". El País (en castelán). 25 de novembro de 2003. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Bouzas, Fabián (4 de decembro de 2017). "El cañón que decidió la batalla de Eindhoven". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "La UEFA decide cambiar el formato de la Liga de Campeones". As (en inglés). 11 de xullo de 2002. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El zurdazo que noqueó a la Juventus". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 2015. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "Cuando el EuroDépor humilló al todopoderoso Milan en Riazor" (en castelán). 7 de abril de 2019. Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2021. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "Deportivo-Milán, la remontada que inspiró a toda Europa". As (en castelán). 7 de abril de 2020. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Wilks, Mitchell (22 de maio de 2021). "The best Champions League games of all time - ranked" (en inglés). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "Una broma entre amigos cuesta la roja a Andrade". El País (en castelán). 22 de abril de 2004. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El árbitro del Oporto-Deportivo dice que Andrade merece la roja". ABC (en castelán). 23 de abril de 2004. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ González, Ángel (5 de maio de 2004). "El Oporto frustra el sueño del Depor". El Mundo (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "13 años de la semifinal ante el Oporto" (en castelán). 4 de maio de 2017. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Deportivo sucumbe ante el Mónaco (0-5)". El País (en castelán). 8 de decembro de 2004. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Carvajal, Álvaro (15 de setembro de 2004). "El Deportivo se sumerge en el pesimismo". El Mundo (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Deportivo empata en Anfield tras el acoso sin derribo local". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de outubro de 2004. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ Hermida, Xosé (24 de agosto de 2005). "El Depor se hunde en el velódromo". El País (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Depor gana en Split y jugará la UEFA". El Mundo (en castelán). 28 de agosto de 2008. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Brann complica la eliminatoria al Dépor en Noruega". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 2008. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ 46,0 46,1 "Aranzubia mete al Depor en fase de grupos de la UEFA tras ganar al Brann por penaltis" (en castelán). 3 de outubro de 2008. Consultado o 2 de novembro de 2021.
- ↑ "El Deportivo, abrumado en Moscú". El Mundo (en castelán). 23 de outubro de 2008. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "El Feyenoord de Makaay se quita del medio en Riazor". Faro de Vigo (en castelán). 28 de novembro de 2008. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "El Deportivo empata en Polonia y deja pendiente la clasificación (1-1)" (en castelán). 4 de decembro de 2008. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "Un gol de Bodipo clasifica al Depor". UEFA (en castelán). 17 de decembro de 2008. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "Due pone al Deportivo al borde del adiós". As (en castelán). 18 de febreiro de 2009. Consultado o 3 de novembro de 2021.
- ↑ "El Aalborg desnuda al Depor". El País (en castelán). 26 de febreiro de 2009. Consultado o 3 de novembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial
- Deportivo da Coruña na UEFA (en inglés).