Clemente Fernández Sarela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entrada ao recinto do mosteiro de Caaveiro coroada pola torre barroca obra de Fernández Sarela.

Clemente Fernández Sarela nado en Santiago de Compostela en 1716 e morto en 1765, foi un arquitecto barroco galego.

[editar] Traxectoria

Fillo de Francisco Fernández Sarela, mestre de arquitectura, o seu primeiro proxecto salientable foi a rehabilitación da porta da muralla de San Francisco, derrubada posteriormente no século XIX. En 1744 traballou baixo as ordes de Fernando de Casas Novoa na fachada do Obradoiro da catedral santiaguesa. Foi aparellador das obras desta catedral con Lucas Caaveiro. Xunto con el, realizou as obras da sala capitular e o arquivo; tamén traballou na fachada da Acibecharía.

Ocupouse da edificación e restauración das moitas casas que o cabido posuía en Santiago. Interveu na casa número 57 da Rúa Nova e na casa número 1 do Cantón de San Bieito. Pero onde verqueu o seu xenio creador foi na Casa do Cabido. Aquí buscou dotar de beleza o contorno da Praza das Praterías. Utiliza espléndidas volutas, placas, pináculos e a emblemática vieira, así como unha rocalla no lintel da porta. A cornixa voada aparece tamén moi decorada, con gárgolas e balaustrada con pináculos. Obsérvase a influencia de Simón Rodríguez nos cilindros.

Obras súas son tamén o pazo de Bendaña en Santiago e o de pazo de Sistallo en Cospeito, o campanario do mosteiro de Caaveiro, tamén debedor de Simón Rodríguez, o pazo de Fondevila nas Casas Reais compostelás e as primeiras obras no colexio da Compañía de María, concretamente a parte oriental do convento e a igrexa ata o cruceiro.

Faleceu en 1765 e foi soterrado na capela da Orde Terceira.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas