John F. Kennedy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
John F. Kennedy.

John Fitzgerald Kennedy, con frecuencia referido como Jack Kennedy ou JFK, nado o 29 de maio de 1917 e asasinado o 22 de novembro de 1963, foi o presidente número 35 dos Estados Unidos de América, entre os anos 1961 e 1963.

John Fitzgerald Kennedy pasou á historia como un dos presidentes máis lembrados tanto pola súa idiosincrasia (foi o presidente dos EUA elixido máis novo, e o primeiro e único ata o momento de relixión católica) como pola súa tráxica morte nun atentado.

Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

A súa familia era de orixe irlandesa. O seu pai, o doutor Joseph Kennedy, era embaixador dos EUA en Gran Bretaña xusto antes da Segunda Guerra Mundial e posuía unha das maiores fortunas do país.

John F. Kennedy convértese nun heroe de guerra. A bordo do seu patrulleiro PT109 foi atacado por un patrulleiro xaponés. Permaneceu durante 30 horas no mar, a fin de manter con vida a algúns compañeiros gravemente feridos. Deste xeito agravou unha lesión de costas que sufrira xogando ao fútbol americano, e que lle causaría molestias durante toda a súa vida.

O seu irmán maior morreu en combate durante a guerra, polo que John tivo que tomar as responsabilidades propias da ambición política que o seu pai tiña para o clan familiar.

Vida Política[editar | editar a fonte]

A comezos dos anos 1950 convértese en senador polo estado de Massachusetts.

Como candidato demócrata gañou na elección presidencial de 1960 ao entón vicepresidente, Richard Nixon e o seu mandato só durou aproximadamente mil días. Durante ese tempo tiveron lugar varios feitos salientables na historia dos EUA: a aceleración da carreira espacial, o aumento do papel de Estados Unidos na Guerra de Vietnam e a Invasión de Baía de Cochinos, que desencadeou a crise dos mísiles de Cuba en 1962. Negociacións entre o goberno de Kennedy e Nikita Khrushchev, conseguiron deter as hostilidades; así e todo, durante toda a historia da Guerra Fría xamais se estivo tan preto dunha confrontación armada directa entre as dúas potencias.

En canto a Latinoamérica, lanzou o seu programa "Alianza para o Progreso", que pretendía lograr un maior achegamento entre as diferentes nacións de América, con respecto a EEUU, para deste xeito afastalas da influencia soviética, encarnada en Cuba. Froito deste plano foi o xurdimento de Cidade Kennedy, que na actualidade é o barrio máis grande de Bogotá, con máis dun millón de habitantes.

Internamente tivo un importante labor en promover os dereitos civís da poboación afroamericana, especialmente nos estados do sur, onde seguían sufrindo unha forte segregación. Así mesmo polo seu carisma foi unha fonte de inspiración para que moitos estadounidenses se involucrasen social e politicamente na actividade pública.

A súa administración colidiu contra varios poderes do país. A orixe dubidosa de parte da fortuna familiar (o seu pai traficou con licor durante a lei seca) ligábao a membros da mafia de EEUU, especialmente a Sam Giancana. Esta situación, sumada á política recalcitrante do seu irmán menor e Fiscal Xeral (equivalente nos EUA a Ministro de Xustiza) Robert F. Kennedy, fixo que o presidente se atopase no medio dun conflito de intereses, fóra do normal. A isto había que sumar a confrontación aberta dos Kennedys (en especial Robert) co principal xefe sindical do país, Jimmy Hoffa.

O enigma da súa morte[editar | editar a fonte]

Kennedy foi asasinado en Dallas o 22 de novembro de 1963 durante unha viaxe oficial. Lee Harvey Oswald foi detido, acusado de cometer o atentado. Este último foi á súa vez asasinado por Jack Ruby antes de que puidese testemuñar nun xuízo.

Este atentado afectou enormemente á sociedade estadounidense. Hoxe en día son poucos os estadounidenses que cren que o doutor John F. Kennedy foi asasinado por Lee Harvey Oswald, ou que o fixo en solitario. Existen ata numerosas hipóteses de conxura nas cales se implica á CIA, o FBI, ao goberno cubano de Fidel Castro, ou aos exiliados cubanos.

Filmes relacionados[editar | editar a fonte]

Rodáronse varias películas sobre a súa morte:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: John F. Kennedy
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: John F. Kennedy



Predecesor:
Dwight D. Eisenhower
USPresidentialSeal.jpg
Presidente dos Estados Unidos de América

1961 - 1963
Sucesor:
Lyndon B. Johnson