John Ruskin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
John Ruskin
John Ruskin
Retrato de John Ruskin.
Nacemento: 1819
Londres
Falecemento: 1900
Brantwood
Nacionalidade: británico
Ocupación: escritor, crítico de arte, sociólogo

John Ruskin, nado en Londres o 8 de febreiro de 1819 e finado en Brantwood o 20 de xaneiro de 1900, foi un escritor, crítico de arte e sociólogo británico, un dos grandes mestres da prosa inglesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun rico comerciante, viaxou moito por Europa durante a súa mocidade e co seu traballo exerceu enorme influencia nos gustos dos intelectuais vitorianos. Entre as súas amizades persoais, estaba a familia de Robert Baden-Powell, a quen ensinou e viu crecer.

En 1837 ingresou en Oxford, gañou (en 1839) un importante premio co seu poema Salsette and Elephanta e graduouse en 1842. En 1843 apareceu o primeiro volume de Modern Painters, by a Graduate of Oxford, no que Ruskin sostiña a superioridade dos paisaxistas modernos sobre os vellos mestres. Sucesivos volumes dilataron o tema até converter a obra nun amplo tratado acerca dos principios que debían constituír os fundamentos da arte, o que contribuíu a consolidar o seu prestixio como esteta e crítico de arte. En tanto que parecidas consideracións foron aplicadas a outros dominios da arte nas súas Seven Lamps of Architecture (1849) e as súas Stones of Venice (1851-1853), obras que analizan a importancia relixiosa, moral, económica e política da arquitectura doméstica.

A obra de Ruskin destaca pola excelencia do seu estilo. Rebelándose contra o entumecemento estético e os perniciosos efectos sociais da Revolución industrial, formulou a teoría de que a arte, esencialmente espiritual, alcanzou o seu cénit no gótico de finais da Idade Media, un estilo de inspiración relixiosa e ardor moral.

A súa idea de beleza posúe unha dobre natureza: a beleza abstracta das cousas, sen ningunha consideración máis que a forma; e a que se pode recoñecer tras un proceso de elaboración e traballo paciente do artista na obra (de aí a súa gran admiración por Fra Angélico).

Tamén é coñecida a súa fascinación cara á beleza das nenas, en 1859 Ruskin coñeceu nunha escola infantil de Wington á que seria máis tarde a súa esposa Rose A Tounche de 10 anos de idade.

Sinalou a Rafael como autor do pecado de pintar con máis detalle unhas partes que outras. Os alumnos de Ruskin foron chamados prerrafaelistas. El mesmo sinalou a este grupo como a esperanza artística de Inglaterra.

Como economista e reformador social, manifestouse franco e inflexible inimigo do que consideraba egoísta e letal nas doutrinas da chamada escola manchesteriana, sendo nesta esfera onde se concentrou a súa serie de cartas dirixidas ós obreiros e braceiros do Reino Unido, que influíron nos reformistas sociais por espazo de tres xeracións. Obtivo a primeira cátedra Slade de Arte da Universidade de Oxford en 1869, cargo que exerceu até 1879. Legou á universidade unha imporante colección de gravados, debuxos e fotografías; ademais de doar unha importante suma de diñeiro para a creación dun centro de ensino do debuxo. Ruskin ilustrou numerosas das súas obras con debuxos da súa propia man. Desde 1885 até a súa morte en 1900, viviu retirado en Brantwood (a súa casa no noroeste de Inglaterra), despois de que en 1889 quedase incapacitado polo agravamento dos episodios de tolemia que viña padecendo desde 1870. Entre as obras que tratan de asuntos económicos, sociais e éticos destacan Sesame and Lilies (1865), Ethics of the Dust (1866) e Crown of Wild Olive (1866).

Na historia da conservación destaca polo seu respecto ao monumento arquitectónico, defendendo a mínima intervención e ensalzando o valor da ruína. A súa práctica oponse ás reintegracións estilísticas do seu contemporáneo Viollet-le-Duc.

Obra[editar | editar a fonte]

O espectro de temas abarcado por Ruskin foi moi amplo. Escribiu máis de 250 obras que empezaron na historia e crítica da arte, pero que terminaron en materias tan variadas como a ciencia, xeoloxía, crítica literaria, ornitoloxía, os efectos da polución sobre o medio ambiente ou a mitoloxía. Despois da súa morte, as súas obras foron recollidas nunha extensa colección, levada a cabo polos seus amigos Edward Cook e Alexander Wedderburn en 1912. Só un índice así de extenso é capaz de reflectir a amplitude e interconexión de todos os seus pensamentos.

  • Pintores modernos (1843-1860). A súa primeira obra, concibida en defensa do paisaxismo de Turner.
  • As sete lámpadas da arquitectura (1849). A súa obra fundamental, onde desenvolve as súas ideas estéticas.
  • As pedras de Venecia (1851-1853). Obra escrita trala súa estancia en Venecia, tamén expoñente das súas ideas estéticas, así como da súa visión sobre o Gótico.
  • Conferencias sobre a arquitectura e a pintura (1853).
  • Economía política da arte (1857).
  • Dous camiños (1859).
  • Sésamo e lirios (1865).
  • A moral do po (1866).
  • A coroa de oliveira silvestre (1866).
  • Fors Clavigera (1871-1887). Cartas ós obreiros ingleses.
  • A Biblia de Amiens (1880-1885).
  • Praeterita (1885-1889). Biografía inacabada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: John Ruskin

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]