Inocencio VI, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XIII ó século XIV
Papas do século XIV
Papa do século XIV ó século XV
Antipapa/s


C o a Innocenzo VI.svg

Inocencio VI, nado en Les Monts cara a 1282 ou 1295 e finado en Avignon o 12 de setembro de 1362, foi o Papa nº 199 da Igrexa Católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De nome Étienne Aubert, naceu na aldea de Les Monts, diocese de Limoges (hoxe parte da comunidade de Beyssac, departamento de Corrèze). Despois de exercer como profesor de dereito civil en Tolosa foi nomeado bispo de Noyon e posteriormente de Clermont, dignidade que ocupou ata ser nomeado cardeal bispo de Ostia en 1342.

Foi elixido Papa o 18 de decembro de 1352, tras pactar cos cardeais electores sobre a liña política que ía seguir o seu pontificado. Ó serlle imposta a tiara papal declarou nulo o acordo, alegando a súa ilegalidade por limitar o poder divino do Papa.

Durante o seu pontificado abordou con forza a reforma da administración eclesiástica, para o que prohibiu a acumulación de cargos e beneficios, obrigando ós bispos a residir nas súas respectivas dioceses. Loitou contra a corrupción e reduciu a ostentación e o luxo no que vivía a sé pontificia.

Innozenz VI.gif

En 1354 enviou a Roma ó cardeal Gil Álvarez de Albornoz, xunto a Cola di Rienzo, para acabaren coas revoltas en que vivía inmersa a cidade. Unha vez restablecida a orde, Inocencio confioulle o goberno dos Estados Pontificios.

Na orde política, en 1360 logrou que Francia e Inglaterra, que se enfrontaban na Guerra dos Cen Anos desde 1337, firmasen a Paz de Bretigny. Consecuencia inmediata do período de paz que seguiu a este acordo foi que as tropas mercenarias de cada bando, ó seren licenciadas, se dedicaron á pillaxe, polo que Inocencio tomou a decisión de fortificar a sé pontificia de Avignon.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como De montibus Pammachii (Do monte Pammacos), facendo referencia a que no seu escudo de armas figuran seis montañas.