Arco Ártabro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Golfo Ártabro»)
Arco Ártabro
Golfo Ártabro
'Portus Magnus Artabrorum'
Localización administrativa
EstadoGalicia Galicia
SubdivisiónA Coruña
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Atlántico
ContinenteEuropa
Xeografía
Subdivisiónsrías de Ferrol
ría de Betanzos-Ares
do Burgo
Afluentesrío Mero
río Mendo
río Mandeo
río Lambre
río Baxoi
río Eume
río Belelle
río Xuvia.
Cidades ribeiregasA Coruña
Ferrol
Características
Anchura máxima5.800 m
Mapa

Golfo Ártabro.

Bacía da Costa Ártabra

O Arco Ártabro ou Golfo Ártabro é a denominación que o xeógrafo Otero Pedrayo deu ao litoral formado polas rías de Ferrol, de Betanzos-Ares e da Coruña, que se corresponde co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Ten un ancho máximo de 5.800 m. e intérnase uns 5.600 m cara á desembocadura do río Mero na praia de Santa Cristina (Perillo, Oleiros) e forma parte das chamadas Rías Altas (ou Rías Medias, dependendo dos autores[1]).

Desde unha concepción máis ampla deste accidente xeográfico, tamén se considera que o Golfo Ártabro abrangue todo o entrante que fai o océano na costa entre o Cabo Prior, en Ferrol, e o Cabo de Santo Hadrián, en Malpica[2].

Ría de Ferrol.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Fragas do Eume.

Comprende os arciprestados de Ferrol, Xuvia, Bezoucos, Pruzos, Cerveiro, Xan Rozo, Abegondo e Faro.

Caracterízase pola súa apertura ao mar, a modo dun anfiteatro, pechado polos montes da Zapateira, O Xalo, Castromaior, Tieira, O Gato, Queixeiro, Capelada e Forgoselo, e abertas ás rías. Estas rías son de augas tranquilas e costa baixa no interior e grandes acantilados nos seus cabos.

No interior os vales dos ríos Mero, Mendo e Mandeo dividen o territorio. O val do Mero é de maior entidade, os outros dous mais estreitos e os vales dos ríos Lambre, Baxoi e o Eume.

A xeoloxía da comarca caracterízase por comporse de grandes franxas orientadas norte-sur alternando granitos e xistos, localizándose pequenos xacementos de estaño (Arteixo), volframio (Culleredo) e ouro (Covas e Carral) asociados aos granitos.

A parte sur do Arco Ártabro é unha comarca natural coñecida como As Mariñas Coruñesas,[3] dunha área xeográfica delimitada nitidamente pola morfoloxía do terreo. As terras das Mariñas Coruñesas, agás o concello da Coruña, xunto co concello de Sobrado forman a Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. As partes central e norte do Arco Ártabro corresponden coas terras centrais e meridionais de Ferrolterra.

Economía[editar | editar a fonte]

Destaca a súa pluralidade de recursos agropecuarios froito do clima e mais a calidade da terra. Este potencial permite unha intensa rotación. A outra das bases económicas da comarca constitúena as reservas pesqueiras e marisqueiras. Os recursos metalúrxicos carecen na maior parte dos casos de interese económico.

Historia[editar | editar a fonte]

Mapa de 1586 (o norte está abaixo).

Correspóndese co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Estrabón fala no libro III da súa Xeografía de que "os ártabros teñen moitas cidades situadas nun golfo que os navegantes chaman porto dos ártabros". Porén, hai quen interpreta que "porto" só pode designar unha poboación e que este texto debe referirse a unha cidade na que, posibelmente, os romanos pretenderon construír un porto moi grande, e que este plano se desbaratou debido ás guerras púnicas.

Consonte o que é típico na Galicia da Idade de Ferro existen restos arqueolóxicos que amosan unha gran concentración de pequenos núcleos de poboación indíxenas. Entre eles, os autores clásicos destacan Adobrica, Flavia Lambris ou Flavium Brigantium.

Polo xeral trátanse de castros de pequeno tamaño cunha media de superficie de pouco mais de 0,5 Ha. Entre eles consérvanse restos de castros de distintas tipoloxías: castros de interior e castros costeiros. En ambos os tipos predomina a existencia dun só recinto defensivo. Os de interior sitúanse en cotas de altitude media e con febles sistemas defensivos.

Como excepción existen algúns castros localizados en lugares elevados, nas cabeceiras dos vales cunha finalidade e estrutura defensiva mais definida.

Porta de acceso á croa do Castro de Elviña.

Os castros costeiros sitúanse en penínsulas e concentran as súas obras defensivas no istmo.

Entre os numerosos castros pódese falar do Castro de Elviña, Castro de Meirás, Castro de Nostián, Castro da Pastoriza, Castro de Castromaior ou Castro de Lobadiz.

Tamén se atoparon restos de villae romanas que foron obxecto de estudo: a Vila romana de Centroña, a Vila romana de Novelle, a Vila romana de Cambre ou entidades de poboación rurais máis pequenas coñecidas como vicus, como as atopadas en Carral, Callobre, Sosmelle, Fene...

A poboación indíxena quizais estivese composta por xentes diversas pero todas elas pertencentes ao pobo ártabro, asentado nun espazo definido e cunhas manifestacións culturais comúns (como así nolo fai saber a arqueoloxía cos achados cerámicos e de ourivaría).

Como debeu ocorrer na maioría dos lugares da actual Galicia o proceso de romanización desenvolveuse dun xeito pacífico, un proceso no que houbo un primeiro momento en que os romanos respectaron as estruturas sociais indíxenas, estruturas que co tempo foron adaptando e transformando para adecualas á propia estrutura do Imperio. Este proceso deu como resultado unha sociedade galaico-romana que protagonizou a última etapa da Cultura castrexa.

Mapa das rías do Burgo, Betanzos e Ferrol, 1767-8.
CÔTES
D ' E S P A G N E
PARTIE DE LA GALICE
depuis le CAP ORTEGAL jusqu'au CAP SILLEIRO, 1793.

O proceso de romanización da zona faise patente a través de moitas evidencias (cambios nos deseños urbanísticos, adopción de costumes e deuses romanos, uso de técnicas decorativas romanas...).

No eido da relixión produciuse unha asimilación entre o panteón oficial romano e as divindades indíxenas. As inscricións feitas nas aras votivas atopadas na zona son a fonte máis importante para o estudo deste proceso de asimilación da cultura romana. Na actual cidade da Coruña atopáronse aras dedicadas aos deuses Fortuna, Neptuno, Marte e Xúpiter, mentres no rural atopáronse catro aras todas elas dedicadas a Xúpiter. Preto da igrexa de Meirás atopouse a única ara con inscrición dedicada a un deus do panteón indíxena COSUS ADAVINIAGUS, sendo Cosus unha divindade guerreira asimilable ao deus Marte. A onomástica que aparece nelas tamén serve como medidor do grao de romanización das comunidades indíxenas. En comparación con outras zonas rurais do noroeste peninsular a onomástica indíxena ten moi pouca presenza en detrimento dos nomes romanizados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxanse estes artigos para aclaracións sobre a nomenclatura
  2. "O Porto e os seus servizos. Faros. Faros. Torre de Hércules". www.puertocoruna.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 2019-09-13. 
  3. Turismo de Galicia (ed.). "A Coruña e As Mariñas". Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2021. Consultado o 1 de outubro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Naveiro López, Juan L. El Golfo Ártabro. Arqueología e historia del gran puerto de los Galaicos Lucenses. Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña. (1994).ISBN 84-604-8835-7

Outros artigos[editar | editar a fonte]