Martin Luther King
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Martin Luther King Jr., nado o 15 de xaneiro de 1929 en Atlanta, Xeorxia, e asasinado o 4 de abril de 1968 en Memphis, Tennessee, foi un pastor evanxélico e activista político estadounidense. Pertencente á Igrexa Batista, tornouse un dos máis importantes líderes activistas polos dereitos cívicos e do movemento negro nos Estados Unidos e no mundo, a través dunha campaña de non-violencia e de amor para co próximo. Recibiu o Premio Nobel da Paz en 1964.
Índice |
[editar] Biografía
Nado en Atlanta, fillo de Martin Luther King e Alberta Williams King, graduouse no Morehouse College, en 1948, e doutorouse no Seminario Teolóxico Crozer, en 1951. En 1955 obtivo un postdoutorado na Universidade de Boston.
King convertiuse en pastor en 1954, en Montgomery, Alabama. Coliderou o boicot aos buses naquela cidade en 1955, que comezou coa negativa de Rosa Parks de ceder o seu sitio a un branco. El foi preso durante a campaña, que se pechou coa decisión da Suprema Corte Americana en tornar ilegal a segregación nos autobuses locais.
Despois desa batalla, Martin Luther King participou na fundación da Conferencia de Lideranza Cristá do Sur, en 1957. A CLCS debería organizar o activismo en torno da cuestión dos dereitos civis. King mantívose á frente da CLCS ata súa morte, o que foi criticado polo máis democrático e máis radical Comité Non-Violento de Coordinación Estudantil (CNVCE, ou en inglés, SNCC, Student Nonviolent Coordinating Committee). O CLCS estaba composto principalmente por comunidades negras ligadas a igrexas Batistas. King era seguidor das ideas de desobediencia civil non-violenta preconizadas por Mahatma Gandhi, e aplicaba esas ideas nas protestas organizados polo CLCS. King acertadamente preveu que as manifestacións organizadas e non-violentas contra o sistema de segregación predominante no sur dos EUA, atacadas de modo violento por autoridades racistas e con ampla cobertura dos medios, irían crear unha opinión pública favorable ao cumprimento dos dereitos civís; e esa foi a acción fundamental que fixo do debate acerca dos dereitos civis o principal asunto político nos EUA a partir do comezo da década de 1960.
El organizou e liderou marchas para conseguir o dereito ao voto, a fin da segregación, a fin das discriminacións no traballo e outros dereitos civís básicos. A maior parte destes dereitos foi, máis tarde, agregada á lei estadounidense coa aprobación da Lei de Dereitos Civís (1964) e da Lei de Dereitos Electorais (1965).
King e o CLCS escolleron con grande acerto os principios de protesta non-violenta, aínda que como medio de provocar e irritar as autoridades racistas dos lugares onde se daban as protestas -invariabelmente estas últimas actuaban de forma violenta. O CLCS tamén participou nas protestas en Alabany (1961-62), que non tiveron éxito debido a divisións no seo da comunidade negra e tamén pola reacción prudente das autoridades locais; a seguir participou nas protestas en Birminghan (1963) e na protesta en St. Augustine (1964). King, o CLCS e o CNVCE uniron forzas en decembro de 1964, na protesta na cidade de Selma.
O 14 de outubro de 1964 King convertiuse na persoa máis nova en recibir o Nobel da Paz, que lle foi outorgado en recoñecemento á súa lideranza na resistencia non-violenta e pola fin da discriminación racial nos Estados Unidos.
Coa colaboración parcial do CNVCE, King e o CLCS tentaron organizar unha marcha desde Selma ata a capital do Alabama, Montgomery, prevista para o día 25 de marzo de 1965. Xa houbera dúas tentativas de promover esta marcha, a primeira o 7 de marzo e a segunda o 9 de marzo.
- Na primeira, marcharon 525 persoas durante apenas 6 bloques; a intervención violenta da policía interrompeu a marcha. As imaxes da violencia foron transmitidas a todo o país, e o día gañou o apelido de Domingo Sanguento. King non participou desta marcha: encontrábase en negociacións co presidente estadounidense, e non dera a súa aprobación para unha marcha tan precoz.
- A segunda marcha foi interrompida por King nas proximidades da ponte Pettus, nos arredores de Selma, unha acción que parece ter sido negociada anticipadamente con líderes das cidades seguintes. Este acto causou sorpresa e indignación de moitos activistas locais.
- A marcha finalmente completouse na terceira tentativa (25 de marzo de 1965), co permisi e apoio do presidente Lyndon B. Johnson. Foi durante esta marcha cando Stokely Carmichael (futuro líder dos Panteras Negras) creou a expresión "Black Power".
Antes, en 1963, King fora un dos organizadores da marcha en Washington, que inicialmente debería ser unha marcha de protesta, mais despois de discusións co entón presidente John F. Kennedy, acabou tornándose case nunha celebración das conquistas do movemento negro (e do goberno) - o que irritou bastante a activistas máis radicais e menos inxenuos.
A partir de 1965 o líder negro pasou a dubidar das intencións estadounidenses na Guerra do Vietnam. En febreiro e novamente en abril de 1967, King fixo serias críticas ao papel que os EUA desempañaban na guerra. En 1968 King e o SCLC organizaron unha campaña por xustiza socio-económica, contra a pobreza (a Campaña dos Pobres), que tiña por obxectivo principal garantir axuda para as comunidades máis pobres do país.
Tamén debe ser destacado o impacto que King tivo nos espectáculos de entretemento popular. Conversou coa actriz negra da serie Star Trek orixinal, Nichelle Nichols, cando ela ameazaba saír do programa. Nichelle consideraba que o papel non estaba axudando en nada a súa carreira e que o estudio a trataba mal, mais King convenceuna de que era importante para os negros ter un representante nun dos programas máis populares da televisión.
Martin Luther King era odiado por moitos segregacionistas do sur, o que culminou no seu asasinato no día 4 de abril de 1968, momentos antes dunha marcha, nun hotel da cidade de Memphis. James Earl Ray confesou o asasinato, e anos despois repudiou a súa confesión. A viúva de King, Coretta Scott King, xunto co resto da familia do líder, gañou un proceso civil contra Loyd Jowers, un home que armou un escándalo ao dicir que lle ofreceran 100.000 dólares polo asasinato de King.
Desde a súa morte, a reputación de King creceu tanto que chegou a converterse nun dos máis reverenciados na historia estadounidense, chegando a ser considerado como o equivalente a Abraham Lincoln do século XX. Os defensores desta comparación din que ambos foron líderes de grandes avances na adquisición de dereitos humanos - contra grandes dificultades - e ambos tiveron a mesma fin, asasinados pola causa que defenderon.
Existen diversos escritos e discursos de Martin Luther King, froito da súa longa experiencia como orador. A súa Carta da Prisión de Birmingham, escrita en 1963, é unha descrición apaixonada da súa cruzada pola xustiza.
En 1986 foi establecido un feriado nacional nos EUA para homenaxear a Martin Luther King, o chamado Día de Martin Luther King - sempre no terceiro luns de xaneiro, data próxima ao aniversario de King. En 1993, pola primeira vez, o festivo cumpriuse en todos os estados do país.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía e referencias
- GARROW XR., David. The FBI and Martin Luther King. New York : Penguin Books, 1981. ISBN 0-14-006486-9
- BENNETT, Lerone. What manner of man; : a biography of Martin Luther King, Jr. New York : Pocket Books, 1968
- BRANCH, Taylor. Parting the waters : America in the King years. New York : Simon and Schuster, 1989
[editar] Ligazóns externas