Honorio II, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XII
Antipapas

Honorio II, nado co nome de Lamberto Scannabecchi en Fagnano en data ignota, e finado en Roma o 13 de febreiro de 1130, foi o 163º papa da Igrexa Católica de 1124 a 1130.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1117 foi nomeado cardeal de Ostia por Xelasio II. Convertiuse nun dos seus colaboradores máis achegados, acompañándoo a Francia cando o papa foi exiliado. Xa durante o papado de Calisto II actuou como legado papal e participou activamente nas negociacións que levarían á sinatura, en 1122, do Concordato de Worms que puxo fin á querela das investiduras.

Trala morte de Calisto II, a tradicional intromisión imperial nas eleccións papais desaparecera debido á inmediata morte do emperador Henrique V.

Con todo, esta favorable oportunidade non foi aproveitada pola Igrexa debido a que os cardeais estaban divididos en dúas faccións, apoiadas respectivamente polas familias Pierleoni e Frangipani, que levaron á elección de dous papas: Honorio II e Celestino II. O previsible cisma quedou abortado coa renuncia de Celestino II, sendo consagrado Honorio o 21 de decembro de 1124.

A súa primeira decisión foi a sucesión de Henrique V no trono do imperio Xermánico, pretendido por tres candidatos: Lotario, duque de Saxonia; Federico, duque de Suabia, e Conrado, duque de Franconia. A elección estaba en mans dunha asemblea composta por sete príncipes electores, tres eclesiásticos e catro nobres entre os que se encontraban os tres candidatos ao trono; pero ao estaren os electores eclesiásticos influenciados polo Papa, Honorio era quen tiña a clave da elección. Decantouse polo duque de Saxonia, que en 1125 se converteu no rei xermano Lotario III, ao ser o candidato máis propenso a respectar o concordato de Worms.

En 1127, trala morte do duque Guillerme de Calabria e Apulia, opúxose nun primeiro momento a que o conde Roger II de Sicilia fose o seu sucesor, aínda que posteriormente viuse na obriga de recoñecelo.

Durante o seu pontificado Bernardo de Claraval redactou a regra pola que se debería rexer a recentemente fundada Orde do Temple, sendo recoñecida oficialmente por Honorio no concilio de Troyes.

Combateu a herexía dos albixenses, para o cal convocou o concilio de Tolousse.

Honorio II morreu no convento de San Gregorio, onde se retirara ao sentirse enfermo. O seu corpo foi inhumado na Basílica de San Xoán de Letrán.