O autobús[1] (comunmente abreviado como bus)[2] ou coche de liña[3] é un vehículo terrestre deseñado para o transporte de persoas. A súa capacidade pode variar entre 10 e 120 pasaxeiros, e nos casos dos autobuses articulados poden pasar dos 200, e polo xeral úsanse nos servizos de transporte público urbano e interurbano, e con traxecto fixo. De non ter traxecto fixo tamén se pode denominar autocar[4] e o de gran capacidade coñécese como ómnibus.[5][6]
O termo autobús procede do francésautobus, e este fórmase sobre auto- e omnibus.[8] Pola súa parte, ómnibus chegou ao galego a través da palabra francesa omnibus, procedente do latínomnibus, dativo plural de omnis, co significado de 'para todos'.[9][10][11]
O nome omnibus aplicouse en Francia, xa no século XIX, aos vehículos de transporte colectivo porque eran medios de transporte públicos 'para todos'.[12] Máis adiante, cando estes vehículos pasaron a ser automóbiles, popularizouse a forma autobús, literalmente 'ómnibus automóbil' ou, máis literalmente segundo a súa etimoloxía, 'vehículo que se move por si mesmo para todos'.[13]
Existe tamén unha etimoloxía popular que sitúa a orixe da palabra en Nantes, onde os primeiros vehículos de Stanislas Baudry terían parado diante dunha tenda dun sombreireiro apelidado Omnès, cuxo rótulo dicía Omnes Omnibus; a partir diso, os cidadáns acabarían chamando omnibus ao vehículo.[14][15]