A Laracha
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | A Laracha | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 11.543 (2023) (91,65 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 125,95 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 165 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde da Laracha | José Manuel López Varela | ||||
Eleccións municipais na Laracha | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15145 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15041 | ||||
Páxina web | alaracha.gal | ||||
A Laracha[1] é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2014 tiña 11 443 habitantes (11 367 no 2012, 11 337 no 2011, 11 213 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «larachés». Recibe o seu nome da súa capital, a vila da Laracha.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O concello, de 125,95 km², abrangue 13 parroquias, sendo as máis extensas as de Soandres e Montemaior. Caión é a única que ten contacto co mar, no Golfo Ártabro, no límite nordeste da Costa da Morte.
Parroquias da Laracha |
---|
Orografía e hidrografía
[editar | editar a fonte]A zona sur está marcada pola chaira de Ordes e os montes baixos da serra de Montemaior, co monte Pedrouzo (521 m) e Pena Galluda (552 m). O centro está marcado polo val do río Anllóns, que se abre cara ao oeste e recibe as augas do Acheiro. Cara ao norte está a serra de Santa Leocadia, no límite con Arteixo.
Clima
[editar | editar a fonte]Ten un clima oceánico, con temperaturas suaves e escasa oscilación térmica, fortes precipitacións e elevada humidade. A vexetación autóctona foi substituída en boa medida por especies de repoboación como piñeiros e eucaliptos. A zona de monte ocupa un terzo da superficie total do municipio. Porén, quedan carballeiras como a de Santa Margarida, a de San Fins e a da capela de Comiáns.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total 2014 | 11 443 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 1396 (12,2 %) |
Entre 15 e 64 anos | 7245 (63,31 %) |
Maiores de 65 anos | 2802 (24,48 %) |
Evolución da poboación da Laracha Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
7993 | 10 039 | 12 213 | 11 710 | 10 800 | 11 171 | 11 337 | 11 367 | 11 375 | 11 443 | |||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]Os restos de asentamentos humanos máis antigos conservados no concello son do período megalítico, como o túmulo do Cruceiro (Lendo), mámoa de Fofelle (Lestón), mámoa da Fraga (Lendo), túmulo funerario na Medorra (Coiro), túmulo das Medorras na Ferreira (Montemaior), túmulo megalítico O Forno dos Mouros en Silvoso (Soandres), Pedra Fita do Loureiro ou Pedra do Gicho (Erboedo), medorra do couto de Outeiro (Montemaior), túmulo de Carboeiro en Portela (Erboedo), A Medorra do Codeso en Vilariño (Montemaior) ou o Túmulo das Rebuceiras (Lemaio).
No lugar de Lendo apareceron dúas machetas da idade de bronce. Da cultura castrexa consérvanse 19 poboados castrexos: castro de San Román e castro de Riotorto (ou Os Castros, ou o Petón do Castro, os dous en Cabovilaño); castro da Medoña (Coiro); A Castreira (ou As Castreiras, en Erboedo); castro da Condesa (ou Bico do Castro, en Lemaio); castro de Lestón (ou Os Castros, ou Agra do Castro Lestón), castro de Erboedo (ou Os Castros, ou As Croas), castro do Retorno e castro de Fofelle (Lestón); castro da Pena ou O Petón (Montemaior); castro de Condesuso (ou O Castriño), castro de Santa Baia (ou Croa de Santa Baia), castro de Cerqueira (ou de Refoxo), castro de Revirente, O Castro (ou Os Castros) e castro de Santa Baia (Soandres); castro de Gabenlle (ou Castro das Croas, ou Os Castros, en Torás); castro de Montes Claros (ou Os Castros, no que apareceu numerosa cerámica) e castro Pequeno (ou castro das Motas, ou a Mota, en Vilaño).
Durante a romanización de Galicia construíronse diversas vías, pasando por aquí a Per Loca Marítima. En 1987 atopouse na igrexa de Vilaño un miliario da época do emperador Magnentio, a mediados do século IV. No mosteiro de Soandres había unha ara votiva (conservada na catedral de Santiago de Compostela) cunha inscrición sobre un antigo templo adicado a Hércules Xónico.
Na igrexa de Lemaio consérvanse uns capiteis prerrómanicos, usados como pía de auga bendita. A igrexa de Soandres ten a súa orixe nun cenobio beneditino, que aparece documentado a finais do século X. Segundo o historiador Carlos Martínez Pereira a finais do s. XIII e principios do XIV na parroquia de Lendo estableceuse unha encomenda da orde do Temple, da que quedan mostras na igrexa parroquial.
A familia Pardo das Mariñas dominou a xurisdición que ocupou boa parte do concello desde o século XIV. As Torres de Cillobre foron creadas como construción defensiva, sendo reconvertidas en casa señorial. Diego das Mariñas foi o primeiro Capitán xeneral do Reino de Galicia. Outros nobres que habitaron esta casa foron os Bolaño, Ribadeneira, Parragués, Soutomaior e Moscoso.
Economía
[editar | editar a fonte]O concello ten unha ampla base no sector agrario e forestal. Hai empresas industriais como Cerámica Campo ou Celsa. O Parque empresarial da Laracha está promovido pola sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico. Foi inaugurado en xaneiro de 2011. Ten unha superficie de 825.000 metros cadrados con acceso directo á autoestrada A Coruña-Arteixo-Carballo (AG-55).[2] En 2017 Inditex iniciou as obras para construír alí un dos seus centros loxísticos.
Irmandade
[editar | editar a fonte]A Laracha está irmandada dende abril de 2010 coa comuna de Olonne sur Mer, do distrito francés de Les Sables-d'Olonne, Países de Loira no departamento Vendée.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da Laracha.
-
Parte do muíño que está en Laracha
-
Igrexa de Soutullo
-
Praia de Caión
-
Torre de Cillobre
-
Santa María de Erboedo
-
Panel informativo sobre o concello
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares da Laracha
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Laracha vexa: Lugares da Laracha.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Nomenclátor - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2020. Consultado o 4 de maio de 2020.
- ↑ Parque Empresarial alaracha.gal
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Laracha |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]