Uniforme do Deportivo da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Deportivo da Coruña.
Xogadores do Deportivo da Coruña en 2008

Desde 1912, o Deportivo da Coruña emprega un uniforme con camiseta de franxas brancas e azuis.

Historia[editar | editar a fonte]

O uniforme do Deportivo da Coruña ten experimentado diversos cambios dende que se fundou en 1906. Contra o ano 1907, o daquela Club Deportivo da Sala Calvet, decidiu empregar unha camisola de raias azuis e brancas e un pantalón de cor negra, aínda que o equipo adoitaba disputar os seus partidos cunha camisola branca e un pantalón negro. Non foi ata 1912 cando o equipo adoptou o escudo e as cores azul e branca nos seus partidos, realizando pequenos cambios na camisola, especialmente no tamaño, localización e sentido das raias e dorsais.[1]

Ata 1923 as raias da camisola eran estreitas, adoptándose unhas máis anchas consideradas máis "modernas", se ben dous anos despois recuperáronse as raias estreitas, e tan só na tempada 1939-40 imperaron as raias anchas. A partir dese momento a equipación pasou a estar dominada por unha camisola de raias estreitas e pantalón azul, equipamento que se mantivo dende a tempada 1940-41 á 1967-68, na que o equipo recuperou as raias anchas, que permaneceron no uniforme ata a tempada 1973-74.

Na Asemblea Ordinaria do Deportivo de mediados de 1990, a directiva do club redeseñou a camisola cara a un deseño máis moderno que se estreou na segunda metade de liga e que ampliaba o tamaño dos dorsais, creaba maiores espazos brancos e amosaba unhas raias azuis máis amplas nos bordos laterais da camisola. Pouco despois, na tempada 1991-92, con Rox como provedor, o club modificou radicalmente a imaxe da camisola, introducindo unha raia horizontal á altura dos ombreiros e outra á altura do peito, pasando dunhas raias totalmente verticais a unha forma de "T", un deseño que se mantería case igual ata a tempada 1997-98, xa coa firma alemá Adidas, que eliminaría as raias horizontais, recuperando así un deseño de liñas totalmente verticais que na tempada seguinte tornaríanse máis grosas.[1]

A pesar dos trocos nos patrocinadores e provedores, o deseño da camisola non mudou substancialmente na tempada 2001-02, cando se introduciu unha pequena liña vermella nas costas á altura dos ombreiros e se desprazou o escudo do equipo, que pasou de estar sobre o corazón a situarse no centro do peito. Esa tempada o pantalón do equipo tamén experimentou un lixeiro cambio: se ben seguiu a ser azul, engadíuselle unha ampla banda vermella na cintura. Foi, con todo, na segunda e terceira equipación onde houbo máis novidades, pasando a segunda de amarela a vermella e negra para a Liga, e gris prateada cunha banda azul escura cruzando o peito para a Liga de Campións. Con motivo da final da copa do rei dese ano fronte ó Real Madrid, o club deseñou un modelo especial de camisola que incluía unha serie de detalles bordados nas mangas, e que substituía o reberete vermello do pescozo, pantalón e mangas por outro azul mariño, e mudando o pescozo a redondo en lugar do pescozo a xeito de camisa.[1] Con todo, dende ese momento as equipacións non experimentaron maiores cambios que o grosor da liñas verticais, ata a tempada 2009-10, cando a firma italiana Lotto introduciu un deseño no que as liñas se cortaban na parte do peito para deixar a parte superior en branco cun detalle en gris prata; a mesma firma introduciu na seguinte tempada un deseño de raias estreitas que ensanchou na tempada 2011-12, incluíndo unha liña horizontal á altura do peito na seguinte tempada que foi abandonada ó finalizar a mesma. Volveuse entón a un deseño de raias verticais que se mantivo, con lixeiros cambios ata a tempada 2016-17, cando na pretempada se introduciu unha camisola cunha raia vertical máis grosa.[2]

Entre as segunda e terceiras equipacións cómpre salientar a presentación na tempada 2014-15 dunha segunda camisola do equipo na que lucía a bandeira de Galicia e que se mantén dende entón.[3]

Evolución[editar | editar a fonte]

2012-2013


2013-2014


2014-2015


2015-2016


2016-2017


2017-2018


2018-2019


2019-2020


Uniforme 2020/21[editar | editar a fonte]

Para a tempada 2020/21, o Deportivo ten os seguintes tres uniformes:[4]

  • Uniforme titular: Camiseta a franxas azuis e brancas en forma de "T"; pantalón azul; medias azuis.
  • Uniforme alternativo: Camiseta de cor azul escuro cunha franxa vertical dourada na parte esquerda; pantalón azul escuro; medias azul escuro.
  • Terceiro uniforme: Camiseta coa franxa da bandeira de Galicia; pantalón branco; medias brancas.
Titular


Alternativo


Terceiro


Provedores e patrocinadores[editar | editar a fonte]

Período[5] Provedor Patrocinador
1985–1986 Austral Hotel Rías Altas
1986–1888 Gilcor Ningún
1988–1989 Rafrei
1989–1990
1990–1992
1992–1997
1997–2000
2000–2001
2001–2007 Fadesa
2007–2008 Canterbury
2008–2009
2009–2017
2017–2021
2021–

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Evolución histórica de la camiseta" (en castelán). RCD A Coruña. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2016. Consultado o 25 de xullo de 2016. 
  2. "Imaxe do equipo coa camisola". RCD A Coruña. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2016. Consultado o 26 de xullo de 2016. 
  3. "Presentadas las equipaciones del Dépor 2014-2015" (en castelán). RCD A Coruña. 19 de xullo de 2014. Consultado o 26 de xullo de 2016. 
  4. "Así son las tres camisetas del Deportivo para la temporada 20/21". riazor.org (en castelán). 24 de setembro de 2020. 
  5. "Evolución histórica de la camiseta". rcdeportivo.es.