Epiderme (plantas)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre a epiderme dos vexetais, para a epiderme humana véxase epiderme.
Imaxe microscópica da epiderme dunha folla da dicotiledónea Arabidopsis thaliana, con células que presentan un contorno moi característico.

A epiderme vexetal é o tecido protector vivo que recobre a superficie de toda a planta antes de que iniciase o crecemento secundario. Soamente se considera que falta a epiderme na caliptra da raíz e nos meristemas apicais. Á parte da súa función protectora tamén actúa mecanicamente, contribuíndo en parte ao sostén, debido á compactabilidade das súas células. O seu precursor meristemático é a protoderme do meristema apical caulinar na plántula, e nas raíces, do meristema apical radical. [1]

É una capa impermeable e grosa, e normalmente está formada por unha soa capa heteroxénea de células aplanadas, que ten a función de protexer as células interiores, limitar a transpiración, segregar algunhas substancias, almacenar outras, e facilitar o intercambio de gases co medio ambiente. A epiderme consérvase naquelas plantas que teñen órganos unicamente con crecemento primario, en cambio nos órganos con crecemento secundario a epiderme queda destruída durante a formación da periderme.

As súas células están recubertas por unha cutícula formada por cutina, microfibrilas de polisacáridos e ceras. Esta capa restrinxe tanto a transpiración coma a entrada de dióxido de carbono, que se realiza polos estomas, que regulan esta actividade.

Descrición[editar | editar a fonte]

A epiderme é a capa de células máis externa do corpo primario da planta, conforma o sistema de tecido dérmico das follas, talos, raíces, flores, froitos e sementes; é usualmente transparente (as células epidérmicas non posúen cloroplastos, agás as células oclusivas dos estomas). As células da epiderme son variables funcional e estruturalmente. A maioría das plantas ten unha epiderme dunha soa célula de espesor. Outras plantas, como Ficus elastica e Peperomia, as cales teñen división celular periclinal dentro do protodermo das follas, teñen unha epiderme de varias células de espesor. As células epidérmicas están estreitamente unidas entre si e danlle á planta forza mecánica e protección. As paredes das células epidérmicas das partes aéreas da planta están cubertas por unha cutícula, que contén cutina. A cutícula reduce a perda de auga cara á atmosfera, e encóntrase ás veces cuberta por ceras. As capas grosas de cera danlle á planta un aspecto brillante. A cera superficial actúa como unha barreira contra a humidade e protexe á planta da irradiación solar intensa e do vento. [2] A cara inferior (envés) de moitas follas pode ter unha cutícula máis delgada ca a da cara superior, e as follas de plantas de climas secos usualmente teñen cutículas engrosadas para conservaren a auga e reduciren a transpiración.

Diagrama da anatomía interna dunha folla.

O tecido epidérmico inclúe varios tipos de células diferenciadas: células epidérmicas, oclusivas, anexas, e pelos epidérmicos (tricomas). As células epidérmicas son as máis numerosas, máis grandes e menos especializadas. Son polo xeral máis alongadas en follas de monocotiledóneas ca nas de dicotiledóneas.

Diagrama da anatomía dunha folla.

Os tricomas ou pelos medran cara a afora desde a epiderme en moitas especies. Na epiderme radical, os pelos epidérmicos chamados pelos radicais son moi comúns e especialízanse na absorción de auga e nutrientes minerais.

Naquelas plantas con crecemento secundario, as raíces da epiderme e os talos son normalmente substituídos por unha periderme orixinada pola acción do felóxeno.

Elementos da epiderme[editar | editar a fonte]

Células epidérmicas[editar | editar a fonte]

Son células alongadas ou isodiamétricas, e en corte transversal, rectangulares ou elípticas, pero polo xeral a forma depende do órgano en que se encontren. Son xeralmente vivas e semellantes polo seu contido ás células parenquimáticas, xa que posúen gran cantidade de vacúolos e os órganos normais de toda célula vextal, pero carecen de cloroplastos, excepto nalgunhas plantas acuáticas.

Xeralmente só teñen parede primaria, con algunhas excepcións en sementes. As paredes celulares epidérmicas poden variar en grosor segundo as distintas especies e tamén nunha mesma planta segundo as condicións ambientais do órgano estudado. Xeralmente a parede exterior é a máis grosa, e nalgúns casos pode mesmo lignificarse. Xeralmente hai plasmodesmos nas paredes interiores e anticlinais, e tamén os pode haber na parede externa; estes últimos chámanse ectodesmos, polos cales sae a cutina, ceras, resinas, etc.

Células dos estomas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Estoma.
Estomas nunha folla de tomate.
Tricomas na epiderme de Nicotiana alata.

A epiderme do talo está inzado duns poros chamados estomas, que son partes do complexo do estoma formado por unha abertura (ostíolo) rodeado por unhas células especiais chamadas células oclusivas do estoma (con cloroplastos) e células accesorias que as acompañan (sen cloroplastos). Polos estomas realízase o intercambio de gases necesario para a respiración celular e fotosíntese e a transpiración de vapor de auga entre o exterior e o interior da folla. Os estomas son máis numerosos no envés da folla (cara inferior ou abaxial), excepto nas plantas con follas flotantes, nas que todos os estomas están na cara superior (adaxial) da folla, e ás veces nas herbas poáceas, que teñen as follas en vertical con igual número de estomas en cada cara.

Os estomas están delimitados por dúas células oclusivas, que se diferencian das células epidérmicas nos seguintes aspectos:

  • As células oclusivas teñen forma de feixón ou ril, e as epidérmicas teñen formas máis irregulares.
  • As células oclusivas conteñen cloroplastos, polo que poden facer a fotosíntese. As células epidérmicas normalmente non teñen cloroplastos.
  • As células oclusivas son as únicas células epidérmicas que poden fabricar azucres. Segundo unha teoría, nas células oclusivas nas horas de luz aumenta a concentración de ións K+ e de azucres, e como consecuencia disto entra auga por osmose na célula, que incha e se pon turxente. Como as células oclusivas teñen unha parede celular máis grosa arredor do poro do estoma, a turxencia fai que se curven e abran o poro do estoma. Pola noite, ocorre o contrario e pechan os estomas.

Tricomas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tricoma.

Os tricomas son excecrencias de orixe epidérmica, moi variables en forma e estrutura, e poden desempeñar funcións de protección, absorción ou secreción. Encóntranse en follas, talos, flores, froitos e sementes. Poden ser pelos simples, escuamiformes, estrelados, etc., ou glándulas secretoras de néctar, encimas (como é o caso das plantas carnívoras), terpenos, alcaloides, etc.

Pelos absorbentes[editar | editar a fonte]

Os pelos absorbentes ou pelos radicais son prologacións tubulosas dalgunhas das células epidérmicas da zona pilífera da raíz (rizoderme). Son unicelulares, moi longos (ata 8 mm) e tenues, con contido celular vivo no estado funcional, moi vacuolizados e con paredes celulares moi finas, con moi pouca cutícula. O núcleo ocupa habitualmente a extremidade do pelo.

Os pelos absorbentes teñen como función absorber a auga do chan e as substancias disolvidas nela. Non todas as plantas os posúen (por exemplo, aguacate).

Emerxencias[editar | editar a fonte]

Son células superficiais de maior tamaño ca as células epidérmicas típicas, formadas por estratos epidérmicos e subepidérmicos, como no caso das espiñas da rosa.

Epiderme en dicotiledóneas[editar | editar a fonte]

Nas dicotiledóneas as células epidérmicas de ambas as epidermes, superior e inferior, son de forma poligonal coas paredes anticlinais xeralmente sinuosas (irregulares, con profundos pregamentos), son células vivas, incoloras, con presenza ou ausencia de pelos.

A epidermis superior (da cara da folla) é continua, sen estomas; entanto que a epiderme inferior (do envés da folla) se ve interrompida polos estomas, que presentan dúas células oclusivas con forma de ril. Os estomas e as células epidérmicas distribúense de maneira desordenada.

Epiderme en monocotiledóneas[editar | editar a fonte]

As células epidérmicas nas monocotiledóneas son relativamente alongadas, poligonais ou rectangulares, e vistas desde a superficie, están dispostas de maneira ordenada, ao igual que a disposición dos estomas.

Os estomas das monocotiledóneas son iguais aos das dicotiledóneas, agás algunhas excepcións como as familias das ciperáceas e gramíneas, as cales presentan varios tipos de células, ademais das epidérmicas:

  • Células longas: rectangulares coas beiras onduladas (vistas desde a superficie).
  • Células curtas: poden ser suberosas ou silicosas. As suberosas presentan as paredes impregnadas con suberina, e as silicosas conteñen sílice.
  • Células buliformes: posúen parede delgada, e son cuadrangulares e teñen forma de pinga en corte transversal. A súa función é enrolar e desenrolar a folla cos cambios de turxencia producidos polo maior ou menor contido de auga.

Epiderme en ximnospermas[editar | editar a fonte]

As ximnospermas presentan células epidérmicas ordenadas, e os estomas (xeralmente cubertos por ceras e ás veces entupidos) dispóñense en ringleiras paralelas, en ocasións formando bandas estomáticas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Botánica. Morfología de las plantas superiores. (1a ed. 20a reimp. ed.). 2007. pp. 352. ISBN 950-504-378-3. 
  2. Raven, Peter H.; Evert, Ray F.; Curtis, Helena (1981). Biology of plants. New York, N.Y.: Worth Publishers. pp. 427–28. ISBN 0879011327. OCLC 222047616. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]