Guerra anglo-bóer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comando bóer

A guerra anglo-bóer enfrontou o Imperio Británico coas dúas repúblicas bóers independentes do territorio da actual Suráfrica. Na historiografía inglesa coñécese tamén como segunda guerra bóer, na historiografía surafricana actual como guerra surafricana e en afrikaans coñécese con frecuencia como segunda guerra de Independencia. A guerra declarouse o 11 de outubro de 1899 e rematou o 31 de maio de 1902 e como consecuencias as dúas repúblicas perderon a súa independencia absorbidas polo Imperio Británico.

Contexto[editar | editar a fonte]

Co descubrimento de ouro no Transvaal, milleiros de forasteiros (uitlander en afrikaans), na súa maioría de orixe inglesa, acudiron desde a colonia do Cabo, e en pouco tempo superaron os bóers no Witwatersrand pero permaneceron como unha minoría no conxunto do Transvaal sentíndose discriminados por sufrir unha maior presión fiscal, pola falta de dereitos, non podían votar os membros do Parlamento xa que desde 1886 eran precisos catorce anos de residencia para obter a cidadanía e por outorgar certos monopolios, como a dinamita a non británicos. Desde 1890 era primeiro ministro da colonia do Cabo Cecil Rhodes, partidario unha África británica do Cabo ao Cairo, pero nun principio a súa xestión estivera encamiñada a crear unha unión aduaneira cos bóers, por mor da oposición destes decidiu fomentar as protestas dos uitlander para desestabilizar o Transvaal e anexionalo ao Imperio. En 1895 produciuse unha revolta fracasada dos uitlander en Xohanesburgo, á que Rhodes non era alleo e que provocou o seu cesamento como primeiro ministro. Como consecuencia o presidente do Transvaal, Paul Kruger asinou unha alianza militar co presidente do Estado Libre de Orange, Martinus Theunis Steyn en 1897.

Os uitlander pasaron a pedir a intervención da coroa británica e no Reino Unido, moitos británicos eran accionistas das minas do Transvall, comezou unha campaña dos medios para pedir a intervención británica. En setembro de 1899 Chamberlain enviou un ultimato demandando a igualdade de dereitos para os británicos residentes no Transvaal, tras ordenar previamente o envío tropas de reforzo a Natal procedentes da India. Como reacción o 9 de outubro Kruger envioulle aos británicos o seu propio ultimato esixindo a retirada en 48 horas das tropas británicas acantonadas na fronteira.

Ofensiva bóer[editar | editar a fonte]

Transvaal declarou a guerra o 11 de outubro de 1899 e o día seguinte fixo o propio o Estado de Orange, en total as tropas bóers contaban con 30.000 homes armados dirixidos polo xeneral Petrus Jacobus Joubert mentres os británicos contaban con 22.000 militares e 10.000 milicianos pero agardaban un reforzo de 40.000 homes comandados polo xeneral Redvers Buller.

Os bóers nunha acción rápida e por sorpresa cruzaron a fronteira e entraron na colonia británica de Natal sitiando os ingleses na localidade de Ladysmith mentres no oeste os bóers sitiaban as cidades de Mafeking e Kimberley e polo sur os bóers chegaban ata preto de Colesbarg.

A fins de outubro chegaron as tropas comandadas por Buller, este pretendía dirixir unha ofensiva contra Bloemfontein seguindo a liña do ferrocaril pero o coñecer a situación das tropas británicas dividiu o seu exército para auxiliar as localidades sitiadas. Na batalla de Magersfontein (11 de decembro) o corpo dirixido por lord Methuen foi derrotado cando intentaba socorrer Kimberley e o 15 de decembro o groso das tropas de reforzo dirixidas por Buller foron derrotadas en Colenso cando tentaban chegar a Ladysmith. E na batalla de Spion Kop (23-24 de xaneiro de 1900) as tropas británicas foron derrotadas novamente cando unha vez máis intentaban socorrer Ladysmith.

Ofensiva británica[editar | editar a fonte]

As novas que chegaban ao Reino Unido das derrotas británicas abraiou a Europa que esperaba unha vitoria rápida e doada para os británicos, estes enviaron a Frederick Roberts como xefe de todas as forzas británicas en África do sur, desde a súa chegada comezou a contraofensiva británica liberando as gornicións de Kimberley o 15 de febreiro e na batalla de Paardeberg (18-27 de febreiro) Roberts conseguiu a rendición de Piet Cronje e 4000 dos seus homes mentres Buller conseguía que se levantase o sitio de Makefing o 17 de maio e antes o 13 de marzo Roberts entraba en Bloemfontein a capital de Orange pero nun golpe sorpresa os bóers contaron as pontes da cidade e fixéronse cos depósitos da auga provocando a morte de 1000 soldados británicos nas seguintes semanas, o 31 de maio os británicos entraron en Xohanesburgo e o 5 de xuño en Pretoria.

Guerra de guerrillas[editar | editar a fonte]

Campo de concentración británico

Logo da caída das principais cidades bóers a guerra os bóers continuaron a guerra por medio de comandos que desenvolveron unha guerra de guerrillas ao longo dos dous anos seguintes. O exército británico avanzou seguindo as liñas do ferrocarril para conquistar o resto do territorio sufrindo numerosas baixas, o presidente Kruguer e o que quedaba da estrutura administrativa do goberno retiráronse o leste do Transvaal antes de pedir asilo na África Oriental Portuguesa. En setembro de 1900 os británicos controlaban formalmente as dúas repúblicas pero o control era só efectivo mentres permanecían no territorio as súas tropas, estimadas en 250.000 efectivos. Axiña como o seu exército se retiraba dunha zona o control volvía aos comandos bóers. En marzo de 1901, o xeneral Kitchener adoptou unha política de terra queimada, privando as áreas rurais de calquera artigo útil aos guerrilleiros, confiscou gando, envelenou pozos, queimou colleitas e granxas e desprazou a poboación rural a campos de concentración. Finalmente o 31 de maio de 1902 asinouse o Tratado de Vereeniging, era o final da guerra. Un total de 75.000 persoas morreron nela: 22.000 soldados británicos, 7.000 soldados bóers, 20-28.000 civís bóers e 20.000 africanos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Omissi e Andrew S. Thompson, eds., The Impact of the South African War, Basingstoke, Palgrave, 2002
  • Thomas Pakenham, La guerra anglo-boera, Milán, Rizzoli, 1982 (tradución italiana)
  • Robert S. Ross, Historia de Suráfrica, Madrid, Akal, 2006 (tradución castelá)