Saltar ao contido

Deportivo Auténtico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deportivo Auténtico
NomeDeportivo FC Auténtico
Fundación1914
Desaparición1918
EstadioCampo de Riazor
Inauguración1909

O Deportivo FC Auténtico foi un club de fútbol da cidade da Coruña, de curta existencia. Xurdiu en 1914 como unha escisión do Deportivo da Coruña levada a cabo polos xogadores do club, despois de que a directiva lles prohibise disputar partidos contra o Real Club Coruña, co que mantiñan unha gran rivalidade. Competiu en dúas edicións do Campionato de Galicia, e estivo activo ata 1918, cando chegou a un acordo co Deportivo para volverse integrar neste.

Nacemento

[editar | editar a fonte]

O Deportivo da Coruña mantivo dende a súa fundación unha gran rivalidade contra o outro gran equipo da cidade, o Real Club Coruña. Os partidos entre os dous equipos acababan moitas veces con incidentes entre as súas respectivas afeccións, polo que a directiva do Deportivo decidiu non volver xogar contra o Coruña, facéndoo en vez diso, contra outros equipos coruñeses, vigueses e ferroláns. Tras un ano e medio sen enfrontarse, en 1914 os futbolistas do Deportivo, descontentos coa situación, pactaron un par de partidos amigables contra o Coruña, sendo desautorizados pola directiva presidida por Rogelio Fernández Conde.[1] Os xogadores fixeron caso omiso e o 30 de agosto disputaron no campo de Monelos o primeiro dos encontros, resultando vencedor o Real Club Coruña por 2-0, con goles de Parra e Caruncho.[2][3] Unha semana despois xogouse o segundo partido, tamén con vitoria coruñesistas, por 4-0.[4]

Cara a finais de outubro de 1914, os xogadores do Deportivo da Coruña constituíronse como un novo club, co nome de Deportivo FC Auténtico, e con Carlos González de Ancos como o seu primeiro presidente.[5]

Nos seguintes anos

[editar | editar a fonte]

A pesar das adversidades, como as derrotas iniciais ou o suicidio pouco despois dun dos seus futbolistas, Antonio Catoira,[6] o novo club competiu moi activamente durante os seguintes anos, xogando de branco e azul e disputando os seus partidos como local no campo de Riazor, mentres que o Deportivo da Coruña, sen xogadores, permaneceu inactivo. Na tempada 1916/17 o Deportivo Auténtico disputou por primeira vez o Campionato de Galicia. A finais de 1917 tomou posesión unha nova xunta directiva, con Virgilio Rodríguez como novo presidente.[7]

Na seguinte edición do Campionato de Galicia, o Deportivo Auténtico quedou encadrado no grupo norte xunto co Real Club Coruña. O partido de ida en Riazor acabou con empate a dous goles, mentres que na volta en Monelos, o Deportivo logrou a vitoria por 2-0 nun partido con varias liortas de xogadores e seareiros.[8] Deste xeito, clasificouse para a final, onde se enfrontou ao Fortuna de Vigo. No partido de ida en Riazor, o Fortuna adiantouse rapidamente con dous goles de Cambón e Porto, pero o Deportivo Auténtico empatou no segundo tempo con tantos de Ricardo Álvarez e Barreiro.[9] O partido de volta en Bouzas acabou cun 3-0 para os vigueses, que con esta vitoria lograron o pase á Copa do Rei.[10]

Reunificación

[editar | editar a fonte]

A mediados de agosto de 1918, as directivas do Deportivo Auténtico e do Deportivo da Coruña, chegaron a un acordo para se uniren de novo, conservando como nome o do club orixinal.[11] A unión logrouse en boa parte grazas a Virgilio Rodríguez, que pouco despois converteuse no novo presidente do club.[12] O Real Club Coruña desapareceu pouco despois e o Deportivo da Coruña dominou o fútbol coruñés durante o seguinte século.

  1. ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de agosto de 1914. p. 3.
  2. ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 1914. p. 2.
  3. ↑ "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2535). 31 de agosto de 1914. p. 2. Consultado o 12 de novembro de 2021.
  4. ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de setembro de 1914. p. 2.
  5. ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de outubro de 1914. p. 3.
  6. ↑ "El suicidio de anteayer". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de febreiro de 1915. p. 2.
  7. ↑ "Elección de directivas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de decembro de 1917. p. 1.
  8. ↑ "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (342). 18 de marzo de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021.
  9. ↑ "Fortuna-Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de marzo de 1918. p. 1.
  10. ↑ "Fortuna-Deportivo". El Diario de Pontevedra (en castelán) (10194). 1 de abril de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021.
  11. ↑ "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (486). 18 de agosto de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021.
  12. ↑ "Restaurado un cadro de Lloréns de 1911 que representa por primeira vez as cores do Deportivo con Virgilio como protagonista". Deportivo da Coruña. 26 de decembro de 2018. Consultado o 11 de novembro de 2021.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]