Pataca de Galicia
A pataca de Galicia é unha indicación xeográfica con denominación de orixe protexida creada para destaca-la excelencia da pataca obtida en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre con tódolos requisitos esixidos no mesmo.
O tubérculo definido como Pataca de Galicia correspóndese coa especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada 'Kennebec', destinada ao consumo humano.[1] Esta denominación de orixe abrangue unhas superficie agrícola situada anualmente en torno ás 1.500 a 1.800 hectáreas de cultivo.
O terceiro domingo do mes de setembro, celébrase a festa da pataca no concello coruñés de Coristanco.
Índice |
Evolución normativa [editar]
- Orde de 5 de abril de 1989: Recoñecemento da Denominación Produto Galego de Calidade e nomeamento do seu órgano reitor.
- Orde de 19 de setembro de 1989: Aprobación do regulamento da Denominación.
- 12 de abril de 1996: Solicitude da Denominación Específica.
- Orde de 19 de setembro de 1996: Recoñecemento da Denominación de Orixe Específica e nomeamento do seu consello regulador.
- Orde de 24 de xuño de 1998: Aprobación do Regulamento da Denominación Específica.
- Orde de 29 de outubro de 2001 (DOG do 9 de novembro): Aprobación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida e do seu Consello Regulador.
- Orde de 24 de abril de 2002 (BOE nº 113 do 11 de maio) do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, APA/1046/2002: Ratificación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.
- Regulamento (CE) nº 148/2007 da comisión o 15 de febreiro de 2007: Pola que se inclúe no rexistro de Indicacións Xeográficas Protexidas a Pataca de Galicia (IXP).[2]
A pataca [editar]
A variedade Kennebec ten un tamaño de entre 40 e 80 milímetros, a súa pel e de cor amarela, o tubérculo é de cor branca e de tacto fino, cremoso no padal e de textura firme. Trala súa cocción mantén o seu recendo e senlleiro sabor. Cultívase de xeito tradicional, é constitúe a única pataca amparada por esta denominación na Unión Europea, o que lle permite amosar a súa trazabilidade e orixe ao longo do territorio comunitario.[1]
Malia poder vexetar en climas moi diferentes, podéndose cultivar a distintas latitudes e altitudes, a pataca atopa en Galicia a súa zona óptima de cultivo.
A pataca galega destaca pola súa resistencia, fortaleza e considerable adaptación. Trátase dun cultivo axeitado para zonas preferentemente tépedas, cunha temperatura de crecemento que se atope entre os 6 ºC e 8 ºC como mínimo e entre 14 ºC e 18 ºC como óptima, isotermos estes de común distribución en case todo o territorio galego.[3]
Segundo o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño:
Desde 1996 existe en Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia [4], que ampara a producida nas zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense). A produción amparada por esta Denominación ascende progresivamente desde as 4.000 toneladas do ano 2000 ata as 7.004 toneladas colleitadas en 2008 [5], cun valor superior ó millón e medio de euros[6].
Zona xeográfica [editar]
A área de produción e envasado do produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida abrangue catro subzonas da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo ámbito territorial é o seguinte:
- Subzona de Bergantiños (provincia da Coruña): formada polos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica e Ponteceso.
- Subzona da Terra Chá-A Mariña (provincia de Lugo): formada pola totalidade dos concellos de Abadín, Alfoz, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro, Vilalba e Xermade.
- Subzona de Lemos (provincia de Lugo): constituída polos concellos de Monforte, Pantón e O Saviñao.
- Subzona da Limia (provincia de Ourense): composta pola totalidade dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia; as parroquias de Coedo e Torneiros do concello de Allariz; as de Atás, Cualedro, Lucenza, Vilela e A Xironda do concello de Cualedro; as de Bóveda, Padreda, Seiró e Vilar de Barrio pertencentes ó concello de Vilar de Barrio, e as de A Abeleda, Bobadela a Pinta, A Graña e Sobradelo, do concello de Xunqueira de Ambía.
Consello Regulador [editar]
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Pataca de Galicia foi recoñecido por Orde 15 de abril de 1989 (D.O.G. nº 108 de 7 de xuño de 1989)[7] pola Consellería de Agricultura e Pesca da Xunta de Galicia, pola que se aprobou o Regulamento da Denominación de Orixe e mailo seu Consello Regulador como organismo certificador do produto, cuxos obxectivos son protexer e certificar a calidade da pataca producida nos seus ámbitos protexidos, ademais de promover, xestionar e implementar a difusión da Pataca de Galicia recoñecida pola súa orixe e calidade.
A actividade deste organismo consiste en garantir a orixe e maila calidade da Pataca de Galicia. Esta tarefa realízase comprobando e verificando a procedencia das patacas, as condicións de traballo dos procesos de cultivo e almacenamento, así como as especificacións ou características do produto final e as condicións de envasado.
Notas [editar]
- ↑ 1,0 1,1 Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño
- ↑ Evolución normativa
- ↑ A Pataca de Galicia en Finisterra.com
- ↑ Orde do 19 de setembro de 1996 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se recoñece a denominación específica Pataca de Galicia (DOG 7.10.1996).
- ↑ Estas 7.000 toneladas refírense á pataca comercializada baixo a denominación de orixe, que é menos da metade da produción controlada: 14.968 toneladas.
- ↑ Información xeográfica protexida: Pataca de Galicia
- ↑ Consello Regulador da Denominación de Orixe Pataca de Galicia
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||