Deng Xiaoping

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deng Xiaoping
邓小平
Deng Xiaoping
Deng Xiaoping en 1976


Presidente da Comisión Consultiva Central do Partido Comunista da China
13 de setembro de 1982 – 2 de novembro de 1987
Precedido por Cargo novo
Sucedido por Chen Yun

Datos persoais
Nacemento 22 de agosto de 1904 Guang'an, Dinastía Qing
Falecemento 19 de febreiro de 1997 (92 anos) Pequín, China
Cónxuxe/s Zhang Xiyuan (1928-1929)
Jin Weiying (1931-1939)
Zhuo Lin (1939-1997)
Fillos Deng Lin
Deng Pufang
Deng Nan
Deng Rong
Deng Zhifang

Na rede
IMDB: nm0219031 WikiTree: 鄧-8 Find a Grave: 6653659 Editar o valor em Wikidata

Deng Xiaoping (en chinés tradicional: 鄧小平; en chinés simplificado: 邓小平; pinyin: Dèng Xiǎopíng; Wade-Giles: Teng Hsiao-p'ing) zh-Deng_Xiaoping.ogg (Escuchar) , nado en Guang'an, Sichuan o 22 de agosto de 1904 e finado en Pequín o 19 de febreiro de 1997 foi un político chinés, máximo líder da República Popular da China dende 1978 ata os últimos anos da súa vida.

Baixo o seu liderado, a República Popular da China emprendeu as reformas económicas de liberalización da economía socialista[1] que permitiron a este país acadar unhas altas cotas de crecemento económico.[2] Fronte a estes éxitos na economía, Deng exerceu un poder de marcado carácter autoritario, e o seu papel foi decisivo na represión violenta das protestas da praza de Tian'anmen en 1989.

Membro do Partido Comunista da China dende os seus anos de estudo en Francia e na Unión Soviética, Deng converteuse nun dos dirixentes máis importantes do partido durante a época de Mao Zedong. Porén, a súa proximidade ideolóxica ao entón presidente da República Popular Liu Shaoqi, fixo del un dos albos da Revolución Cultural e Deng e Liu foron acusados de dereitistas e contrarrevolucionarios. Apartado da cúpula do poder durante eses anos, Deng volveu ao primeiro plano da actividade política trala morte de Mao, impoñéndose finalmente ao sucesor deste, Hua Guofeng, na loita polo poder. A diferenza do seu antecesor, as súas aparicións públicas foron escasas.

Durante os últimos anos da súa vida, Deng non ocupaba ningún cargo político e, aqueixado de párkinson, apenas podía seguir os asuntos de estado. Con todo, seguiu a ser considerado o líder supremo da China ata a súa morte.

Legado[editar | editar a fonte]

Deng Xiaoping foi considerado ata a súa morte o líder supremo da China, e mesmo despois da súa desaparición, o Partido Comunista seguiu a grandes trazos as políticas que Deng puxera en marcha. O seu sucesor Jiang Zemin cedeu o poder a outro dirixente tamén achegado a Deng, o expresidente da República Popular da China Hu Jintao.

Segundo os seus partidario, baixo o liderado de Deng, a China, con máis de mil millóns de habitantes, iniciou unha época de desenvolvemento económico sen precedentes. A pesar dos problemas sociais que se derivaron das reformas económicas, consideran que as súas políticas sacaron da pobreza absoluta centos de millóns de chineses e situaron a China no camiño de converterse nunha das superpotencias económicas do mundo.

Fronte a estes éxitos no desenvolvemento económico e social da China, Deng Xiaoping foi criticado pola súa forma de goberno autoritaria e polo seu papel no uso da forza contra os manifestantes da praza de Tiananmen en 1989. Non obstante, algúns analistas consideran que o estilo de goberno de Deng foi máis humano e altruísta có do seu predecesor Mao Zedong e a diferenza de Mao, Deng non promoveu o culto á súa persoa.

Xunto a estas visións positivas da figura histórica de Deng Xiaoping tamén houbo analistas de ideoloxía marxista que criticaron o abandono da ortodoxia comunista e a introdución de políticas económicas capitalistas. Así, responsabilizan a Deng de arrebatar aos traballadores e campesiños o control do Estado para deixalo en mans dos grandes burócratas e empresarios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Harvey, D. Breve historia del neolibealismo, (2005), Ediciones Akal, 2007, ISBN 978-84-460-2517-7. p. 3
  2. Mau, Michael Y. M.; Marsh, Susan H. (eds.). China in the Era of Deng Xiaoping: A Decade of Reform (en inglés). Books.google.ca. Consultado o 3-1-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]