Mahatma Gandhi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Mahatma Gandhi
Mahatma Gandhi
Mohandas Karamchand Gandhi
Nacemento: 2 de outubro de 1869
Porbandar (Guxarat)
Falecemento: 30 de xaneiro de 1948 (78 anos)
Nova Deli
Nacionalidade: India
Cónxuxe(s): Kasturba Gandhi
Sinatura: Gandhi signature.svg
Fillo(s): Harilal

Manilal
Ramdas
Devdas

Mohandas Karamchand Gandhi (en guxarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanagari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Guxarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do Satyagraha (principio da non agresión, forma non violenta de protesta) como un medio de revolución.

Gandhi axudou a liberar a India do goberno británico, inspirando a outros pobos coloniais a traballar polas súas propias independencias e en última análise para o desmantelamento do Imperio Británico e a súa substitución pola Comunidade Británica (Commonwealth). O principio do satyagraha, frecuentemente traducido como "o camiño da verdade" ou "a busca da verdade", tamén inspirou xeracións de activistas democráticos e antirracistas, incluíndo Martin Luther King e Nelson Mandela. Frecuentemente Gandhi afirmaba a simplicidade dos seus valores, derivados da crenza tradicional hindú: verdade (satya) e non violencia (ahimsa).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xuventude[editar | editar a fonte]

Mohandas Gandhi era fillo de Karamchand Gandhi, o dewan (ministro xefe) de Porbandar, e Putliba (cuarta esposa de Karamchand). Eran descendentes de mercadores (a palabra gandhi quere dicir vendedor, de mercerias e alimentos). Aos 13 anos Mohandas casou con Kasturba, da mesma idade, nunha unión previamente acordada entre as familias dos noivos. O matrimonio tivo catro fillos, todos nenos: Harlal Gandhi (1888), Manilal Gandhi (1892), Ramdas Gandhi (1897) e Devdas Gandhi (1900). Aos 19 anos a familia de Mohandas enviouno a estudar Dereito na Universidade de Londres. Despois de se formar, pasou a traballar como avogado en Durban, África do Sur (1893). Neste período, despois dun accidente que sofreu nun tren en Pietermaritzburg (Gandhi viaxaba na primeira clase e solicitáronlle que pasase para a terceira: ao recusar o cambio, botárono fóra do tren), comezou tamén a súa traxectoria política avogando contra as leis discriminatorias entón vixentes. Fundou o Congreso Indio de Natal. Participou no bando británico na guerra anglo-bóer, para a que formou un corpo auxiliar indio de servizos médicos. Trala guerra fundou o xornal Indian Opinion, onde comezaba a predicar a austeridade, a resistencia pasiva e a non violencia activa. Durante un breve período de tempo viviu en Xohanesburgo como avogado.

Gandhi e a súa esposa Kasturba (1902).

Foi un dos promotores da folga contra da lei que lles prohibía aos indios entrar no Transvaal. Gandhi foi detido o 6 de novembro de 1913 mentres lideraba unha marcha de mineiros indios que traballaban na África do Sur, pero conseguiu que entrase en vigor unha lei que eximía os indios de pagaren os impostos especiais que ata entón estaban obrigados a pagar e que lles permitía instalarse no Transvaal e en KwaZulu-Natal. Gandhi inspirábase no Bhagavad Gita e nos textos de Leon Tolstoi, que na década de 1880 emprendeu unha profunda conversión persoal para un tipo de anarquismo cristián. Gandhi traduciu a obra de Tolstoi Carta para un hindú[1] escrita en 1908 en resposta aos agresivos nacionalistas indios, o que levou a Gandhi e Tolstoi a se corresponderen ata a morte do ruso no 1910. A carta de Tolstoi usa a filosofía hindú presente nos Vedas e nos relatos do deus hindú Krishna para presentar o seu punto de vista respecto ao crecemento do nacionalismo indio.

En 1914, durante a I Guerra Mundial, Gandhi retornou á India, onde participou na campaña polo alistamento de indios no Exército Británico da India.

Movemento pola independencia india[editar | editar a fonte]

Despois da guerra, Gandhi envolveuse no Congreso Nacional Indio e no movemento pola independencia. Gañou notoriedade internacional pola súa política de desobediencia civil e polo uso do xexún como forma de protesta. Por eses motivos as autoridades inglesas decretaron a súa prisión varias veces, que foron seguidas por protestas pedindo a súa liberación (por exemplo, o 18 de marzo de 1922, cando foi sentenciado a seis anos de prisión por desobediencia civil, mais cumpriu apenas dous anos).

Outra estratexia eficiente de Gandhi pola independencia foi a política do swadeshi -o boicot a todos os produtos importados-, especialmente os producidos en Inglaterra. Unida a isto estaba a súa proposta de que todos os indios deberían vestir o khadi -vestimentas caseiras- en vez de comprar produtos téxtiles británicos. Gandhi declaraba que toda muller india, rica ou pobre, debería empregar parte do seu día fabricando o khadi en apoio ao movemento de independencia. Esta era unha estratexia para incluír as mulleres no movemento, nun período en que se pensaba que tales actividades non eran apropiadas ás mulleres.

Gandhi, canda os seus seguidores, durante a marcha do sal (1930)

A súa posición pro-independencia endureceuse despois da Masacre de Amritsar en 1920, cando soldados británicos abriron fogo matando centos de indios que protestaban pacificamente contra medidas autoritarias do goberno británico e contra a prisión de líderes nacionalistas indios.

Unha das súas accións máis eficaces foi a marcha do sal, coñecida como Marcha Dandi, que comezou o 12 de marzo de 1930 e terminou o 5 de abril, cando Gandhi levou millares de persoas ao mar co fin de colleitaren o seu propio sal en vez de pagar a taxa prevista sobre o sal comprado.

En 8 de maio de 1933, Gandhi comezou un xexún que duraría 21 días en protesta á "opresión" británica contra a India. En Bombai, o día 3 de marzo de 1939, Gandhi xexuou novamente en protesta contra as regras autoritarias e autocráticas para a India.

Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Gandhi comezou a pedir cada vez máis insistentemente a independencia durante a II Guerra Mundial, a través dunha campaña clamando pola saída dos británicos da India (Quit India, literalmente Saian da India), que se tornou en pouco tempo o maior movemento pola independencia, ocasionando detencións en masa e violencia nunha escala inédita. Gandhi e os seus partidarios deixaron claro que non apoiarían a causa británica na guerra, a non ser que fose garantida á India a independencia inmediata. Durante este tempo, el ata mesmo aceptou un fin do seu chamamento á non violencia, doutra forma un principio intocábel, alegando que a "anarquía ordenada" ao redor del era "peor do que a anarquía real". Foi entón preso en Bombai polas forzas británicas o 9 de agosto de 1942 e mantido no cárcere por dous anos.

División da India[editar | editar a fonte]

Gandhi tivo grande influencia entre as comunidades hindú e musulmá da India. Adóitase dicir que el terminaba liortas comunais só coa súa presenza. Gandhi posicionouse vehementemente contra calquera plan que dividise a India en dous estados, o que efectivamente aconteceu, creando a India -predominantemente hindú- e o Paquistán -predominantemente musulmán-. No día da transferencia de poder, Gandhi non celebrou a independencia co resto da India senón que, ao contrario, lamentou só a división do país en Calcuta.

Gandhi iniciara un xexún o 13 de xaneiro de 1948 en protesta contra a violencia cometida por indios e paquistanís. No día 20 daquel mes, sofreu un atentado: unha bomba foi lanzada na súa dirección, mais ninguén foi ferido. Non obstante, o dia 30 de xaneiro de 1948, Gandhi foi asasinado a tiros, en Nova Delhi, por Nathuron Godse, un hindú radical que responsabilizaba a Gandhi polo enfraquecemento do novo goberno ao insistir no pagamento de certas débedas ao Paquistán. Godse foi despois xulgado, condenado e enforcado, a pesar de que o último rogo de Gandhi fose precisamente que non se castigase ao seu asasino.

O corpo do Mahatma foi cremado e as súas cinzas botadas no río Ganxes.

É significativo sobre a longa busca de Gandhi polo seu deus o feito de que as súas últimas palabras foron un mantra popular na concepción hindú dun deus coñecido como Rama: "Hai Ram!". Este mantra é visto como un sinal de inspiración tanto para o espírito canto para o idealismo político, relacionado a unha posibilidade de paz na unificación.

Principios[editar | editar a fonte]

A filosofía de Gandhi e as súas ideas sobre o satya e o ahimsa foron influenciadas polo Bhagavad Gita e por crenzas hindús e da relixión xainista. O concepto de 'non violencia' (ahimsa) permaneceu por moito tempo no pensamento relixioso da India e pode ser encontrado en diversas pasaxes de textos hindús, budistas e xainistas. Gandhi explica a súa filosofía como un xeito de vida na súa autobiografía A Historia dos meus experimentos coa Verdade (The Story of my Experiments with Truth).

Estritamente vexetariano, escribiu libros sobre o vexetarianismo mentres estudaba dereito en Londres (onde atopou un entusiasta do vexetarianismo, Henry Salt, nos encontros da chamada Sociedade Vexetariana). Ser vexetariano formaba parte das tradicións hindús e xainistas. A maioría dos hindús no estado de Guxarat érano, efectivamente. Gandhi experimentou diversos tipos de alimentación e concluíu que unha dieta debe ser ser suficiente para satisfacer as necesidades do corpo humano. Xexuaba moito, e usaba o xexún frecuentemente como estratexia política.

Gandhi fiando, foto de 1946

Gandhi renunciou ao sexo cando tiña 36 anos de idade e aínda estaba casado, unha decisión que foi profundamente influenciada pola crenza hindú do brachmacharya, ou pureza espiritual e práctica, directamente asociada ao celibato. Tamén pasaba un día da semana en silencio. Absterse de falar, segundo dicía, traíalle a paz interior. O silencio tiña orixes nas crenzas do mouna e do shanti. Neses dias el comunicábase cos demais só escribindo.

Despois de retornar á India tras exercer como avogado na África do Sur, el deixou de usar as roupas que representaban riqueza e éxito. Pasou a usar un tipo de roupa que acostumaba ser usada polos máis pobres entre os indios. Promovía o uso de roupas feitas na casa (khadi). Gandhi e os seus seguidores fabricaban artesanalmente os tecidos da propia roupa e usaban eses tecidos na súas vestiduras; tamén incentivaba os outros a faceren iso, o que representaba unha ameaza ao negocio Británico. A pesar de que os indios estivesen desempregados, en gran parte pola decadencia da industria téxtil, eran forzados a comprar roupas feitas en industrias inglesas. Se os indios fixesen as súas propias roupas, iso arruinaría a industria téxtil Británica. O tear manual, símbolo dese acto de afirmación, remataría sendo incorporado á bandeira do Congreso Nacional Indio e á propia bandeira india.

Tamén estaba contra o sistema convencional de educación en escolas, preferindo crer que os cativos aprenderían máis con seus pais e coa sociedade. Na África do Sur, Gandhi e outros homes máis vellos formaron un grupo de profesores que lles ensinaba directa e libremente aos meniños.

Representacións artísticas[editar | editar a fonte]

A representación máis famosa da vida de Gandhi é o filme Gandhi, de 1982, dirixido por Richard Attenborough e con Ben Kingsley como protagonista. Outro filme que trata da vida de Gandhi, particularmente do seu paso pola África do Sur, é The Making of the Mahatma, dirixido por Shyan Benegal.

Candidaturas para o Premio Nobel da Paz[editar | editar a fonte]

Gandhi nunca recibiu o premio Nobel da Paz, a pesar de ter sido proposto como candidato cinco veces entre 1937 e 1948. Décadas despois o erro foi recoñecido polo comité organizador do Nobel. Cando o Dalai Lama Tenzin Gyatso recibiu o premio en 1989, o presidente do comité dixo que o premio era "en parte un tributo á memoria de Mahatma Gandhi".

O site oficial do premio Nobel ten un artigo sobre iso [1].

Ao longo de súa vida, as actividades de Gandhi atraeron todo tipo de comentarios e opinións. Por exemplo, Winston Churchill chegou a chamalo "faquir marrón" [Cómpre referencia]. Por outro lado, Albert Einstein dixo sobre Gandhi que as xeracións por vir terán dificultade en crer que un home como este realmente existiu e camiñou sobre a Terra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Letter to a Hindú, de Lev Tolstoi (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mahatma Gandhi
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Mahatma Gandhi

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GANDHI, Mohandas Karamchand. A miña vida e as miñas experiencias coa verdade. Río de xaneiro : O Cruceiro, 1968.
  • GANDHI, Mohandas Karamchand. Autobiografía : miña vida e miñas experiencias coa verdade. São Paulo : Palas Athena, 1999
  • GANDHI, Mohandas Karamchand. A roca e o pensar calmo . São Paulo : Palas Athena, 1991
  • GANDHI, Mohandas Karamchand. As palabras de Gandhi. Río de Xaneiro : Record, 1984?
  • ROHDEN, Huberto. Mahatma Gandhi : ideas e ideais dun politico mistico. São Paulo : Alvorada, 1988
  • RÜHE, Peter. Gandhi. ISBN 0-7148-9279-3

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]