Castas (hinduísmo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

No hinduísmo, as castas (en sánscrito "varna", literalmente 'cor', visto como unha cualidade) corresponden na India a unha maneira de estratificación social establecida, en forma tradicional e prescritiva, a cal clasifica ás persoas dentro da sociedade en catro grandes grupos.

En forma xeral, casta refírese a calquera forma de estratificación que pon énfase en factores herdados ou de nacemento do individuo para clasificalo socialmente.

As catro grandes castas son:

  • Os brāhmanes (sacerdotes, mestres, académicos) son a casta máis alta, que —segundo eles acreditan— saíron da boca de Brahmā.
  • Os chatrías (clase política-militar), que saíron dos ombreiros de Brahmā.
  • Os vaishias (comerciantes, artesáns e agrogandeiros), que se formaron das cadeiras de Brahmā.
  • Os shudrás (servos e obreiros), que proveñen dos pés de Brahmā.

Un grupo á parte das castas é o que conforman os dálits ou intocables, unha clase social tan baixa que se consideraba fóra dos varnas. Os hindús consideran que os dálits "son tan baixos coma o mar", e para sobrevivir traballan nos espazos laborais permitidos polo sistema de castas, como o de recoller excrementos humanos coas mans. Adicionalmente, os nenos acostuman a limpar os váteres do colexio ó que van.