Converxencia 21

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Converxencia XXI")
Converxencia XXI
Partido político de Galicia
Dirixentes e organización
Líder Carlos Vázquez Padín
(Presidente)
Filiación internacional Partido Europeo Liberal Demócrata Reformista
Historia
Fundación 4 de maio de 2009
Posicións políticas
Ideoloxía Galeguismo, europeísmo, centrismo, liberalismo, Liberalismo económico, Liberalismo social.
Representación
Concelleiros en Galicia
2 / 3.766
Outros datos
Sede Santiago de Compostela
Páxina web converxencia.eu

Converxencia XXI ou Converxencia 21, é unha forza política galega que se define a si mesma como galeguista, europeísta, democrática, de centro reformista, liberal no social e no económico, e aconfesional. Declara como obxectivo a defensa dos intereses colectivos de Galicia co fin de xerar as mellores condicións para o desenvolvemento individual dos seus cidadáns.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Converxencia XXI foi inscrita no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior o 4 de maio de 2009.

O seu Presidente é o tudense Carlos Vázquez Padín, elixido Secretario Xeral o 2 de outubro de 2010 no I Congreso da formación[2], e reelixido o 24 de setembro de 2011 xunto cunha nova executiva nacional no II Congreso do partido.[3]

O 3 de marzo de 2012 tivo lugar a I Conferencia Política de Converxencia XXI en Santiago de Compostela.[4]

No III Congreso Nacional da formación, celebrado no outono de 2012 en Santiago de Compostela, Carlos Vázquez Padín foi nomeado Presidente Nacional do Partido, mentres que o lucense Garcilaso de la Vega López foi elixido Secretario Xeral do Partido.

No eido estudantil, Converxencia XXI ten como referencia a Asociación Liberal do Estudantado Galego[5].

Eleccións municipais de 2011[editar | editar a fonte]

Converxencia XXI comparecerá por primeira vez a unhas eleccións nas eleccións municipais de 2011 en Galicia, presentando candidaturas en catro concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Tui. Nelas obteñen o seu primeiro representante institucional ao ser elixido concelleiro en Tui o Secretario Xeral do partido, Carlos Vázquez Padín.

Eleccións ás Cortes Españolas 2011[editar | editar a fonte]

Por primeira vez na historia da democracia en España, algúns partidos foron obrigados a presentar un número mínimo de sinaturas para poder participar nas eleccións xerais do ano 2011. Ata entón a participación era libre [6]. Converxencia XXI presentou as sinaturas en forma de aval [7] e gañou o dereito a participar nas catro circunscripcións galegas, presentando listas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e colleitando o mellor resultado electoral da súa historia co 0.08% dos votos válidos emitidos en Galicia.

Circunscripción Votos Porcentaxe de votos Escanos
A Coruña 505 0,07% 0
Lugo 241 0,11% 0
Ourense 185 0,09% 0
Pontevedra 505 0,09% 0
Total Galicia 1.436 0,08% 0

Eleccións galegas de 2012[editar | editar a fonte]

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 21 de outubro de 2012 baixaron ata os 1056 votos, o 0,07 % dos sufraxios válidos emitidos.

Eleccións europeas de 2014[editar | editar a fonte]

Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 non se presentou a formación, que pediu o voto para o Partido da Liberdade Individual, que obtivo 658 votos en Galicia (de novo, o 0.07 % dos sufraxios válidos emitidos en Galicia).

Eleccións municipais de 2015[editar | editar a fonte]

Nas eleccións municipais de 2015 Converxencia 21 só presentou candidaturas nos concellos de Santiago de Compostela e Tui. Acadou dous concelleiros en Tui, colleitando neste concello o seu maior éxito electoral tras ser a terceira formación máis votada só por tras do PPdeG e o PSdeG-PSOE.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]